O que nunca falta nunha boa festa galega é comida e bebida en abundancia. E na Festa do Albariño de Cambados conmemoran un deses imprescindibles: o viño. Do 29 de xullo ata o 2 de agosto 2026 Cambados celebra a súa famosa Festa do Albariño 2026. Consulta aquí o programa, as datas e os concertos para non perder detalle.
A popular festa cambadesa é a conmemoración vinícola máis antiga de Galicia e a segunda máis lonxeva de España. Durante 74 anos non deixou de gañar adeptos e converteuse, a día de hoxe, nunha das festas máis multitudinarias de Galicia.
Como non podía ser doutro xeito, celébrase en Cambados, considerada a capital do Albariño. O mundo do viño forma parte da historia e da cultura desta vila. Cambados converteuse nun dos principais motores da economía da zona, en parte polo desenvolvemento do enoturismo e pola propia Festa do Albariño.
Pero o seu significado vai moito máis alá dun mero evento festivo arredor do viño. Trátase dun evento no que se pretende protexer o viño albariño con D.O. Rías Baixas a través dos membros do “Capítulo Serenísimo” e tamén premiando aos mellores viños desta Denominación de Orixe cun concurso de catas.
Programa da Festa do Albariño de Cambados 2026

Imaxe: Festa do Albariño
Non todo na Festa do Albariño 2026 xira arredor da apertura de botellas. O programa das súas festas está pensado para todos os públicos. Hai actuacións musicais, zonas acondicionadas para comer, atraccións e tamén, por suposto, unha zona específica para a venda de viño na alameda.
Aínda que a Festa do Albariño 2026 é do mércores 29 de xullo ata o domingo 2 de agosto, o martes 28, o chamado día de “Pé de Cuba” xa hai actos para os máis madrugadores con ganas de festa.
O Concello de Cambados xa anunciou o programa completo da Festa do Albariño 2026, e comtámoscho todo aquí para que non perdas detalle.
Martes, 28 de xullo 2026: Pé de Cuba
- 12:00 h. Praza do Concello: Xogos tradicionais.
- 20:00 h. Escalinata San Tomé: Espectáculo circense con Circo Isla Letriska.
- 21:00 h. Praza Alfredo Brañas: Concerto de The Velvet Crab.
- 21:30 h. Pasarrúas con charanga Alambique.
- 23:00 h. Praza Alfredo Brañas: Sesión DJ.
Mércores, 29 de xullo 2026
-
10:00 h. San Tomé: Saída da alborada co grupo de gaitas Boudebou.
- 13:00 h. Praza do Concello: Pregón do actor Flako Estévez e acto de inauguración da LXXIII Festa do Albariño.
- 13:30 h. Paseo da Calzada: Apertura das Casetas do Viño.
- 19:00 h. Pasarrúas da batukada Olodum do Coio.
- 20:00 h. Praza de Fefiñans: Actuación Mago Noel.
- 22:00 h. Praza de Fefiñans: Concerto de Law e Ninghures.
- 23:00 h. Praza do Concello: Verbena popular coa orquestra Suavecito.
- 23:00 h. Praza Alfredo Brañas: Sesión DJ.
Xoves, 30 de xullo 2026
- 10:00 h. San Tomé: Alborada do grupo de gaitas Con de Xido.
- 10:00 h. Parador de Cambados: Cata Prima: Primeira cata dos viños presentados a concurso.
- 12:30 h. Salón de Congresos José Peña: Inauguración do Túnel do Viño.
- 19:00 h. Pasarrúas da batukada Olodum do Coio.
- 22:00 h. Praza de Fefiñáns: Concerto de Mondra, Amoebo e Alana.
- 23:00 h. Praza do Concello: Verbena popular coa orquestra América de Vigo.
- 23:00 h. Praza Alfredo Brañas: Sesión DJ.
Venres, 31 de xullo 2026
-
10:00 h. San Tomé: Alborada do grupo de gaitas Volandeira.
- 11:00 h. Parador de Cambados: Cata dos viños presentados a concurso.
- 16:00 h. Paseo de San Tomé: Nortada Electrónica.
- 19:00 h. Pasarrúas da batukada Olodum do Coio.
- 21:00 h. Praza de Fefiñáns: Concerto de Roa, Luar La L e La Pantera.
- 22:30 h. Praza do Concello: Verbena popular coa orquestra Alkar e con DJ Macba e DJ Paco Vulkano.
- 23:00 h. Praza Alfredo Brañas: Sesión DJ.
Sábado, 1 de agosto 2026
-
10:00 h. San Tomé: Alborada do grupo de gaitas Xironsa.
- 11:00 h. Parador de Cambados: Cata dos viños presentados a concurso.
- 16:00 h. Paseo de San Tomé: Nortada Electrónica.
- 19:00 h. Pasarrúas da batukada Olodum do Coio.
- 22:00 h. Praza de Fefiñáns: Concerto de Rufus T Firefly, Cora Yako e Agoraphobia.
- 22:30 h. Praza do Concello: DJ Matrek e DJ JJ Compota.
- 23:00 h. Praza Alfredo Brañas: Sesión DJ.
Domingo, 2 de agosto 2026
- 13:00 h. Avenida de Madrid: Capítulo Serenísimo. Desfile de autoridades e de Confrarías Gastronómicas invitadas.
- 13:30 h. Patio de Armas do Pazo de Fefiñáns: Capítulo Serenísimo. Acto de investidura de Donas e Cabaleiros do Albariño.
- 14:30 h. Sociedade Cultural: Xantar do Albariño e premiados na LXXII Festa do Albariño 2026.
- 22:00 h. Praza de Fefiñáns: Concerto da Banda de Música de Castrelo.
- 22:30 h. Praza do Concello: Verbena popular co grupo D Noche.
- 00:00 h. Paseo marítimo de Cambados: Espectáculo pirotécnico de Fin de Festa.
Concertos da Festa do Albariño 2026
E resumimos aquí os concertos da Festa do Albariño 2026, que xa foron anunciados, todos son na Praza de Fefiñáns:
- Mércores 29 de xullo: Concerto de Law e Ninghures.
- Xoves 30 de xullo: Concerto de Mondra, Amoebo e Alana.
- Venres 31 de xullo: Concerto de Roa, Luar La L e La Pantera.
- Sábado 1 de agosto: Concerto de Rufus T Firefly, Cora Yako e Agoraphobia.
- Domingo 2 de agosto: Concerto da Banda de Música de Castrelo.
O nacemento da Festa do Albariño

O que hoxe coñecemos como Festa do Albariño foi, en orixe, un concurso entre adegueiros promovido por Bernardino Quintanilla Álvarez e Ernesto Zarate, dous adegueiros da zona. A primeira edición celebrouse o 28 de agosto de 1953, coincidindo coa festividade da Virxe da Pastora en Cambados.
Esta primeira celebración consistiu nunha merenda-cea e custou 4.389,40 pesetas. Participaron cincuenta comensais e nove adegueiros concursantes. Foi precisamente nesa primeira cea onde se acordou seguir celebrando o certame en anos sucesivos.
As edicións de 1954 e de 1955 tiveron o mesmo escenario, e nelas competiron 24 e 14 viños, respectivamente. O auxe do certame foi tal que na edición de 1956 a merenda-cea tivo que ser trasladada á horta dun pazo da vila, o pazo de Ulloa.
Non sería esta a súa última localización, anos despois celebraríase no Pazo de Bazán e, dende o 2005, ten lugar no xardín do Pazo de Torrado, en pleno centro cambadés.
A consolidación da festa do Albariño
Na década de 1960, a festa trasladouse ao primeiro domingo de agosto. Nese momento ábrese á participación da xente con pasarrúas, catas públicas e verbenas. En 1977, con motivo do seu 25 aniversario, a festa foi declarada de Interese Turístico, distinción que se actualizou en setembro do 2018 a Festa de Interese Turístico Internacional.
A principios dos anos 80 a festa consolidouse e abriuse ao espectáculo cunha aposta pola música de importantes grupos de renome internacional. En 1988 constitúese o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, que, xunto co Concello, colabora estreitamente na organización da festa.
A creación do “Capítulo do Serenísimo”
En agosto de 1969 fúndase o “Capítulo Serenísimo do Albariño”, entidade destinada a protexer o albariño, e a difundir e promover a cultura deste viño, bautizado naquel momento como “o príncipe dourado” dos viños brancos.
Entre os membros deste primeiro acto, no que foron nomeados nove Cabaleiros do Albariño, figuraban representantes da política como Manuel Fraga Iribarne ou Joaquín Fole Vilar (alcalde de Cambados). Pero a cultura tamén estivo representada polo escritor Álvaro Cunqueiro Mora ou polo escenógrafo José Antonio Campos Borrego.
En edicións posteriores foron nomeados Cabaleiros do Albariño personalidades destacadas como Torrente Ballester, Camilo José Cela, o francés Charles de Gaulle ou o arxentino Juan Domingo Perón. A partir dos anos 90 a igualdade chegou ao “Capítulo Serenísimo” coa inclusión das mulleres, as chamadas Donas do Albariño.
Ao longo das seguintes edicións da Festa do Albariño foron nomeados novos Cabaleiros e Donas do Albariño, ata alcanzar un total de 200 membros na actualidade.
Fonte imaxe cabeceira: Cultura de Galicia.
