A Feira Franca de Pontevedra 2026 celébrase do 4 ao 5 de setembro. Nesta Festa de Interese Turístico, a zona monumental da cidade do Lérez trasládase ao medievo. Milleiros de persoas ponse o traxe de época para comer na rúa e gozar do torneo medieval, do mercado, da recreación do transporte do viño e de moitas máis actividades. Consulta aquí todo o programa da Feira Franca de Pontevedra 2026.
Feira Franca de Pontevedra 2026
O venres 4 e o sábado 5 de setembro 2026, a Feira Franca de Pontevedra 2026 festexa que séculos atrás, en 1467, a cidade recibiu un privilexio real que lle permitía celebrar un mercado libre de impostos durante todo un mes.
Tal honra ben merece ser lembrada e festexada ao grande, e así o fan en Pontevedra veciños/as e miles de visitantes dende hai máis de dúas décadas.
Programa da Feira Franca de Pontevedra 2026

Fonte: Concello de Pontevedra
O programa da Feira Franca de Pontevedra 2026 comeza o venres 4 de setembro pola tarde cos pregoeiros de a cabalo anunciando o inicio da XXV Feira Franca polo centro histórico.
Pero o día grande da Feira Franca de Pontevedra 2026 é o sábado 5 de setembro, cando teñen lugar a apertura do Mercado Medieval, a recreación do transporte do viño, o Gran torneo medieval, os pasarrúas, as exhibicións e moitas máis actividades ata a noite.
Podes descargar aquí o programa da Feira Franca de Pontevedra 2026, onde tamén verás un plano para que saibas onde se celebran as actividades:
Venres, 4 de setembro 2026
- 19:00 h. Pregoeiros a cabalo anunciando o comezo da Feira Franca 2026 polo casco histórico.
- 22:00 h. Praza da Ferrería: espectáculo inaugural da Feira Franca: As Tabernas da compañía Pablo Méndez Performance.
Sábado, 5 de setembro 2026
- 11:00 h. Ponte do Burgo: Desembarco da cervexa de Ollo Redondo.
- 11:30 h. Apertura do Mercado Medieval na avenida de Santa María e da Mostra de oficios nas prazas da Ferrería, da Pedreira e do Peirao.
- 12:00 h. Recreación do transporte do viño, con música e representacións. Percorrido: Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferrería e praza da Peregrina.
- 12:30 h. Centro Histórico: Cantar de cego e música medieval.
- 12:30 h. Montero Ríos: Demostración e obradoiros de esgrima.
- 13:00 h. Centro Histórico: As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce do Grupo Adarve.
- 13:00 h. Montero Ríos: Tiro con arco.
- 17:00 h. Montero Ríos: Demostración e obradoiros de esgrima.
- 17:30 h. Praza de touros: Gran torneo medieval. Entrada de balde.
- 17:30 h. Centro Histórico: Pasarrúas Os Vikingos do Valhalla de Compañía La Fiesta Escénica.
- 18:00 h. Centro Histórico: Cantar de cego e música medieval.
- 18:00 h. A galiña dos ovos de ouro de Art Monium.
- 18:00 h. Os bufóns e trobadores de Troula.
- 18:00 h. Peregrina: Música e bailes medievais, coa Asociación de Coros e Danzas Duos Pontes.
- 18:30 h. Montero Ríos: Tiro con arco.
- 18:30 h. Centro Histórico: As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce de Grupo Adarve.
- 19:00 h. Centro Histórico: Pasarrúas Os Vikingos do Valhalla de Compañía La Fiesta Escénica.
- 19:00 h. Pedreira: Contacontos a Corsaria Lola.
- 19:30 h. Centro Histórico: Pasarrúas de Art Monium e O Gran Dragón.
- 20:00 h. Praza de touros: Gran torneo medieval. Entrada de balde.
- 20:00 h. Centro Histórico: As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce de Grupo Adarve.
- 21:00 h. Cantar de cego e música medieval.
- 21:30 h. Centro Histórico: Pasarrúas de Os Vikingos do Valhalla, Errantes e A Santa Compaña.
Actividades da Feira Franca de Pontevedra 2026
Fonte: Feira Franca Pontevedra
O venres pola tarde, os pregoeiros anuncian de a cabalo por todo o centro histórico de Pontevedra o inicio dunha nova edición da Feira Franca.
Tras eles, pasarrúas de malabaristas, bufóns, trobadores... E, a partir dese momento, unha chea de actividades variadas. Espectáculos de tiro con arco, torneos de esgrima, exhibicións de música e danza, xustas medievais, mostras dos oficios da época, degustación de alimentos medievais.
Pero hai dúas cousas que acaparan boa parte das miradas: a representación do transporte do viño, aquel que chegaba dende O Ribeiro, en Ourense; e o Torneo Medieval, un espectáculo ideal para gózalo con toda a familia.
As rúas e prazas decoradas con bandeiras e escudos son percorridas tamén por carros, cabalos, condenados á forca e unha infinidade de personaxes que nos trasladan a tempos pasados.
