Boas. Hoxe queremos comentarche unha das últimas melloras que vimos de implantar en móbilR e que ten que ver co roaming. Porque dende xa, poderás navegar a maior velocidade no estranxeiro grazas ao 4G. É dicir, que contamos con este servizo tamén fóra de España.
Como sabes, ofrecemos 4G dende o ano 2016 en territorio nacional, un servizo que xa usan a maioría dos nosos clientes. Non tiñamos a opción de ofrecelo ata o de agora noutros países, pero xa é unha realidade.
Maior velocidade
Lembra que o 4G che permite navegar moito máis rápido e tamén ofrece mellor latencia, co cal a experiencia á hora de usar unha aplicación ou de enviar un contido é moito máis positiva.
Para desfrutar deste servizo só tes que contar cun móbil e unha tarifa compatible.
Hai países nos que non hai redes 4G ou ben non temos acordo, polo que, nese caso, se continuará desfrutando do servizo 3G como ata o de agora.
Outras melloras
Non olvides tampouco que agora, por defecto, xa temos o roaming activado dentro do Espazo Económico Europeo. Como che custa o mesmo chamar e navegar en calquera deses países que en España, non tes que andar activando e desactivando o roaming na túa liña. Xa o tes por defecto.
O que si, no caso de que viaxes ata Suíza, Andorra, Estados Unidos ou China, por poñer un caso, si que tes que activar o roaming previamente. E podes ter funcionando tanto a voz como os datos, ou ben só as chamadas e non internet móbil (por se prefires estar localizable e conectarte unicamente por wifi).
Outros consellos
Cando chames a España dende o estranxeiro, non esquezas poñer diante do número o prefixo do noso país, o 34 ou 0034.
No caso de que teñas o roaming activado na liña e non che colla rede de forma automática, búscaa de xeito manual. Pódelo facer dende axustes > máis > redes móbiles > operador. Se che aparece algún operador co símbolo de prohibido, ignora esa advertencia e selecciónao igualmente.
Un saúdo!
Imaxe de Margo Brodowicz