Na cidade herculina gústanos a festa, e por riba de todas, a noite de San Xoán na Coruña. Así son as festas de San Xoán na Coruña 2026 durante a tarde e a noite do martes 23 ao mércores 24 de xuño, festivo en Galicia.
Son moi míticas as fogueiras nas praias, as sardiñadas nos barrios, a queima da falla, os fogos artificiais, os concertos... Pero sobre todo a ilusión, porque San Xoán na Coruña 2026 é unha “noite meiga” para queimar o malo e pedir desexos, para dar a benvida ao verán na noite máis curta do ano, para xuntarse cos amigos e a familia, para chegar a casa ás tantas cheirando a fogueira, para lavar a cara coas herbas de San Xoán...
Programa San Xoán A Coruña 2026

Imaxe: Concello da Coruña
Aínda non se coñece todo o programa de San Xoán A Coruña 2026, durante a tarde e a noite do martes 23 ao mércores 24 de xuño, festivo en Galicia 2026.
O Concello da Coruña deu a coñecer o cartel das festas de San Xoán A Coruña 2026, obra do ilustrador e cineasta coruñés Alberto Vázquez.
Tamén presentou o programa cultural de San Xoán polos barrios da cidade, a Ruada das Xoubas, que se celebra do 17 ao 23 de xuño 2026.
Ademais, publicou a normativa das festas de San Xoán A Coruña 2026. Están permitidas as sardiñadas e as churrascadas do 12 ao 29 de xuño de 2026, previa comunicación por escrito á Área de Seguridade Cidadá cunha antelación mínimo de 48 horas.
O horario para facer sardiñadas é de 13:00 - 16:00 h. e 20:00 - 00.00 h.
Deixámoste por aquí o que xa se sabe do programa das festas de San Xoán A Coruña 2026:
Mércores, 17 de xuño 2026
- 18:00 h. Parque de Eirís: Xogos populares.
- 18:00 h. Parque de Eirís: Obradoiro de decoración de sardiñas "Tigre de papel".
- 19:00 h. Parque de Eirís: Teatro familiar "Nanai da China" de Pérez & Fernández.
Xoves, 18 de xuño 2026
- 18:30 h. Praza Elíptica: espectáculo familiar "Rogelio III. La fête" de Assircópatas.
- 19:00 h. Parque de Oza: "Costureiriña bonita" de A Cova das Letras.
Venres, 19 de xuño 2026
- 18:30 h. Praza de Vigo: "A viaxe feliz de Ramón Sanfiz" de Fantoches Baj.
- 19:00 h. Praza de Azcárraga: "Unha noite no muíño..." de Caxoto.
Sábado, 20 de xuño 2026
- 18:30 h. Praza dos Avós: "Pekeno Kabaret de Tolos" de Títeres Alakrán.
- 19:00 h. Novo Mesoiro (explanada do CCM): "2 ilusionistas cos pés na rúa" con Maga Fani e Martín Camiña Ilusionista.
Domingo, 21 de xuño 2026
- 18:30 h. Praza dos Mariñeiros: "Flash!" de Dani García.
- 19:00 h. Escalinata da Domus: "Hugo" de Os Náufragos Teatro.
Luns, 22 de xuño 2026
- 18:30 h. Praza Pablo Iglesias: espectáculo "Comisión de festas" de Brais das Hortas.
- 19:00 h. Praza da Tolerancia: "Sinfonía de contos. Nós tamén (queremos) navegar!" de Inma Soto.
Martes, 23 de xuño 2026
- 11:00 h. Campo da Leña: Xogos populares.
- 11:00 h. Campo da Leña: Obradoiro de decoración de sardiñas "Tigre de papel".
- 11:00 h. Campo da Leña: Obradoiro de herbas de San Xoán.
- 12:30 h. Campo da Leña: Caramuxo Teatro.
- 19:00 h. Repartición de madeira a pé de praia.
- 19:30 h. Permítese baixar o material para as fogueiras das praias.
- 21:00 h. Peirao de Batería: Concerto de Xoel López e Caamaño&Ameixeiras dentro do festival Noites no Porto. Compra a túa entrada aquí.
- 21:00 - 5:00 h. Horario de atención dos puntos violeta situados na zona do Paseo Marítimo: entre a Delegación de Facienda e o ambulatorio San José, na zona das Escravas ata a fonte dos Surfeiros, e nas praias de Orzán e Riazor.
- 22:00 - 9:00 h. Prohibición de bañarse no mar.
- 23:45 Fogos artificiais nas praias.
- 00:00 h. Queima da falla na praia de Riazor.
- 06:00 Desaloxo das praias de Riazor e Orzán.
Fogueiras de San Xoán A Coruña 2026: praias
Isto é todo o que tes que saber se vas celebrar a festa de San Xoán da Coruña 2026 nas praias. Contámosche onde celebralo, horarios e detalles prácticos.
En que praias se poden facer fogueiras
O lume está permitido nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro, que cada ano reúnen a máis de 150.000 persoas.
Ultimamente púxose de moda coller sitio na praia con antelación e parcelar un anaco de areal para instalar a fogueira e a comida. Ten sempre en conta as mareas á hora de montar o teu campamento base.
Como iniciativa pioneira, o Concello da Coruña habilitará a reserva de espazos para fogueiras na praia de Riazor, entre a rúa Modesta Goicouría e a Fonte das Catalinas, dividindo o espazo en parcelas. As entidades interesadas poden facer as reservas aquí.
Haberá repartición de 120 toneladas de madeira, que se distribuirán en 14 puntos situados nas praias.
Haberá repartición de madeira nas praias a partir das 19:00 do 23 de xuño. E está prohibido bañarse no mar dende as 22:00 h por motivos de seguridade.
Tamén por seguridade, o protocolo das fogueiras de San Xoán na Coruña 2026 prohibe que se baixe vidro ás praias e se lancen faroliños ou globos de papel.
Lembra que aos servizos de limpeza vai quedar traballo por diante, polo que as praias desaloxaranse ás 06.00 horas do 24 de xuño. Ponllo fácil e recolle o teu lixo antes de abandonar a praia 😊.
Onde non se permite facer fogueiras
Non se poden facer fogueiras de San Xoán 2026 na Coruña no merendeiro e praia das Lapas, na cala dos Mouros e en Durmideiras.
Tampouco no parque e praia de Bens, no Monte de San Pedro, ao redor da Torre de Hércules, nos xardíns de Méndez Núñez e San Carlos ou na praza das Bárbaras.
Ademais, hai outras zonas onde non se poden facer fogueiras nin sardiñadas: arboledo de Azcárraga, arboledo de San Pedro de Mezonzo, arboledo do Barrio das Flores, Santa Margarida, arboledo da rúa Cabaleiros fronte á estación de autobuses, Campo da Leña, Campo de Marte, praza de Monforte e arredores da Torre de Hércules.
Noite de San Xoán na Coruña: sardiñadas nos barrios

Para os que non queren celebrar o San Xoán na Coruña na praia, ou se o fan, antes queren comer as tradicionais sardiñas con pan e churrasco no seu bar de sempre, o programa das festas de San Xoán na Coruña esténdese por todos os barrios e prazas da cidade.
Dende Os Mallos aos Rosales, a rúa San Xoán, a zona de Emilia Pardo Bazán, Oza, A Gaiteira… non hai recuncho onde non se celebre a noite de San Xoán na Coruña.
Onde non faltan as grellas na rúa, música e verbenas.
Festa de San Xoán na Coruña
Mira se o 23 de xuño é unha noite máxica que ninguén queda na casa por San Xoán na Coruña. Porque hai plans para todos os gustos e idades: dende os máis novos que non perdoan saltar as fogueiras na praia, aos que ven xa maiores para baixar a Riazor ou o Orzán e prefiren celebrar a Noite de San Xoán da Coruña no seu barrio, con sardiñas e churrasco nas prazas e os bares de sempre.
A todos únenlles as ganas de festa, con amigos ou en familia, que se prolonga ata as tantas da madrugada, porque o bo é que ao día seguinte, 24 de xuño, é festivo na cidade.
E non só iso, é tal a magnitude desta celebración, que San Xoán na Coruña foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2015.
Goza da festa de San Xoán da Coruña 2026, como sempre, con “sentidiño”.
Á mañá seguinte, non esquezas lavar a cara coas herbas de San Xoán, que debes deixar en remollo a noite anterior.
E un consello final, cando chegues á casa, colga a roupa no tendal ou ao espertar o teu dormitorio cheirará a unha mestura de fogueira e sardiña nada agradable 😉.
Fonte imaxe de cabeceira: Concello da Coruña
