Galicia está chea de rutas a pé impresionantes, que xunto coa súas paisaxes convértena nun dos lugares máis fermosos de España, por non dicir do mundo . E non é porque o digamos nós, así o reflicte un dos xornais de referencia internacional, The Guardian.
Se o tempo xa non acompaña para ir á praia ou xa estás canso de tanta area, camiñar por algunhas destas rutas é unha moi boa opción para esta época do ano na que non vai nin tanta calor nin tanto frío.
Fragas do Eume
É o parque natural máis coñecido de Galicia, na súa extensión conta con varias rutas de diferentes tipos de dificultade e cunhas paisaxes do río Eume e da súa contorna que parecen de película.
Ademais da natureza que rodea estas rutas, pódese desfrutar das marabillas arquitectónicas como: o Mosteiro de Caaveiro, o Mosteiro de Monfero, o patrimonio dos Andrade, entre os que destacan o castelo de Pena Leboreiro, o convento de Montefaro e a torre do seu pazo en Pontedeume. Tamén na contorna do parque, podes ver mámoas e castros da época megalítica.
Fuciño do Porco
É a ruta de moda. Moitos camiñantes acoden ao Fuciño do Porco cuxo nombre oficial é Punta Socastro.
Trátase dun camiño que vai por unha plataforma de madeira e rodea a entrada da ría de Viveiro, entre a praia de Pereira e Area Grande. Durante o percorrido hai algunhas zonas con escaleiras, pero pódese ir con nenos porque non ten máis dificultade.
As vistas desta ruta abarcan dende Xove ata Bares, así que non vas saber para onde mirar .
Sete Muíños
Trátase dun espazo natural ubicado nun monte preto da localidade lucense de Guitiriz. Neste espazo atópanse sete muíños, concretamente ao lado do río Escádebas.
Debaixo dos muíños hai unha pequena presa na que te podes dar un baño, que de seguro que apetece despois da ruta. Se camiñas río arriba poderás desfrutar da ruta do Escádebas. Preto desta zona atópase unha área recreativa con parque infantil e mesas e bancos para facer un xantar ou merenda ao aire libre.
Ponte Colgante Soutomaior
Existe unha ruta que leva á ponte colgante sobre a desembocadura do río Verdugo e o río Oitavén e que foi restaurada o pasado mes de maio. Ao seu paso cruza a Poza das Bestas e a un dos seus lados atópase unha praia fluvial onde te podes dar un mergullo.
Podes seguir camiñando por unha ruta que vai pola beira do río Oitavén na que descubrirás as ruínas dun muíño de auga. Este percorrido non é moi longo e hai sombra case todo o camiño, así que é ideal para ir cos máis pequenos.
Ruta dos sequeiros
Na parroquia de Pena Folenche, no concello da Pobra de Trives, pódese facer a ruta dos sequeiros. Os sequeiros son construcións que se empregaban para depositar as castañas para que se fosen secando. Na época da recollida da castaña estas edificacións tamén funcionaban como vivenda para as persoas que acudían aos soutos.
Moitos dos sequeiros mantéñense en bo estado e outros foron restaurados e pódense visitar na ruta circular de case 14 quilómetros. Ademais de ver os sequeiros e desfrutar da contorna, pódese subir ao mirador de Pena Folenche dende onde se pode ver Cabeza de Manzaneda, Peña Trevinca, o canón do río Návea e a comarca de Trives.
Quedan moitas rutas no tinteiro, sabémolo!. Pero se ti coñeces algunha que che encantou e que recomendas, estamos abertos a suxestións.
Ata a próxima!
Imaxe das Fragas do Eume de Javier Pais
Imaxe do Fuciño do Porco de Rocío Ramos
Imaxe de Sete Muíños de José Luis Cernadas Iglesias
Imaxe da ponte colgante de Soutomaior de Contando Estrelas
Imaxe dos Sequeiros do Concello da Pobra Trives