Na cidade herculina gústanos a festa, e por riba de todas, a Noite de San Xoán na Coruña. Así son as festas de San Xoán na Coruña 2024 a noite do domingo 23 ao luns 24 de xuño.
Son moi míticas as fogueiras na praia, as sardiñadas nos barrios, a queima da falla, os fogos artificiais, os concertos... Pero sobre todo a ilusión, porque San Xoán na Coruña 2024 é unha “noite meiga” para queimar o malo e pedir desexos, para dar a benvida ao verán na noite máis curta do ano, para xuntarse cos amigos e a familia, para chegar a casa ás tantas cheirando a fogueira, para lavar a cara coas herbas de San Xoán...
Programa San Xoán A Coruña 2024
Consulta o programa de San Xoán A Coruña 2024 da tarde do domingo 23 ao luns 24 de xuño, festivo local na Coruña:
Esta é a normativa e o programa que publica o Concello da Coruña para as festas de San Xoán 2024:
Xoves, 20 de xuño
- 20:00 h. Campo da Leña: Concerto da Banda Municipal.
Venres, 21 de xuño
- 19:00 h. Catro Camiños: Pasarrúas da Asociación Cultural Donaire.
Sábado, 22 de xuño
- 19:00 h. Riazor: Pasarrúas da Asociación Cultural Donaire.
Domingo, 23 de xuño
- 13:00 - 16:00 h. e 20:00 - 00.00 h. Está permitido facer sardiñadas e churrascadas sen necesidade de avisar a Seguridade Cidadá sempre que non se ocupe a calzada. Se se ocupa a calzada terán que comunicalo cunha antelación mínima de 48 horas.
- 19:00 h. Repartición de madeira na contorna do Paseo Marítimo, Oza e San Amaro.
- 19:30 h. Permítese baixar ás praias.
- 22:00 - 9:00 h. Prohibición de bañarse no mar.
- 22:00 - 4:00 h. Horario de atención dos puntos violeta situados na zona do Paseo Marítimo: nas Escravas, diante da Coraza e na fonte dos Surfeiros.
- 00:00 h. Fogos artificiais nas praias.
- 00:15 h. Queima da falla na praia de Riazor.
- 00:20 h. Explanada de Riazor: concerto de Mikel Erentxun.
- 06:00 Desaloxo das praias de Riazor e Orzán.
Tamén están permitidas as sardiñadas e as churrascadas do 14 ao 30 de xuño, previa comunicación por escrito á Área de Seguridade Cidadá cunha antelación mínimo de 48 horas.
Fogueiras de San Xoán 2024 A Coruña nas praias
Isto é todo o que tes que saber se vas celebrar as festas de San Xoán da Coruña 2024 nas praias. Contámosche onde celebralo, horarios e detalles prácticos.
En que praias se poden facer fogueiras
O lume está permitido nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, que cada ano reúnen a máis de 150.000 persoas.
Ultimamente púxose de moda coller sitio na praia con antelación e parcelar un anaco de areal para instalar a fogueira e a comida. Ten sempre en conta as mareas á hora de montar o teu campamento base.
Haberá repartición de madeira nas praias a partir das 19:00 do 23 de xuño. E está prohibido bañarse no mar dende as 22:00 por motivos de seguridade.
Tamén por seguridade, o protocolo das Fogueiras de San Xoán na Coruña prohibe que se baixe vidro ás praias e se lancen faroliños ou globos de papel.
Lembra que aos servizos de limpeza vai quedar traballo por diante, polo que as praias desaloxaranse ás 06.00 horas do 24 de xuño. Ponllo fácil e recolle o teu lixo antes de abandonar a praia 😊.
Haberá tres puntos violetas na zona do Paseo Marítimo, nas Escravas, diante da Coiraza e na fonte dos Surfeiros.
Onde non se permite facer fogueiras
Non se poden facer fogueiras de San Xoán 2024 na Coruña no merendeiro e praia das Lapas, na cala dos Mouros e en Durmideiras.
Tampouco no parque e praia de Bens, no Monte de San Pedro, ao redor da Torre de Hércules, nos xardíns de Méndez Núñez e San Carlos ou na praza das Bárbaras.
Noite de San Juan na Coruña: sardiñadas nos barrios
Para os que non queren celebrar o San Xoán na Coruña na praia, ou se o fan, antes queren comer as tradicionais sardiñas con pan e churrasco no seu bar de sempre, o programa das festas de San Xoán na Coruña esténdese por todos os barrios e prazas da cidade.
Dende Os Mallos aos Rosales, a rúa San Xoán, a zona de Emilia Pardo Bazán, Oza, A Gaiteira… non hai recuncho onde non se celebre a Noite de San Xoán na Coruña.
Onde non faltan as grellas na rúa, música e verbenas.
Festas de San Xoán na Coruña
Mira se o 23 de xuño é unha noite máxica que ninguén queda na casa por San Xoán na Coruña. Porque hai plans para todos os gustos e idades: dende os máis novos que non perdoan saltar as fogueiras na praia, aos que ven xa maiores para baixar a Riazor ou o Orzán e prefiren celebrar a Noite de San Xoán da Coruña no seu barrio, con sardiñas e churrasco nas prazas e os bares de sempre.
A todos únenlles as ganas de festa, con amigos ou en familia, que se prolonga ata as tantas da madrugada, porque o bo é que ao día seguinte, 24 de xuño, é festivo na cidade.
E non só iso, é tal a magnitude desta celebración, que San Xoán na Coruña foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2015.
Goza das festas de San Xoán da Coruña 2024, como sempre, con “sentidiño”.
Á mañá seguinte, non esquezas lavar a cara coas herbas de San Xoán, que debes deixar en remollo a noite anterior.
E un consello final, cando chegues á casa, colga a roupa no tendal ou ao espertar o teu dormitorio cheirará a unha mestura de fogueira e sardiña nada agradable 😉.
Fonte imaxe de cabeceira: Concello da Coruña