Mércores, 23 de setembro de 2026.- O pasado luns pechouse o prazo para optar a algún dos premios que concede a Cátedra R en Ciberseguridade, que este ano fai 8 anos de traballo a prol da investigación, formación, transferencia tecnolóxica, fomento da innovación e captación de talento TIC, entre outros obxectivos.

O certame destacará os mellores Traballos de Fin de Grao, Fin de Máster e Tese Doutoral ou Traballo de Investigación con empresas en 2025-26, exercicio que puxo o foco especialmente nas tecnoloxías intelixentes aplicadas ao negocio.

Cátedra pioneira e renovada

A Cátedra R en Ciberseguridade continúa a súa andaina após o acordo revalidado o ano pasado polas universidades da Coruña e de Vigo con R e MasOrange en Galicia, que ratifica a colaboración directa das institucións académicas co operador galego no eido da seguridade dixital.

Pioneira en 2018 para avanzar en ciberseguridade ao compás da dixitalización, a Cátedra R retomou os seus grandes obxectivos: captar talento TIC en informática, Intelixencia Artificial aplicada ao negocio e ciberseguridade, sen esquecer os referentes prioritarios da formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación. E dende agora, con énfase especial no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa.

Bolsas para proxectos TIC

As prácticas curriculares e extracurriculares en R son outro dos capítulos esenciais da Cátedra R en Ciberseguridade. Trátase de bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UdC e para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír a realización do Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM). O propósito é capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun/a titor/a académico/a do centro onde cursan os seus estudos.

De feito, un 70 % da dotación económica da Cátedra R destinarase a bolsas e prácticas, e o 30 % restante a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.

A Cátedra R consolidouse como referente en Galicia organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en ciber.gal a partir de 2021. Ademais, participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. A Cátedra R promove tamén retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas, consolidando unha alianza público-privada para adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e administracións.

C3TF: Competición de ciberseguridade, máis un ano

Co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade, a finais de outubro terá lugar tamén o C3FT (CITIC CYber Competition), unha competición de ciberseguridade —na liña de Capture The Flag— organizada polo CITIC da Universidade da Coruña, en colaboración co centro atlanTTIC da Universidade de Vigo.

O obxectivo do torneo, que reuniu máis dun cento de estudantes en anteriores edicións, é probar e mellorar as habilidades prácticas de novos talentos en diferentes áreas da ciberseguridade, como a esteganografía, a criptografía ou a análise forense, entre outras.

As cifras da Cátedra R en Ciberseguridade

  • +500 estudantes en actividades formativas e divulgativas.
  • +20 accións divulgativas (charlas, hackathons, mesas redondas).
  • +15 premios académicos entregados (TFG, TFM, Teses).
  • 9 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares.