Confesa que a súa paixón por coleccionar teléfonos comezou hai máis de dúas décadas.
Durante anos, o coruñés José Vázquez Pernas traballou no Departamento de Comunicacións de Unión Fenosa. Foi alí onde se fixo coas primeiras pezas de telefonía que acabarían sendo o xerme do particular museo que alberga na súa casa de Sada (A Coruña).
A colección que foi compoñendo ao longo de todos estes anos é tan valiosa como extensa e reúne máis de 200 pezas, todas perfectamente organizadas e expostas nunha sala que nada lle ten que envexar ás dos mellores museos. Alí atopamos non só teléfonos de todas as épocas, senón tamén centraliñas, resistencias, condensadores, relés, recambios...
Pero o maior mérito de Vázquez Pernas non só é ter reunido esta impresionante colección, senón tamén ser o artífice, grazas á súa pericia técnica, dun museo vivo que abraia ao visitante cando os teléfonos empezan a soar e a dar sinal. “Todos funcionan e están conectados entre si a través das centraliñas”, explica orgulloso.
Ninguén mellor ca el para guiarnos nesta particular viaxe pola historia do teléfono. Vázquez Pernas transmite paixón con cada unha das súas palabras mentres nos vai ensinando toda a colección que atesoura. Pronto nos damos conta de que cada peza ten unha historia ou, máis ben, dúas: a do aparello en si mesmo, que nos indica o seu ano e procedencia, e a de como pasou a formar parte do seu museo. É aquí onde entran en xogo mil e unha anécdotas que tamén forman parte do patrimonio inmaterial do proxecto: a da sorte puntual de atopar un novo teléfono no mercadiño máis insospeitado, a da tenacidade necesaria para estar varios anos detrás dunha peza ata facerse con ela... “Este foi o caso, por exemplo, dunha centraliña que teño do ano 1.900”, explica.
Ao longo de todo este tempo, Vázquez Pernas trouxo teléfonos dende Barcelona, Portugal, Francia, Inglaterra... “Acudo con frecuencia a feiras de antigüidades e anticuarios e aproveito as viaxes que facemos para buscar novas pezas”, conta. Aínda que lle resulta difiícil escoller unha de todas as que ten, si destaca especialmente o chamado “esqueleto”, un teléfono de magneto do ano 1895.
Confesa non ter calculado nunca o valor económico de todo que logrou reunir nestes anos. “Teño pezas que superaron os 3.000 € e outras polas que paguei tan só 20. Todo depende do valor que lle outorgue a persoa que cho vende”, explica.
Aínda que xa tivo algúns contactos con museos interesados na súa colección, polo de agora esta seguirá na súa casa para desfrute de amigos e familiares. Sen dúbida, unha homenaxe ben interesante ao legado de Graham Bell, ou mellor dito, de Antonio Meucci, o verdadeiro inventor do teléfono.