O 17 de maio é unha data marcada no calendario para todos/as os/as galegos/as. É o momento de homenaxear a nosa lingua e a nosa literatura. É o Día das Letras Galegas 2024. E este ano celebrámolo lembrando a figura de Luísa Villalta.
Día das Letras Galegas 2024 homenaxeada: Luísa Villalta
Chegamos á 61ª edición do Día das Letras Galegas e o pleno da Real Academia Galega acordou adicarllo a Luísa Villalta, xusto para cadralo co vixésimo aniversario da súa morte.
Luísa Villalta foi unha creadora única, diferente, con voz propia, moi musical. A súa figura foi unha das grandes da literatura galega xurdida na segunda metade dos 80 e principios dos 90 do pasado século.
A escritora coruñesa ten unha obra marcada polo pensamento apaixonado, que busca a reflexión, con exquisito rigor estilístico, sen esquecerse nunca de explorar novos camiños.
Luísa Villalta é recoñecida sobre todo como poeta, pero tamén cultivou o teatro, a narrativa, o ensaio, a tradución e a redacción de artigos. Unha obra chea de variedade pero sempre marcada por un cruce entre poesía e música.
Luísa Villalta: unha biografía chea de poesía
Luísa Villalta naceu en xullo de 1957 na Coruña. A música é unha constante na súa vida, e na súa obra, e aínda que tiña estudos superiores de violín e formou parte da Orquestra Sinfónica de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, decidiu adicarse á docencia e, despois de licenciarse na Universidade de Santiago de Compostela, sacou en 1988 unha oposición de docente de Lingua e Literatura Galegas.
Impartiu clases en varios institutos. Primeiro no Xosé Neira Vilas de Oleiros e no Canido de Ferrol, tras o que se incorporou definitivamente no Isaac Díaz Pardo de Sada, onde foi coñecida por promover unha intensa actividade cultural.
A poesía é o xénero que mellor a definiu e que lle trouxo maiores alegrías e proxección. Na poesía buscou o significado da palabra e a súa vinculación coa música. O seu primeiro poemario, Música reservada (1991), visibiliza esa constante na súa obra, as dúas formas de expresión que sempre a acompañaron.
En 1995 publica Ruído, en estreita vinculación temática con Música reservada, que a confirma como autora de referencia das letras galegas do momento. Tamén en 1995 publica Rota ao interior do ollo, unha plaquette con cinco poemas editados para a presentación do selo portugués Edições Tema.
En concreto é o derradeiro poemario que deixou listo en vida. O libro foi recoñecido en 2004 co “XII Premio de Poesía Espiral Maior”. A título póstumo tamén se publicaría Papagaio (2006), un poemario que leva o nome do que tradicionalmente foi o barrio coruñés dedicado á prostitución e no que Villalta, coa colaboración da fotógrafa Maribel Longueira, dá conta do proceso de demolición dos antigos edificios do barrio dialogando imaxe e verso, para devolver a dignidade ás mulleres que neles habitaban e denunciar a especulación urbanística herculina.
Agora que xa coñeces á autora das Letras Galegas 2024, imos a poñerte a proba. ¿Canto sabes do Día das Letras Galegas? Xoga con nós 😉.
9 curiosidades do 17 de maio, Día das Letras Galegas
- O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio en homenaxe á data de publicación do primeiro libro en galego de Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (17 de maio de1863).
- Precisamente Rosalía de Castro foi a primeira homenaxeada cen anos máis tarde, en 1963.
- Tras ela, outras cinco mulleres foron recoñecidas na historia: Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018), Xela Arias (2021) e Luísa Villalta (2024).
- Só houbo unha homenaxe conxunta na súa historia. Foi en 1998 e dedicóuselles aos poetas medievais Martín Codax, Xohán de Cangas e Mendinho.
- Xa van 61 anos de celebración.
- Dende 1991, 28 anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festivo oficial en Galicia.
- A sede da RAG atópase na Coruña, na que foi residencia familiar de Emilia Pardo Bazán, e precisamente alí atópase a súa Casa Museo.
- O pleno extraordinario das Letras Galegas, que se celebra sempre o 17 de maio, tivo que trasladarse en 2020 a decembro debido á COVID-19.
