Martes, 10 de novembro de 2026. - R, o operador de telecomunicacións líder en Galicia, xunto á área de Empresas do seu grupo, Orange España, e o diario dixital Quincemil, organizaron unha xornada dirixida a altos responsables de empresas galegas centrada na conectividade, a ciberseguridade e os retos actuais do tecido empresarial no territorio.
O acto desenvolverase o vindeiro xoves 12 de novembro no Nordés Club Empresarial da Coruña a partir das 9:30h, onde se reunirán representantes do mundo empresarial e institucional galego para analizaren de que maneira a intelixencia artificial, a hiperconectividade e a ciberseguridade están a mudar o día a día das empresas en Galicia.
Desafíos empresariais, decisións estratéxicas
Abordaranse os principais desafíos desa transformación dixital e, sobre todo, o seu impacto na competitividade das entidades, con acento nas decisións tecnolóxicas que marcarán a diferenza para non ficar atrás.
Baixo o título “Conectados e protexidos: os retos dixitais da empresa galega”, a xornada comezará coa presentación do evento por parte de Alfredo Ramos, director de R e territorial de Orange en Galicia, e de Pablo Grandío, director de Quincemil.
José Antonio Rodríguez Argüello, consultor de Innovación e 5G de R e Orange Empresas, falará sobre “As decisións tecnolóxicas que marcarán a competitividade da empresa galega nos vindeiros anos”.
Deseguido comezará unha mesa redonda moderada por Quincemil, sobre “Os desafíos da empresa galega perante a transformación dixital”, na que intervirán o propio Argüello e tamén Adrián Bertol, director tecnolóxico e de estratexia de negocio IA de Orange; Gerardo García, director xeral de Itelsis; Sergio Castro, xefe de servizo de Tecnoloxías da Información do Concello de Oleiros e Noemí Gil, directora TIC de Congalsa.
Para rematar abrirase unha rolda de preguntas na que os/as participantes poderán expor as súas dúbidas e intereses en torno ao tema dos retos dixitais da empresa galega.
