Luns, 7 de setembro de 2026.- R, operador de comunicacións líder en Galicia, prepárase para a tecnoloxía 6G con MasOrange, número un do mercado español das telecomunicacións por número de clientes. O grupo probou, xunto a Ericsson, a súa rede móbil na banda de 6 GHz, que será clave para a despregadura do 6G (como foi a banda de 3,5 GHz para o 5G).
Este fito forma parte da estratexia de innovación de Masorange para adiantarse ás necesidades de conectividade futuras e preparar as infraestruturas para afrontar a nova era da Intelixencia Artificial, a automatización, a computación cuántica, as experiencias dixitais inmersivas e futuros casos de uso que transformarán sectores completos da economía.
Aínda que a chegada do 6G ao noso país estea proxectada contra 2030, MasOrange xa traballa na preparación desta nova era tecnolóxica probando a banda de 6 GHz, que conta cunha combinación única de cobertura, capacidade e eficiencia. Malia as licenzas deste espectro non ter sido adxudicadas aínda en España, o sector concorda en que esta banda será un recurso vital para que as futuras redes móbiles soporten novos servizos de última xeración coa eficiencia necesaria para conter o gasto enerxético.
Para que servirá o 6G
O futuro 6G aspira a dar máis un paso ao integrar de xeito nativo comunicacións, intelixencia, automatización e a capacidade de percibir e interpretar o ambiente. Neste contexto, as tecnoloxías ISAC (Integrated Sensing and Communication) representan un dos exemplos de innovación transformadora que poderán habilitarse co 6G. Grazas á converxencia entre comunicacións e sensorización, as futuras redes non só comunicarán, senón que tamén poderán “percibir” o que acontece ao seu redor utilizando os mesmos sinais de radio. E a banda de 6 GHz será un habilitador clave desta visión, ao combinar capacidade, cobertura e eficiencia para soportar novos servizos baseados en intelixencia artificial, automatización, xemelgos dixitais e monitoraxe avanzada do mundo físico, con aplicacións potenciais como:
- detectar persoas ou vehículos sen necesidade de cámaras
- realizar o seguimento de activos en portos, fábricas ou aeroportos
- controlar remotamente movementos en ambientes industriais
- identificar obstáculos para sistemas de mobilidade autónoma
- crear xemelgos dixitais de cidades, estradas e infraestruturas en tempo real
“A banda de 6 GHz multiplicará a capacidade das redes móbiles ante o crecemento inxente do tráfico de datos polo uso intensivo da IA e doutras experiencias dixitais avanzadas. Estamos perante un habilitador tecnolóxico fundamental para calquera operador que aspire a liderar o mercado na vindeira década”, declarou Alfredo Ramos, director de R e territorial de MasOrange en Galicia.
Unha nova xeración de redes e antenas intelixentes
A introdución de novas frecuencias para as comunicacións móbiles esixe toda unha nova xeración de equipos e tecnoloxías de radio asociadas. Neste sentido, a validación realizada por MasOrange e Ericsson incluíu probas con arquitecturas avanzadas de antenas activas que evolucionan dende as configuracións actuais de 64 transmisores e receptores (64TR) a sistemas 256TR, o que pode cuadriplicar o número de elementos radiantes.
Adicionalmente, probáronse avanzadas técnicas de enderezamento de sinal (beamforming). Esta tecnoloxía permite dirixir o feixe de transmisión de datos de maneira dinámica e ultraprecisa cara á localización e necesidades específicas de cada usuario/a en movemento, mellorando o aproveitamento do espectro dispoñible e aumentando significativamente a capacidade da rede. É dicir, no mesmo espectro poderanse transmitir os datos dun maior número de usuarios/as e facelo con maior eficiencia enerxética.
A combinación destas tecnoloxías permitirá:
- aproveitar mellor cada MHz de espectro
- multiplicar por catro a capacidade dispoñible de cada nodo móbil
- mellorar substancialmente a experiencia de usuario/a en ambientes de alta demanda
- avanzar cara a redes máis eficientes, programables, abertas e sostibles
España, laboratorio europeo da conectividade do futuro
Con este fito MasOrange e R reafirman a súa aposta polo desenvolvemento tecnolóxico de España, onde o grupo foi pioneiro na despregadura de solucións de conectividade de última xeración como 5G Advanced e VoNR (voz sobre 5G), ás que suma agora a validación empírica dunha das bandas máis relevantes para as telecomunicacións do futuro.
A conectividade 6G achega coñecemento técnico de primeiro nivel para a optimización dos seus servizos e contribúe activamente ao desenvolvemento de capacidades estratéxicas nacionais, reforzando o posicionamento de España como lugar de referencia para a experimentación en telecomunicacións e fortalecendo a competitividade dixital de Europa fronte a outros mercados globais.
