- Realizáronse arredor de 400 actuacións para reforzar a rede de R en Galicia, que incluíron ampliacións 4G e 5G para mellorar a cobertura, velocidade e estabilidade, especialmente en interiores e áreas con maior concentración de usuarios/as.
Martes, 21 de xullo de 2026.- R, o operador de telecomunicacións líder en Galicia fixo preto de 400 intervencións na súa rede móbil en ata 217 municipios galegos cun forte incremento de poboación durante o verán para garantir a capacidade e calidade do seu servizo perante o pico de tráfico en zonas costeiras e destinos turísticos durante a tempada estival.
As intervencións realizadas nos últimos meses na rede 5G e 4G de R na comunidade galega destináronse a incrementar a capacidade dispoñible e a mellorar a cobertura efectiva, especialmente en interiores e zonas de menor conectividade. Estes traballos inclúen a optimización de estacións base (antenas), a densificación da rede e a incorporación de novas capas de frecuencia para mellorar a transmisión do sinal. O obxectivo é absorber o aumento do tráfico de datos, mantendo os altos estándares de calidade, velocidade e latencia da rede de R, mesmo en momentos de alta demanda.
O reforzo da rede 5G resulta especialmente relevante nun contexto onde o tráfico de datos segue a medrar de forma sostida, habida conta de que a cobertura desta tecnoloxía abrangue, no caso de R, a máis do 97 % da poboación en Galicia. En paralelo, a rede 4G continúa a ser esencial para garantir a continuidade do servizo en todo o territorio, o que explica o volume de actuacións destinadas á súa optimización.
Deste xeito, e en consonancia coa súa estratexia de excelencia na calidade do servizo, R responde aos padróns actuais de consumo dixital dos seus clientes/as, garantindo que poidan gozar do maior uso de vídeo, redes sociais e servizos na nube en períodos de lecer e desprazamentos masivos, para seguiren en contacto e compartiren os seus mellores momentos con familiares e amigos.
Reforzo da infraestrutura en 217 municipios de interese turístico
Todas estas actuacións súmanse aos labores de mantemento que R fai de xeito continuo na súa rede, con especial atención durante os meses de verán en zonas turísticas. En termos agregados, a pegada da rede estival acada preto de 1.100 nodos (puntos de rede que poden enviar, recibir ou redirixir información) repartidos por 217 concellos considerados de alto tráfico durante o verán. Esta capilaridade da infraestrutura permite xestionar de forma eficiente o incremento da demanda nun período caracterizado pola mobilidade xeográfica de usuarios/as e a concentración temporal en determinados destinos.
A empresa enmarca estas actuacións dentro da súa estratexia de investimento en redes, orientada á modernización continua da súa infraestrutura e á extensión de capacidades tanto en 5G (incluídas as novas tecnoloxías 5G SA e 5G Advanced) como en 4G, para garantir a maior calidade e dispoñibilidade de servizo en todo o territorio.
Alfredo Ramos, director de R en Galicia, asegurou que “o maior tráfico de datos no verán esixe planificar e executar anticipadamente reforzos na rede para responder á mobilidade das persoas e garantir que os nosos servizos dixitais manteñan a súa plena dispoñibilidade. Sobre todo, en zonas con alta concentración no verán e en localizacións específicas como praias, portos, áreas recreativas e outros núcleos de interese”.
