• O grupo Orange España resultou adxudicatario provisional dun 70 % deste novo plan do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública: 12,2 M€ para que o 5G chegue mesmo a zonas sen cobertura móbil de ningún operador.

  • Co plan 5G Redes moi rurais, R encargarase de levar a tecnoloxía máis avanzada de quinta xeración a localizacións moi apartadas de 27 municipios galegos, un 30 % das actuacións da compañía en toda España.

  • Diversos lugares de difícil acceso ou especialmente illados das catro provincias galegas gozarán da mellor tecnoloxía 5G para seguir minorando a fenda dixital e que a conectividade e a dixitalización estean tamén ao alcance da poboación rural.

Venres, 30 de outubro de 2026. En Galicia, un total de 28 localizacións moi illadas de 27 municipios nas catro provincias galegas gozarán tamén dos servizos de telecomunicacións máis avanzados grazas ao Plan 5G Redes moi rurais, do Ministerio de Transformación Dixital, do que resultou adxudicatario provisional Orange España, o grupo do operador galego.

Nunha primeira fase do concurso, á compañía laranxa foille adxudicado un 70 % do orzamento do plan: 12,2 M€ para que a tecnoloxía 5G chegue a zonas que ata a data non teñen cobertura de ningún operador móbil.

Cando se confirme esta adxudicación, a comunidade galega converterase na principal beneficiada do programa, cun 30 % das actuacións do grupo en toda España no marco desta iniciativa, que persegue minorar ao máximo a fenda dixital co rural.

Na Coruña, distintos núcleos especialmente apartados ou de difícil acceso de 16 municipios poderán gozar da tecnoloxía de vangarda de quinta xeración; serán, en concreto, A Baña, Arzúa, As Pontes de García Rodríguez, Cabana de Bergantiños, Cedeira, Cee, Coristanco, Dodro, Mazaricos, Melide, Monfero, Negreira, Outes, Trazo, Toques e Val do Dubra.

En Lugo haberá cinco concellos beneficiados: Folgoso do Courel, Vilalba, O Vicedo, Guntín e Triacastela; outros cinco, en Ourense: A Gudiña, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Rubiá e O Barco de Valdeorras; e, finalmente, unha localización no municipio de Rodeiro, en Pontevedra.

Para levar a tecnoloxía ata o último recuncho do rural

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública lanzou esta resolución provisional do programa 5G Redes moi rurais, que se convocou en xullo para as operadoras achegaren a súa tecnoloxía avanzada a zonas que quedaron illadas da rede por escaseza de poboación ou polo seu difícil acceso e que, na actualidade, continúan sen ningún tipo de cobertura móbil.

O grupo Orange construirá un total de 82 novos emprazamentos cun investimento de 18,4 M€, dos que as axudas financian 12,2 M€. O propósito final, que a conectividade e as oportunidades da dixitalización non sexan unha vantaxe exclusiva do mundo urbano, que cheguen tamén ata o último recuncho da España rural e que os seus habitantes e empresas poidan competir en igualdade de condicións a todos os niveis. Territorio, oportunidades e cohesión para que o lugar onde viven as persoas non determine ata onde poden chegar.

Activismo rural de R en Galicia: compromiso de cobertura e conectividade

O novo plan 5G Redes moi rurais é un paso máis tras o programa UNICO 5G Redes Activas, financiado polos fondos NextGenerationEU, que R completou este ano e mediante cal levou a mellor tecnoloxía 5G a 245 municipios galegos de menos de 10.000 habitantes.

De feito, o 97 % da poboación dispón de 5G en Galicia con Orange e R e ao final do ano falaremos dunha cobertura practicamente total que acabará coa fenda dixital no territorio.

Grazas ao plan UNICO 5G e a outras implementacións levadas a cabo dende hai anos por R en zonas de difícil acceso, distintas localidades pouco poboadas ou apartadas dispoñen xa de altísimas velocidades e os/as seus/súas habitantes poden traballar en remoto ou ver a televisión coa máxima calidade, ao mesmo nivel ca en cidades grandes.

R, marca de referencia de Orange en Galicia, subscribe outra vez o seu compromiso de cobertura para facilitar o acceso de toda a poboación galega ás novas tecnoloxías e que ningunha persoa nin empresa teña menos oportunidades para competir e conectarse co mundo. En 2026 ese compromiso esténdese, co servizo cachocobertura R, a interiores de inmobles de diversas localidades galegas onde a rede móbil non chega ou nos que hai problemas de conectividade polas súas características arquitectónicas ou urbanísticas.

Alfredo Ramos, director de R e responsable territorial de Orange en Galicia, destacou «a importancia de compartir con administracións públicas e institucións este compromiso coa conectividade do territorio, para falar realmente de igualdade de oportunidades e que calquera persoa en Galicia poida formarse, traballar e emprender dende o rural en condicións similares ás das cidades. O activismo rural de R e de Orange consiste en pór a tecnoloxía ao servizo da poboación, do campo, da industria agroalimentaria e da sostibilidade, facilitando que o talento quede no rural ou volva a el para crecer e liderar».

Rematar coa fenda dixital foi, dende o principio da súa andaina, unha das razóns de ser de R. O operador galego mantivo sempre —e reforza aínda máis con Orange— a súa decidida aposta polo desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico de Galicia, que se ten concretado en máis de 2.300 M€ de investimento histórico acumulado polo grupo no territorio ao longo da súa traxectoria.