O nome de muller en galego Iria é un dos máis populares na nosa terra.

En concreto, hai máis de 6.000 persoas en Galicia que levan o nome de Iria. Por que gusta tanto?

En primeiro lugar pola súa musicalidade e porque é un nome curto e moi característico. Doutra banda, ten unha orixe mitolóxica, o que o converte a un tempo nun nome rechamante e cunha bonita historia detrás.

Contámosche un pouco máis sobre o nome de Iria, tanto se desexas coñecer o seu significado coma se estás a buscar un nome para a túa futura filla e estás a valorar esta opción.

Orixe do nome de Iria

Non hai unha orixe clara sobre o nome de Iria.

Unha das teorías é que Iria procede da deusa grega Iris. Esta deusa é a personificación do arco da vella e trátase dunha divindade mensaxeira que conecta o mundo celestial coa humanidade. Dise que é capaz de viaxar a unha velocidade superior á do vento e que pode chegar a cada punta do mundo, así como ao inferno ou a todos os recunchos do océano.

Con todo, Iria é máis coñecida en Galicia porque durante moitísimo tempo foi o lugar que albergaba a sé epicoscapal. É un topónimo prerromano, pero do que se descoñece a súa etimoloxía, xa que nin o grego, nin o eúscaro nin o precéltico parecen ser o seu idioma de orixe.

O descubrimento da tumba do apóstolo Santiago no ano 1095 fixo que a sede episcopal se trasladase de Iria Flavia a Compostela e perdese a importancia e a influencia que tivo na súa época este lugar.

Doutra banda, segundo a tradición celta, Iria é unha guerreira.

Significado do nome de Iria

Aínda que o nome de Iria está máis directamente relacionado co topónimo de Iria Flavia, se temos en conta a teoría da relación deste nome coa deusa Iris e con todo o que representa, o seu significado sería a de fermosas cores e aquela que anuncia.

En todo caso, é un nome que desde finais do século XX se popularizou en Galicia. E non só iso, porque tamén se usa no resto de España, precisamente porque é un nome moi sonoro e bonito.

Mulleres co nome de Iria

Aínda que o nome de Iria se comezou a popularizar non fai moito, xa contamos con diferentes mulleres co nome de Iria que están a destacar.

Estas son algunhas Irias coñecidas a día de hoxe:

  • Iria del Río: actriz.
  • Iria Ribadomar Molina: pintora, debuxante, ilustradora e deseñadora nada en Cambados.
  • Iria Gómez Concheiro: directora de cinema e guionista.
  • Iria Uxía Romarís: adestradora de baloncesto.
  • Iria Fariñas: escritora.
  • Iria Gallardo: actriz.

Como se di o nome de Iria noutros idiomas?

O nome galego Iria non ten tradución noutros idiomas.

Hai quen relaciona este nome con Irene, porque en Portugal Santa Iria é Irene de Tancor, pero a orixe do nome é moi diferente.

De feito, en Portugal tamén existe Iria, pero acentuado no segundo “i”, aínda que sería o equivalente en galego a Erea, co que non ten nada que ver con Iria, son palabras diferentes.

Doutra banda, en Brasil dise que o seu equivalente sería “Yara”, co significado de “Madrea das augas”. A súa etimoloxía é local, xa que provén dos indíxenas brasileiros, co que tampouco sería unha tradución real, senón un nome parecido.

En definitiva, Iria non ten equivalente noutras linguas, co que se trata dun nome único, sinxelo e moi bonito.