- MasOrange identificou en Galicia máis de 70 localizacións estratéxicas nas que se espera maior afluencia de visitantes para contemplar este extraordinario espectáculo astronómico.
- Grazas a este dispositivo especial, os/as clientes/as de R e de MasOrange na comunidade galega poderán compartir as súas imaxes ou vídeos en directo coa mellor calidade de rede.
Martes, 28 de xullo de 2026.- R e MasOrange activaron un dispositivo especial de control remoto da súa rede en Galicia para lle dar resposta ao incremento de visitantes nas zonas onde se poderá gozar da eclipse solar do 12 de agosto, a primeira destas características que se pode ver no noso país dende 1912.
A Península Ibérica será o mellor lugar do mundo para desfrutar ao máximo da eclipse solar total e, por iso, R e MasOrange identificaron máis de 70 localizacións estratéxicas sobre as que están focalizando os seus traballos, ao se tratar de lugares que previsiblemente rexistrarán unha maior afluencia de visitantes. Son, en concreto, 72 actuacións de reforzo da rede repartidas polas catro provincias galegas: 24 na Coruña, 29 en Lugo, 4 en Ourense e 15 en Pontevedra.
Con estes traballos, R e MasOrange procuran asegurar a capacidade e o rendemento da rede para garantir a mellor experiencia de conectividade posible e atender con plenas garantías o incremento puntual de tráfico asociado a este acontecemento de alcance internacional.
Reforzo permanente da rede; e máis, no verán
Todas estas actuacións súmanse aos traballos de mantemento que R e MasOrange fan de xeito continuo na súa rede, con especial atención durante os meses de verán en zonas turísticas. En termos agregados, a extensión da rede estival de MasOrange acada preto de 1.100 nodos (puntos de rede que poden enviar, recibir ou redirixir información) repartidos por 217 concellos considerados de alto tráfico durante o verán.
Esta capilaridade da infraestrutura permite xestionar de forma eficiente o incremento da demanda nun período onde a tónica é a mobilidade xeográfica de usuarios/as e a concentración temporal en determinados destinos.
“Achámonos perante un fito histórico e queremos que os nosos clientes e clientas poidan gozar del ao máximo e compartir as súas imaxes e vídeos en directo coa mellor calidade de rede. Coas actuacións previstas nos puntos seleccionados garantiremos todo o posible a dispoñibilidade dos servizos dixitais en zonas con alta concentración de persoas para desfrutar deste grande acontecemento astronómico”, afirmou Alfredo Ramos, director de R e de MasOrange en Galicia.
