O 8 de marzo é o día no que as mulleres se ausentan, saen á rúa para facer visible o traballo que fan cada xornada laboral e doméstica. Protestan porque en 2019 aínda existan diferenzas entre unha muller e un home.

Camiñamos paseniño cara un mundo onde non existan brechas salariais do 14,2% en discriminación das mulleres, onde non haxa 3.500 casos de abuso sexual nun ano, e unha muller poida decidir por ela mesma se quere ou non ser nai. Un mundo onde o machismo sexa xa un mal soño.

Para esta ocasión sentámonos a falar con Paula Ríos, activista na Plataforma Galega Feminista. E ofreceunos unha perspectiva interesante e chea de positivismo dos logros e retos da loita feminista en Galicia.

- Cal é a actividade principal da asociación?

- A Plataforma Feminista Galega xorde para crear unha rede de traballo en común de mulleres activistas feministas que veñen de diferentes traxectorias.

Somos activistas, isto quere dicir que o que facemos é cuestionar publicamente todas aquelas políticas que prexudican a igualdade real entre as mulleres e os homes.

Denunciar sobre todo as diferentes violencias machistas, e saír á rúa en datas sinaladas para denunciar unha situación de desigualdade. Facemos tamén xornadas de reflexión e formación para facer chegar o noso discurso á sociedade.

- Cantos anos levades traballando a prol da igualdade?

- A plataforma hai cinco anos que existe formalmente. Nela hai xente que leva 20 anos traballando, e outras que foron incorporando nos últimos anos.

Eu son das de 20 anos. Con 19 ou 20 anos puxen os lentes e ata hoxe!

"Agora socialmente xa se asume que o feminismo o que busca é a igualdade entre as persoas"

- Houbo avances en nestes 20 anos?

- Si, houbo avances en igualdade, pero non os avances que serían precisos. Como activista, vexo unha mudanza notable en canto á aceptación: agora socialmente xa se asume que o feminismo o que busca é a igualdade entre as persoas.

Unha das mudanzas maiores foi a consideración dos asasinatos machistas. Antes eran  crimes pasionais, agora xa se asume que é intolerable que unha muller sexa agredida polo feito de selo.

Pero quédanos moito. Se non créramos que nos queda moito, non sairíamos masivamente á rúa, como saímos o ano pasado, e como temos previsto saír hoxe.

- Había moitas trabas ao inicio?

- Si, as feministas sempre nos organizamos, e sempre tivemos a capacidade de tecer redes entre nós. Pero si que é certo que nos últimos anos esas pingas que fomos deixando foron calando na sociedade. Sempre hai unha reacción na contra, de feito estamos véndoo nos últimos tempos, como despois das mobilizacións do ano pasado volve rexurdir unha contra dende aqueles varóns que senten que perden os seus privilexios.

"

- Consideras que cambiou algo dende entón?

- Hai un cambio na consideración do que é ser feminista: hai 20 anos eramos feas, amargadas, lesbianas e malfolladas. Agora escóitase, pero son grupos moi concretos, foi calando o discurso.

Viuse tamén no éxito da folga do ano pasado. Creo recordar unha enquisa na que o 90 e pico por centro da poboación consideraba que era lexítima, e necesaria, a convocatoria dunha folga feminista. Iso quere dicir que o discurso chegou á sociedade.

- Cres que a sociedade é consciente da fenda que aínda existe entre homes e mulleres en cousas tan básicas como os dereitos laborais?

- Boa parte da poboación, a día de hoxe, si que xa é consciente. En materia laboral é quizais onde máis se percibe esa fenda, sobre todo a raíz da crise económica. Aí, é cando as mulleres fomos conscientes de como calquera do dereitos que fomos conseguindo os podiamos perder en calquera momento.

Poño por exemplo o dereito ao aborto. Foi un punto de inflexión que se puxera en  cuestión o noso dereito a escoller se ser nais ou non. Fixo que moitas mulleres novas fosen conscientes de que efectivamente, como dicía Simone de Beauvoir, “hai que estar vixiantes”, e de que temos que estar dispostas a loitar.

"Foi un punto de inflexión que se puxera en  cuestión o noso dereito a escoller se ser nais ou non"

- A situación en Galicia é peor, igual ou mellor que noutras comunidades?

