Hai moitas maneiras de lembrar a obra de Rosalía de Castro. Podes ler os seus poemas, escoitalos na voz de Amancio Prada e/ou de Luz Casal, pero tamén visitar a súa Casa-Museo de forma virtual ou cociñar un ‘Caldo de Gloria’.

Úneste ás iniciativas da Fundación Rosalía de Castro para celebrar o Día de Rosalía? Que, por certo, este ano pasa a conmemorarse un día antes. Contámosche por que.

O Día de Rosalía cambia ao 23 de febreiro

Ata o de agora, descoñecíase a data real do nacemento da poeta galega. Así que lla homenaxeaba o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo.

Pero unha recente investigación de Sagrario Abelleira revela que Rosalía naceu o 23 de febreiro. Polo que, a partir de agora, esa é a data da súa celebración. Este e outros datos curiosos están agora recollidos na publicación “Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)” desta investigadora.

E agora si, a celebrar á nosa gran poeta.

Fai un ‘Caldo de Gloria’

Si, pódese conmemorar a Rosalía co padal. Un ano máis, a Fundación Rosalía de Castro puxo en marcha esta iniciativa, inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” de “Follas novas”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Aquí tes toda a información.

Caldo de Gloria

Podes achegarte a degustalo en máis dun cento de locais de hostalaría que xa se uniron.

Ou atreverte a facelo ti na casa. Para iso, anota:

Podes seguir as instrucións que Rosalía dá no poema, consultar a receita de Picadillo ou seguir os consellos do televisivo Xoanqui Ameixeiras, cociñeiro convidado deste ano:

Despois le un poema de Rosalía e compárteo nas redes sociais cos hashtags: #CaldodeGloria #DíadeRosalía

Únete á Alborada de Rosalía

A Fundación Rosalía, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, anima a todos/as os/as gaiteiros/as de Galicia, pero tamén pandereteiros/as, ‘requinteiros/as’, tamborileiros/as, etc. a dar unha alborada de gloria na súa honra.

Aquí tes a info completa para unirte á alborada.

Visita a Casa de Rosalía de forma virtual

Dende o pasado mes de xullo podes visitar a Casa de Rosalía de xeito virtual. O proxecto púxose en marcha co gallo do 50 aniversario da apertura da antiga Casa da Matanza, en Padrón, onde Rosalía viviu os seus últimos anos.

A visita virtual permite ver a Casa-Museo e a Horta de Rosalía en 3D. Segue o percorrido e amplía a información en case 40 puntos para coñecer máis detalles da vida e obra da autora de “Cantares galegos”. Ademais, podes ver unha recreación dunha casa rural da época, entre labrega e fidalga. Empeza aquí.

E sobre todo, goza moito, hoxe e sempre, dos versos de Rosalía.