As piscinas naturais ou pozas son patrimonio da natureza da nosa terra descoñecido por moitos. Son paraísos que non deixan indiferente a ninguén e ademais non vai ser todo praia .

Se che apetece descubrir novos paisaxes, facer unha excursión ou simplemente tomar un baño relaxadamente toma nota dos seguintes lugares que podes descubrir en Galicia.

Norte de Galicia

O río Pedras na Pobra do Caramiñal conta cunhas piscinas e fervenzas que son ideais para o baño e nos últimos ano a súa afluencia foi aumentando. Na súa contorna hai muíños, unha ponte medieval e na parte alta do río podes desfrutar dunhas vistas espectaculares cara ao mar.

O concello de Corme conta cunha piscina natural de auga salgada que se agocha entre as rocas do Faro do Roncudo. Hai que agardar a que baixe a marea para poder desfrutar desta marabilla de piscina con auga fresquiña do océano Atlántico.

Na parroquia de Araño, no concello de Rianxo, atópase o Pozo Bastón formado por un salto de auga do río Té e onde é posible bañarse aproveitar para facer un roteiro visitando a carballeira, os muíños e a aldea de Ferreiría.

Pozo Bastón

Preto do Parque Natural das Fragas do Eume, non concello de Neda, atópase a fervenza do río Belelle que forma unhas pozas aptas para refrescarse cando o calor aperta despois dun roteiro duro.

Volvendo á Costa da Morte atopamos as pozas de Nuveira coa súa fervenza, son as chamadas Caldeiras do río Castro na aldea de Coucieiro no concello de Muxía. Nelas podes desfrutar dos rápidos e das pozas rodeados dunha paisaxe de conto.

Na provincia de Lugo atópase a segunda fervenza máis grande de Galicia, a de Vilagocende, localizada no concello da Fonsagrada. Ademais de tomar un baño nas súas augas, podes desfrutar das vistas dende o mirador que hai na parte de arriba da fervenza.

Vilagocende

Dentro dun dos roteiros da Ribeira Sacra atópase a fervenza de Augacaída no concello de Pantón, preto do castro de Marce. O salto de auga conta cunha altura duns 40 metros e nel desemboca o río Aguianza formando unha poza natural na que, como non, poderás bañarte.

Sur de Galicia

A cidade das Burgas é a capital das termas, as máis coñecidas son as da Chavasqueira, as de Outariz ou as do Muíño, pero ao longo de toda a provincia tamén podes atopar piscinas naturais aínda que seguramente as súa augas non teñan propiedades tan beneficiosas.

O río Caldo flué pola comarca da Baixa Limia, concretamente polo concello de Lobios onde as súas augas mistúranse coas dunha pequena pociña con propiedades termais. E moi preto desta piscina natural atópase o salto de auga a Corga da Fecha.

O río Cerves no seu percorrido cara a localidade de Melón forma varias fervenzas e pozas aptas para o baño preto de Ribadavia e pódese acceder a elas a través dunha ruta con boa accesibilidade.

Entre os concellos de Maside e Amoeiro atópase a fervenza do Cachón ou do Barbantiño que ademais das súas pozas conta cos Muíños das Penas e co Pozo do Inferno que se pode ver dende a parte superior da fervenza.

Na provincia de Pontevedra atópase a fervenza máis alta e máis coñecida de Galicia, a do Toxa. Está no concello de Silleda e conta cunha piscina natural tan famosa que aparece no perfil de instagram de moitos usuarios galegos e de fóra .

Fervenza do Toxa

E se o que queres é desfrutar dunha piscina con vistas podes facelo na poza da Moura no concello de Moaña. O río Muíños ao seu paso polo Monte Domaio crea esta poza con difícil acceso e cunha auga cristalina pero moi fría e mentres estás bañándote podes ver a ría de Vigo e a ponte de Rande.

En Caldas de Reis atópase a fervenza de Segade e varias pozas ao seu arredor nas que podes desfrutar dun baño nas augas do río Umia. Na ruta de acceso a este paraxe podes ver diferentes muíños.

Quedan no tinteiro moitas máis pozas e fervenzas pero non temos espazo para máis desta volta, pero se ti coñeces algún paraíso segredo e o queres compartir, estaremos encantados .

Algúns consellos

Moitos destes lugares paradisíacos están afastados da civilización así que aquí van algúns consellos para ter todo baixo control.

  • Antes de saír de ruta comproba a dificultade que ten e as posibles complicacións
  • Vai sempre acompañado, nin se che ocorra ir soíño, e leva móbil por se precisas axuda nalgún momento
  • Emprega un calzado cómodo e que suxeite o pé para que non esvares nin tropeces durante o camiño
  • Leva unha mochila con auga e algo de comida para que non che dea un vaído
  • E antes de bañarte en calquera dos lugares, comproba que son aptos para o baño, a súa profundidade e se hai correntes ou remuíños que poden complicar o baño

E unha vez que teñas todo listo e cumpras estas premisas básicas, xa podes desfrutar dos tesouros agochados de Galicia.

Bo verán!

Imaxe da fervenza de Vilagocende de Juan Ledo

Imaxe da fervenza do Toxa de Gabriel González

Imaxe do Pozo Bastón de Xoan Antón Castro Barreiro