Mércores, 4 de novembro de 2026.- A Cátedra R en Ciberseguridade obtivo o premio CIBER.gal 2026 á mellor “Iniciativa dirixida ao tecido empresarial” en recoñecemento ao seu pulo sostido do talento e a innovación para reforzar a ciberseguridade no ecosistema da empresa galega.

Esta mañá Susana Rey, da Oficina de Privacidade de R, recolleu o premio durante a primeira xornada de CIBER.gal 2026, o Encontro galego de Ciberseguridade da administración autonómica a través da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), acompañada de María Llorente, de Marketing Empresas de R e máis dos directores da Cátedra, Ana Fernández Vilas, da UVigo e máis Carlos Dafonte, da UdC. Susana Rey agradeceu esta distinción que “recollo con moito orgullo no nome de R e das Universidades da Coruña e Vigo, sen cuxo traballo e colaboración máxima ao longo destes 8 anos tería sido imposible sacar adiante o proxecto da Cátedra R en Ciberseguridade. Sen dúbida, un exemplo de coordinación público-privada esencial nos nosos días”.

Un proxecto pioneiro e anovado

A Cátedra R en Ciberseguridade, creada en 2018 e apoiada dende entón polo operador galego e as Universidades da Coruña e Vigo, revalidou o ano pasado a súa andaina e a colaboración directa das institucións académicas con R no ámbito da seguridade dixital.

Pioneira cando naceu para avanzar en ciberseguridade ao compás da dixitalización, a Cátedra R mantén os seus grandes obxectivos: captar talento TIC en informática, Intelixencia Artificial aplicada ao negocio e ciberseguridade, sen esquecer os referentes prioritarios da formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación. E na actualidade, con énfase especial no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa. A súa actividade combina premios académicos, prácticas curriculares, obradoiros especializados, competicións técnicas, xornadas de innovación, programas STEM e espazos de encontro entre estudantes, investigadores e empresas.

Medio milleiro de estudantes, divulgación, colaboración e premios

Entre os principais resultados alcanzados pola Cátedra R en Ciberseguridade destacan as cifras de máis de 500 estudantes que participaron en actividades formativas e divulgativas, máis de 20 accións de divulgación técnica e social, máis de 15 premios académicos concedidos e 9 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares desenvolvidas na empresa.

Así mesmo, a iniciativa fomentou espazos de colaboración con entidades coma CITIC, atlanTTic, Gradiant, Microsoft, Finsa, Imatia, Hijos de Rivera e outras relevantes do eido galego da innovación.

Dende a súa creación, a Cátedra R contribuíu ao desenvolvemento do ecosistema galego de ciberseguridade mediante formación de talento especializado, transferencia de coñecemento entre universidade e empresa e promoción de iniciativas de referencia en Galicia. Todo isto permitiu ampliar o alcance da cátedra alén do ámbito universitario, contribuíndo á sensibilización en ciberseguridade, ao desenvolvemento de capacidades técnicas entre a xente nova e á creación dunha vía estable de incorporación de talento ao tecido empresarial e tecnolóxico do territorio.

Bolsas para proxectos TIC

As prácticas curriculares e extracurriculares en R son outro dos capítulos esenciais da Cátedra R en Ciberseguridade. Trátase de bolsas anuais para a Facultade de Informática da UdC e para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír a realización do Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM). O propósito é capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun/a titor/a académico/a do centro onde cursan os seus estudos.

De feito, un 70 % da dotación económica da Cátedra R destinarase a bolsas e prácticas, e o 30 % restante a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional.

A Cátedra R consolidouse, a maiores, como referente en Galicia organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en CIBER.gal a partir de 2021. Ademais, participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. A Cátedra R promove tamén retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas, consolidando, en suma, unha alianza público-privada para adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e administracións en Galicia.