Martes, 11 de agosto de 2026. O operador galego R, líder de telecomunicacións en Galicia, vén de asinar un acordo co Real Club Deportivo da Coruña que garante a presenza da marca R en todos os partidos disputados polo primeiro equipo no estadio ABANCA-RIAZOR durante a tempada 2026-27.
O operador galego ―aliado tamén do club coruñés en anos anteriores a través do Dépor Genuine― revalida máis unha vez a súa aposta polo deporte en Galicia mediante este acordo como colaborador oficial do Dépor, un dos clubs máis antigos de LaLiga e referente social da comunidade após 120 anos de historia. Ás portas do Trofeo Teresa Herrera e do inicio do campionato de Liga, R e Dépor revalidan a súa galeguidade e a súa aposta polos valores do deporte, que devolveron o equipo coruñés á Primeira División esta tempada.
R, no estadio ABANCA-RIAZOR
En todos os partidos que tanto o primeiro equipo masculino como o Dépor ABANCA (feminino) disputen na casa verase a imaxe de R nos paneis e o anel led do estadio ABANCA-RIAZOR, con capacidade para 32.500 espectadores/as e unha asistencia de case que 480.000 persoas en tempadas anteriores. Ademais, emitiranse varios pases dun anuncio sen son no videomarcador do recinto no decurso deses partidos locais.
Ao mesmo tempo, R pasa a formar parte do RC Deportivo Business Club e estará presente cun banner no boletín de noticias do club, que conta xa con 30.000 abonados/as.
Alfredo Ramos, director de R e territorial de MasOrange en Galicia, dixo que “é un orgullo para R colaborar de maneira oficial co Dépor, un equipo tan vinculado a Galicia e á cidade da Coruña, que ademais esta tempada inicia unha etapa prometedora co seu retorno á División de Honra do fútbol español. Desexámoslle todo o éxito do mundo e seguiremos apoiando tamén dende aquí para que o deporte galego continúe brillando”.
Dende o Real Club Deportivo aseguran que “é unha satisfacción contar con R como Colaborador Oficial. Compartimos o compromiso con Galicia e con valores como o esforzo, a proximidade e o traballo en equipo. Estamos convencidos de que esta alianza será moi positiva para ambas as dúas entidades e agradecemos a confianza de R nun momento tan ilusionante para o Club."