- Cada territorio temos as nosas características. As mulleres galegas estamos máis empobrecidas e as pensións son máis baixas, porque os salarios das mulleres galegas son máis baixos en relación ao propio estado español.

Hai unha realidade no nosos país, que son aqueles sectores que están fortemente feminizados -como son as conserveiras, o sector téxtil e as mulleres do mar- que teñen tamén nas súas condicións laborais eivas en canto a igualdade. Falamos de precariedade laboral, xornadas practicamente de escravitude, salarios máis baixos, ou enfermidades profesionais que non son consideradas.

Tamén, a poboación galega é maioritariamente rural, é moito máis doado que os casos de violencia machista queden ocultos polo propio illamento. Sabemos que hai moitos casos, pero non se denuncian, porque as mulleres nos seguimos considerando culpables, aínda por riba, de que se nos agrida. A vergoña, o medo a que as sinalen. É difícil que as mulleres do rural denuncien porque están moito máis illadas, e non se atopan arroupadas.

"

- As xeracións que veñen detrás están máis ou menos concienciadas?

- Creo que a concienciación é diferente. Agora hai máis mulleres novas feministas que nos últimos 5 anos. Con casos como a lei Gallardón, foron conscientes de que tiñan que entrar ao feminismo porque a igualdade non estaba conseguida.

Traen forzas renovadas e ideas novas. Iso é moi positivo, somos máis e é diferente.

- Son necesarias as campañas de concienciación sobre os comportamentos machistas nas relacións de parella?

- Creo que son moi necesarias, algo que dende o feminismo levamos anos dicindo.

O amor romántico é a gran trampa na que caemos as mulleres, por educación. Apréndesenos a ser submisas, a coidar e a poñer a outros por diante de nós mesmas, iso constrúese en base ao amor romántico. Temos que buscar a un príncipe azul, que non existe, e que nos vai salvar. É a idea que nos transmitiu a música, “sin ti no soy nada”, pois sen a outra persoa somos, e seguiremos sendo.

"Que nos chamen feminazis quere dicir que lles estamos metendo o dedo no ollo, que algo estamos facendo ben"

- O feminismo é cousa de mulleres?

- O feminismo é cousa de toda a sociedade. Porque o feminismo, non o dicimos nós, dino as academias da lingua, que non son sospeitosas de ser feministas precisamente, é aquela ideoloxía social que busca a igualdade entre homes e mulleres.

No século XXI, en calquera sociedade que se considere moderna, iso ten que ser un básico. Require que as mulleres tomen protagonismo nesta loita, e que os homes desconstrúan a súa masculinidade, e asuman que ata agora viviron nun sistema que para eles era de privilexios aos que hai que renunciar.

Hai unha frase que di: “auténtica revolución é limpar o cuarto de baño”. Esa é a revolución que queda por facer. Que os varóns asuman que ese traballo é o que garante a vida, os traballos de coidado. A humanidade non tería chegado a 2019 se non houbese un grupo de poboación se ocupase dos coidados, e da reprodución da vida.

O feminismo fixo que as mulleres repensásemos todo iso que se agardaba de nós Agora tócalle tamén aos varóns repensar como se constrúe a súa masculinidade, porque non é vantaxosa tampouco para eles. Ser o provedor tampouco é positivo, produce frustracións e malestar.

"

- Existen as feminazis?

- Non. A propia definición de feminismo invalida a palabra. As feministas somos sumamente respectuosas coa igualdade entre todas as persoas, e queremos igualdade para todas as persoas. Buscamos un modelo diferente de sociedade, no que as persoas esteamos no centro.

De todas formas, as activistas feministas sentímonos moi orgullosas de que haxa un grupo  de varóns, que se negan a perder os seus privilexios, que nos definan como feminazis. Iso quere dicir que algo estamos a facer ben, que lles estamos metendo o dedo no ollo.

- Que lle responderías a quen di “pois non estades tan mal, as cousas cambiaron moito dende os 60 por exemplo”?

- Eu diríalle que ten razón. Pero só pedimos unha cousa, a metade de todo, porque somos a metade da poboación, e non a temos.