Mercados medievais da Feira Franca de Pontevedra 2026
Alimentación, artesanía e demostración de oficios e obradoiros tradicionais. Estes son os mercados medievais da Feira Franca de Pontevedra 2026:
- Mercado de alimentación na Alameda, praza de España, avenida Montero Ríos, Ferrería, Pasantería e praza de Curros Enríquez.
- Mercado de artesanía na avenida de Santa María.
- Mercado de demostración de oficios e obradoiros tradicionais nas prazas da Pedreira, da Ferrería e do Peirao.
Actividades infantís na Feira Franca de Pontevedra 2026
Para os peques da casa, a Feira Franca de Pontevedra 2026 ten preparadas unha chea de actividades e xogos para que se divirtan. Son estas:
Raíña Vitoria. Castelo Medieval:
- 11:00 - 21:00 h. Carruseis medievais.
- 12:00 - 14:00 h e 16:00 - 20:00 h. Circuíto de xogos.
Ponte do Burgo:
- 12:00 - 21:00 h. Xogoss tradicionais.
Praza da Pedreira:
- 12:00 - 14:00 h e 18:00 - 20:00 h. Obradoiros creativos.
- 12:00 - 14:00 h e 17:00 - 20:00 h. Ludoteca medieval.
- 19:00 h. Contacontos a Corsaria Lola.
Praza de España
- 11:00 - 21:00 h. Carruseis medievais.
- A partir das 12:00 h. Campamento medieval.
Oficios tradicionais e traxes de época na Feira Franca
Fonte: Feira Franca Pontevedra
A Feira Franca é unha festa na que participa toda a poboación, que se asolaga de mestres/as artesáns/as, tecedores/as de liño, canteiros/as, xograres, trobadores/as, ferreiros/as, palilleiros/as, cesteiros/as, oleiros/as, redeiros/as e carpinteiros/as.
Unha nutrida representación de oficios tradicionais que conviven nas rúas do centro histórico de Pontevedra por uns días con músicos/as, comerciantes, damas e cabaleiros medievais.
Respíranse aires da Idade Media por toda Pontevedra, cos/as veciños/as compostos/as cos seus traxes de época sentándose á mesa para gozar de suculentas lupandas medievais. Mesas que son montadas e decoradas polos propios participantes utilizando só materiais existentes na segunda metade do século XV, seguindo as normas estéticas establecidas pola organización.
Por certo, se queres montar a túa mesa na rúa, cómpre que o solicites na oficina da Feira Franca (Departamento de Cultura Concello de Pontevedra, edificio do Teatro Principal con entrada pola rúa Don Filiberto).
Temática da Feira Franca de Pontevedra 2026
En cada edición, a Feira Franca outorga especial protagonismo a un tema; a algún evento, lugar ou persoa que sexan especialmente relevantes para a cidade de Pontevedra.
Así, 2006 foi o ano dos Irmandiños; a agricultura centrou a edición do 2008; as Cantigas de Amor, Escarnio e Maldicir a de 2009; a edición do 2018 fixouse nas lendas; no 2022, os grandes protagonistas foron o río Lérez e a ponte do Burgo; no 2023, homenaxearonse "Os números", no 2024, aos xograres e no 2025, ás meigas. A temática da Feira Franca de Pontevedra 2026 está dedicada ás Tabernas.
Recoñecementos moi especiais nunha cita máis que consolidada e cuxo orixe se atopa na historia da cidade de Pontevedra.
Por que celebra Pontevedra unha Feira Franca medieval?
Fonte: Feira Franca Pontevedra
A historia lévanos ao ano 1467, en tempos de Henrique IV. Foi este monarca quen autorizou á cidade a celebrar un mercado libre de impostos durante un mes, quince días antes e quince días despois da celebración de San Bartolomé, o 24 de agosto.
Pontevedra era por aquel entón a vila máis poboada de Galicia e contaba cunha puxante actividade económica, centrada especialmente na pesca e no comercio. Ademais desa herdanza histórica, que se reflexa na feria, do pasado da cidade son destacables tamén pegadas patrimoniais como a Basílica de Santa María, construída no século XVI.
Feira Franca: do medievo á actualidade
No ano 2000, o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu rememorar aquel privilexio real e aqueles bos tempos organizando un mercado medieval na Praza da Ferraría.
Queríase, ademais, que os/as veciños/as se implicasen, pois tratábase dunha grande oportunidade para dinamizar o centro histórico, que a maiores era o lugar perfecto para recrear a mellor época da historia pontevedresa.
E así arrinca a historia moderna da Feira Franca de Pontevedra. Unha celebración repleta de historia que agora atrae a milleiros de visitantes e que vive intensamente toda a cidade.
Os días 4 e 5 de setembro 2026, convidámoste a revivir a Pontevedra de 1467 coa Feira Franca, unha das grandes citas do verán en Galicia.
Fonte imaxe cabeceira: Feira Franca Pontevedra