Luns, 16 de novembro de 2026.- A 5ª edición de Ciberseguridade e Cibertech reunirá mañá en Vigo empresas, expertos/as e profesionais para analizar como preparármonos perante un panorama onde a ciberseguridade é xa unha cuestión estratéxica para calquera entidade. Baixo o título “Tecnoloxía, regulación e talento para afrontar as novas ameazas”, e co patrocinio de R e Abanca, o foro Cibertech do Círculo de Empresarios de Galicia persegue orientar as entidades para potenciaren a súa resiliencia e anticiparen os desafíos que marcarán o futuro inmediato.
Alfredo Ramos, director de R e territorial de Orange en Galicia, María Borrás, Presidenta do Círculo e José Manuel Nogueira, director de banca institucional en Abanca, abrirán o acto centrando o evento neses retos das empresas nun contexto de intelixencia artificial, dependencia tecnolóxica e riscos asociados a terceiros e a un novo marco regulatorio.
Após unha primeira ollada á ciberseguridade como elemento estratéxico para a continuidade do negocio, a competitividade e a confianza, David Ortega, responsable de negocIo de Ciberseguridade de Orange, falará, xunto a portavoces de Gradiant, Abanca y CTAG, sobre ciberseguridade, infraestruturas e resiliencia empresarial; acerca de como están a mudar as ameazas e preguntándose se estamos preparados para responder cando a tecnoloxía, as comunicacións, os provedores ou as infraestruturas se converten en obxectivo. Unha conversa sobre novos riscos, anticipación, resposta e resiliencia operacional.
Susana Rey, da Oficina de Privacidade e IA de R e do grupo Orange, conversará noutra mesa con representantes de Abanca, AMTEGA, APDTIC e dooingIT sobre as claves para gobernar o risco dixital más aló do mero cumprimento da regulación no eido da ciberseguridade. Porque a evolución regulatoria, a intelixencia artificial e a dependencia crecente de terceiros están transformando as responsabilidades das organizacións.
Na conversa incidirase en que cambia realmente para as empresas e administracións e en como transformar esas novas esixencias nunha oportunidade para reforzar a organización integrando cumprimento, privacidade e xestión do risco nas decisións do negocio.

Ana Fernández Vilas, directora da Cátedra R en Ciberseguridade, centrarase, xunto a portavoces de Tecnópoloe e da UIE, na temática do talento e en se dispomos de profesionais abondos/as para responder á demanda de capacidades en ciberseguridade dos nosos días, que medra ao compás das ameazas, a tecnoloxía e a regulación. Fernández Vilas falará dos perfís que precisan as empresas e de como acelerar a formación e actualización de profesionais, onde universidades, empresas e novas fórmulas de capacitación serán esenciais.
Nesta quinta edición do foro Cibertech do Círculo abordaranse, ademais, os temas da guerra híbrida, identidade dixital, criptografía postcuántica ou infraestruturas IA, entre outros. Tamén haberá tempo para unha conversa final sobre onde centrármonos na ciberseguridade en 2027 e un espazo de colaboración networking para prolongar o intercambio, compartir experiencias e xerar novas conexións ao redor da ciberseguridade e a transformación tecnolóxica.
Unha xornada, en suma, que abordará, dende unha perspectiva práctica e empresarial, cuestións clave como a resiliencia operacional, regulación e risco, novas ameazas tecnolóxicas, talento e capacidades profesionais, conectando empresa, tecnoloxía e coñecemento.