- O Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, elixe cada ano por votación popular a Palabra do Ano. No 2023 foi “Cibercarracho/a”, no 2022 “Comadre”, no 2021 “Tanxugueiras”, no 2020 “Nós” e no 2019 gañou “Sentidiño”.
Autores Letras Galegas: a quen se lle dedica
Para resultar elixido/a, a Real Academia Galega ten en conta dous requisitos:
- Ser autor/a dunha obra relevante en galego.
- Que teñan pasado 10 anos entre a súa morte e a designación para ese día.
Non todos os autores homenaxeados nas Letras Galegas naceron en Galicia. Un par de exemplos son os casos do rei Alfonso X o Sabio, que naceu en Toledo, pero escribía en galego-portugués.
Outro caso moi significativo é o de María Vitoria Moreno, que naceu en Valencia de Alcántara, Cáceres, pero que en 1963 se trasladou a vivir a Pontevedra. Ou frei Martín Sarmiento, que era de Vilafranca do Bierzo.
Día das Letras Galegas homenaxeados
Queres saber a que autores se lles homenaxeou anteriormente o 17 de maio? Aquí che deixamos a relación de todos os escritores homenaxeados nas Letras Galegas por ano:
- 1963: Rosalía de Castro
- 1964: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
- 1965: Eduardo Pondal
- 1966: Francisco Añón
- 1967: Manuel Curros Enríquez
- 1968: Florentino López Cuevillas
- 1969: Antonio Noriega Varela
- 1970: Marcial Valladares Núñez
- 1971: Gonzalo López Abente
- 1972: Valentín Lamas Carvajal
- 1973: Manuel Lago González
- 1974: Xoán Vicente Viqueira
- 1975: Xoán Manuel Pintos Villar
- 1976: Ramón Cabanillas
- 1977: Antón Villar Ponte
- 1978: Antonio López Ferreiro
- 1979: Manuel Antonio
- 1980: Alfonso X el Sabio
- 1981: Vicente Risco
- 1982: Luis Amado Carballo
- 1983: Manuel Leiras Pulpeiro
- 1984: Armando Cotarelo Valledor
- 1985: Antón Losada Diéguez
- 1986: Aquilino Iglesia Alvariño
- 1987: Francisca Herrera Garrido
- 1988: Ramón Otero Pedrayo
- 1989: Celso Emilio Ferreiro
- 1990: Luis Pimentel
- 1991: Álvaro Cunqueiro
- 1992: Fermín Bouza Brey
- 1993: Eduardo Blanco Amor
- 1994: Luis Seoane
- 1995: Rafael Dieste
- 1996: Xesús Ignacio Ferro Couselo
- 1997: Ánxel Fole
- 1998: Xoán de Cangas, Martín Códax y Mendinho
- 1999: Roberto Blanco Torres
- 2000: Manuel Murguía
- 2001: Eladio Rodríguez
- 2002: Fray Martín Sarmiento
- 2003: Antón Avilés de Taramancos
- 2004: Xaquín Lorenzo, Xocas
- 2005: Lorenzo Varela
- 2006: Manuel Lugrís Freire
- 2007: María Mariño
- 2008: Xosé María Álvarez Blázquez
- 2009: Ramón Piñeiro López
- 2010: Uxío Novoneyra
- 2011: Lois Pereiro
- 2012: Valentín Paz Andrade
- 2013: Roberto Vidal Bolaño
- 2014: Xosé María Díaz Castro
- 2015: Xosé Filgueira Valverde
- 2016: Manuel María
- 2017: Carlos Casares
- 2018: María Victoria Moreno Márquez
- 2019: Antón Fraguas
- 2020: Ricardo Carvalho Calero
- 2021: Xela Arias
- 2022: Florencio Delgado Gurriarán
- 2023: Francisco Fernández del Riego
- 2024: Luísa Villalta
Quen será o próximo ou a próxima homenaxeada? Teremos que esperar un ano para sabelo, pero non para celebrar o Día das Letras Galegas, iso podémolo celebrar todo o ano falando galego e lendo a nosa literatura.
Feliz Día das Letras Galegas 2024 para todos e todas!