A loita é diaria, e cada minuto traballamos por que as cousas cambien. A situación de desigualdade que aínda existe entre homes e mulleres no ámbito laboral e doméstico existe todos os días, e está en todas partes.

Por iso hoxe non é un tema máis importante do que o é o resto do ano. Pero, ao igual que facemos a véspera de ano novo, o 8 de marzo reflexionamos. Reflexionamos sobre o camiño percorrido, os logros acadados, e o que nos queda por diante. É un día de facer balance e poñer o foco no tema para que, aqueles que non están na loita todo o ano, recorden que é un problema que sigue aquí.

Son moitas as cifras que reflexan a situación: unha moza, tres anos despois de rematar a mesma formación que un mozo cobra 228 euros menos; o 91,65% das excedencias concedidas  en 2016 pedíronas mulleres; o 97,8% de baixas para o coidado dos fillos, tamén; e 7 de cada 10 pensións inferiores aos 700 euros percíbenas mulleres, sendo xa só un 49% as que perciben algo.

Todos estes datos son espello da realidade que viven as mulleres en Galicia, e no mundo. É un problema que non atende a idade, unha situación que semella non variar entre xeracións e que contabilizamos con datos económicos pero que ten unha cara máis fonda, non calculable.

Non somos nós quen de contar esta historia, por iso volvemos cara as nosas compañeiras: Carolina Pena-Anllo, avogada no departamento xurídico, e Silvia Serrano, enxeñeira de telecomunicacións no departamento de Enxeñaría de ISP/DC.

Xa está ben de negra sombra

A esta onda de negativismo veñen Carolina e Silvia a arroxar un chisco de optimismo. Afirma Carolina, e de xeito rotundo, que “a día de hoxe resulta case impensable que unha muller para ter unha conta bancaria precise da firma dun home. Pero cando eu nacín isto era así. E quero pensar que dentro duns anos,  serán impensables moitas das cousas polas que se están a loitar agora”. Concorda con ela Silvia, matizando que os cambios chegan máis lentos do que deberían, pero que “mirando dúas xeracións atrás xa se aprecian os cambios”, porque “as nosas avoas dedicábanse exclusivamente ás tarefas do fogar, e na xeración seguinte isto xa cambiou, as nosas nais traballaron fora e dentro da casa, unhas todo terreo”. Vaia se non!

Xusto aquí, no ámbito doméstico, é onde para a nosa xurista preferida radica o problema: “por desgracia aínda se escoita o “Bótoche unha man?””. Non precisamos axuda. Necesitamos un reparto totalmente igualitario das tarefas domésticas, e educar as actuais xeracións nese comportamento”. Engadindo que a raíz do problema é que “a carga mental aínda é nosa”. Pero é nesta temática onde Silvia ten unha perspectiva moito máis positiva. Cree, con igual firmeza, que “cada vez hai menos diferenzas en canto ás tarefas realizadas por homes e mulleres, practicamente colaboramos por igual”. A realidade é que ambas están no certo, demos moitos pasos neste sentido pero quizais nos queden uns poucos máis que dar.

carolina pena

O mundo laboral

Non creen que a brecha salarial hoxe sexa moi significativa dentro do fogar, pero si poñen o acento sobre unha serie de medidas necesarias para que se produza un cambio. “Que os traballadores non tivesen que reducir as xornadas laborais para o coidado dos fillos, porque na empresa privada, quen solicita maioritariamente as reducións de xornada son as mulleres”, esta é unha das propostas de Carolina Pena, así como “obrigar a que as reunións só puidesen ter lugar nun horario de mañá”, e rematando por outras non menos interesantes: “apagar as luces a unha determinada hora para que non se poidan facer interminables as xornadas laborais, non admitir currículos con nome para unha primeira criba…” e así poderíamos seguir enumerando.

Nesta liña, apunta Silvia Serrano, as mulleres “deberían ter opción a ocupar cargos de maior responsabilidade e poder tomar parte nas decisións estratéxicas da empresa”. Tema moi en auxe, por certo.

A muller e os postos de responsabilidade

Ambas coinciden en que é pouco habitual, e moi complicado, que unha muller chegue a un posto de responsabilidade. Apunta Silvia, a colación deste debate que “ás veces non sabes cal é o camiño que tés que seguir para chegar a eles” e concorda con ela Carolina, malia que non lle gusta xeneralizar, “a nosa valía ten que ser absolutamente extraordinaria para iso, e penso que no caso dun home non se necesita desa cualidade extraordinaria”.

Falando de aquelas mulleres que si o ocupan, a xurista, Carolina, cree que o xeito de chegar a eles foi “asumindo os roles xa establecidos: presencialismo, horarios infinitos, incluso renuncia a unha vida familiar”.

silvia serrano

Escoller un futuro profesional

Antes de chegar a estes lares, un ten que decidir que quere ser de maior, e nin a unha nin a outra o tiña moi claro.

Silvia decidiuse pola Enxeñaría de Telecomunicacións cando o seu irmán lle regalou un móbil e, a pesares do medo e as reservas iniciais lanzouse á piscina. Alí é onde se notan as diferenzas, na universidade. “Estase a ver nos últimos anos que cada vez hai menos mulleres matriculadas en carreiras técnicas. Hai que conseguir que as nenas non crezan xa con ese prexuízo”, e a diferenza continua ao chegar ao mundo laboral: “falando deste tema con outras compañeiras do sector, comentaron situacións que viviran nas que se dudaba das nosas capacidades como técnicas, pedindo unha segunda opinión a un home, ou directamente interrompendo unha explicación”. Fai foco sobre a importancia de cambiar isto nas xeracións que veñen xa que “por desgracia aínda hai homes que pensan que as mulleres son incapaces de entender a tecnoloxía”, e recalca que ela non tivo que vivir nada disto, pero que as diferenzas son unha realidade.

Carolina fai bromas con que de pequena quería ser veterinaria, pero que se decantou polo dereito ao decatarse “da miña condición innata de defensora das causas pobres”.  Comentando a situación das mulleres no dereito, arroxa un chisco de luz dicíndonos que “o crecemento da miña profesión é favorable ás mulleres”, e conta que “hai pouco tiven un xuízo onde todas éramos mulleres, en mais de quince anos exercendo, foi a primeira vez que me pasaba”.

Explícanos que “cando empecei a exercer sentía que estaba nun mundo de homes. Sen embargo, as tornas están cambiando e na administración de xustiza, nos últimos anos acadan mais prazas as mulleres que os homes. No 2016 o 71% das prazas foron obtidas por mulleres. E isto teríanos que dar que pensar porque ante probas imparciais, sen ter en conta o sexo, saimos favorecidas”, suscitando un novo debate.

Mirar cara adiante

O vindeiro ano volveremos a botar a vista atrás e, agardemos, botaremos un sorriso polas batallas gañadas.

Que nos queda por facer este ano? Silvia chama ás xeracións vindeiras a que “loiten por alcanzar todo o que se propoñan, que confíen nelas mesmas por riba de todo e que non deixen que ninguén lles diga o que son capaces de facer ou non”. E, Carolina apunta que o seu consello é para todos, “que medremos en igualdade, e erradicando os estereotipos rancios do pasado que tanta diferencia fan entre homes e mulleres” e recorda que a nosa tarefa pendente máis inmediata é “ademais de acadar mais mulleres postos directivos, é comezar dende dentro a cambiar eses estereotipos, e imitar a outros países onde a vida laboral, está adaptada a unha verdadeira conciliación entre traballo e vida persoal (que non necesariamente familiar)”. E aló imos :)