Temos unha terra para presumir e, percorrelas, parécenos o mellor ‘planazo’ para este verán. Xa fixemos algunhas rutas a pé e chegamos a piscinas naturais que son o noso verdadeiro patrimonio. E seguiremos descubrindo recunchos incribles de Galicia. Xa sexa a pé ou en bici, virache ben botar man destas apps para o teu móbil.

Elixe a túa ruta

Sabemos que estás a desexar coller a mochila, pero antes para un momento para elixir a túa propia aventura.

  • Turismo Galicia: Turismo de Galicia proponche facer sendeirismo polo Eume, percorrer o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés ou achegarte ao parque natural máis antigo de Galicia, o Monte Aloia. Consulta todas as rutas na app para móbiles Android e iOS.

    Pero ademais, tes outras apps específicas: Sendegal (Android e iOS) e Parques de Galicia (Android e iOS).

    Apps imprescindibles para rutas por Galicia Turismo Galicia
  • Vías Verdes e Red Natura 2000: As antigas vías de ferrocarril convertidas en carreiros peonís son a mellor opción para descubrir a pé ou en bicicleta a nosa terriña. A Vía Verde do Eo discorre entre Asturias e Galicia, seguindo o trazado dun antigo mineiro xunto ao río Eo ao longo de 12 km. Tes todos os detalles da ruta na app para móbiles Android.

  • Wikiloc: Tamén podes seguir os consellos dos 6 millóns de usuarios que están metidos en Wikiloc, unha especie de rede social dos amantes do sendeirismo, a montaña ou a bici. Grava as túas propias rutas sobre un mapa, engade coordenadas, fai fotos ao longo do itinerario e súbeas directamente á plataforma dende o teu móbil Android ou iOS. Vimos algunhas etapas do Camiño dos Faros que teñen ‘pintaza’.

    Apps imprescindibles para rutas por Galicia Wikiloc
  • Mapas e Parques: o Instituto Xeográfico Nacional pon á túa disposición apps súper útiles para percorrer as rutas dos Parques Nacionais ou as etapas do Camiño de Santiago. Planifica as túas excursións utilizando mapas, navegación e percorridos guiados, sen necesidade de ter conexión a internet. Descárgaas xa: Mapas de España (Android), Mapas de España Básicos (Android e iOS), Parques Nacionales (Android e iOS) e Camino de Santiago (Android e iOS).

Consulta o tempo

Agora que xa tes a túa ruta trazada e unha ilusión tremenda, non deixes que un nuboeiro arruine a túa excursión. Hai unha chea de apps do tempo, MeteoGalicia (Android e iOS), AEMET (Android e iOS) e eltiempo.es (Android e iOS) son de consulta obrigada, pero en montaña debes controlar sobre todo estes tres elementos:

  • Vento: entérate de como sopra o vento coa app Windy para móbiles Android e iOS.

  • Choiva: coñece os datos en tempo real sobre o prognóstico de choiva na app Rain Alarm, dispoñible para Android e iOS.

  • Tormenta: adiántate á chegada de tormentas e raios coa potente aplicación Storm Radar para o teu móbil Android ou iOS.

    Apps imprescindibles para rutas por Galicia Storm Radar

Descarga aplicacións de emerxencias

Non esquezas estes dous grandes consellos: ten sempre o GPS activado e leva o móbil coa batería cargada. Ademais, estas apps poden salvarte dun bo susto: S.O.S. Emergencias (Android), My112 (Android e iOS) e Offline Survival Manual (Android e iOS).

E ti, axúdasnos a descubrir toda a beleza que temos en casa? Cóntanos a túa ruta favorita.