A festa da Maruxaina 2026 celébrase na localidade lucense de San Cibrao, en Cervo, o sábado 8 de agosto. Ese día as miradas de veciños/as e visitantes diríxense cara a esta misteriosa serea cuxa lenda dá pé a unha das festas máis singulares do verán en Galicia. Contámosche máis sobre esta tradición e a súa axenda de actividades, con fogos, queimada e un multitudinario "Gran Xuízo Popular". Consulta aquí o programa da festa da Maruxaina 2026.
Cando se celebra a Maruxaina 2026
O segundo sábado de agosto, a vila mariñeira de San Cibrao acolle cada ano, dende 1985, a festa da Maruxaina.
A súa popularidade foi medrando ata converterse en Festa de Interese Turístico Galego, ao mesmo tempo que crecía a fama da lenda deste personaxe mitolóxico.
A festa da Maruxaina 2026 celébrase o sábado 8 de agosto.
Programa da festa da Maruxaina 2026

A Maruxaina é unha festa “posuída” de principio a fin polo feitizo da serea máis famosa da Mariña de Lugo.
Os dous escenarios principais da celebración da Maruxaina son a praia do Torno e a Praza Maior de San Cibrao.
Durante toda a xornada da Maruxaina 2026, o sábado 8 de agosto, o areal está repleto de xente comendo, bebendo, cantando e participando dos concorridos xogos populares, como a carretilla, a corda ou as carreiras de sacos.
Xa a media tarde comezan a soar os cornos que anticipan o gran momento da Maruxaina, que chegará a medianoite, cando ten lugar o gran “Xuízo popular”.
O programa da festa da Maruxaina 2026 comeza un día antes co canonazo inaugural e o recoñecemento ao Maruxaino de Honra.
O Concello de Cervo xa publicou o programa da Maruxaina 2026. Podes consultalo aquí debaixo.
Venres, 7 de agosto 2026: Pre-Maruxaina
19:00 h. Praza Nardo Martínez: Chupinazo.
19:05 h. Concentración de Maruxainos e Maruxainas, con degustación de empanadas e bolos preñados. Despois, Cantos de Taberna.
21:00 h. Nomeamento de Maruxaino ou Maruxaina de Honra. Música a cargo do grupo A Rebolaxe.
Sábado, 8 de agosto 2026: Maruxaina
Pola mañá: charangas e gaiteiros.
11:00 h. Chupinazo e pasarrúas.
12:00 h. Praza Nardo Martínez: desfile popular “Engaiolamos á Maruxaina”, que percorre as rúas a ritmo de gaitas e cornos.
12:30 h. Pasarrúas de charangas: Tambukada, Louband Street Band, Os Charangos, Charanga Santa Compaña.
18:30 h. Praia de O Torno: Xogos da Maruxaina.
23:00 h. Praia de O Torno: Desembarco de Maruxaina e fogos artificiales.
00:00 h. Xuízo Popular a Maruxaina.
Praza Maior: actuación do Grupo Folclórico Mistura.
00:00 h. Praza dos Campos: Queimada Popular.
01:30 h. Verbena: Grupo Elebe 2.0 e Orquestra Arizona.
E, ademais:
Luns, 3 de agosto a xoves, 6 de agosto 2026
Dende porto San Ciprián: Viaxes en barco a Farillóns. Horarios: luns e xoves, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h. Martes e mércores só pola tarde.
O “Gran Xuízo Popular” da Maruxaina
Veciños/as e visitantes concéntranse, coa única luz de velas e candís, pedindo que lles traian a Maruxaina, esa figura mariña rodeada de misterio e lendas.
Entón, os mariñeiros, ataviados como en tempos antigos, eles cos seus pantalóns de faena e camisas remangados e elas coas súas longas saias negras e enaguas brancas, saen dos seus fogares e encamíñanse ao mar en busca da Maruxaina. Fano ás escuras e acompañados do son de bucinas e cornos para non escoitar nin ser atrapados polo temido canto da misteriosa serea.
Pronto volven á praia do Torno portando a figura da Maruxaina, que é conducida á praza do pobo para ser xulgada polos seus actos do ano nun “Gran Xuízo Popular”.
Se é declarada culpable, queimarana publicamente como castigo; pero se é absolta, decrétase festa ata o amencer.
E xa te podes imaxinar cal adoita ser a sentenza :) A Maruxaina, un ano máis, foi boa e nada mellor que celebralo cunha gran festa, que arrinca cunha gran queimada popular.
Quen é A Maruxaina?
Chegados a este punto, seguramente te preguntarás, quen é e que faría A Maruxaina para merecer ser xulgada?
A Maruxaina é unha criatura misteriosa que vive nun palacio submarino situado nas illas dos Farallóns. Di a tradición que nos días de inverno, choiva ou vento pódese ver sobre a illa Sombriza ou nas covas de "Juan el Viejo".
Adoita ser retratada como unha serea, unha ninfa mariña con corpo de muller, longos e louros cabelos e cola de peixe que cos seus encantos atrae aos mariñeiros, envexosa da felicidade familiar da que gozan arribados a porto.
En ocasións, a súa imaxe é a dunha bruxa de aspecto sinistro disposta a atrapar cos seus osudos dedos.
Con todo, tamén hai quen a ve como unha anciá bondadosa que avisa ás xentes do mar de temporais e perigos do mar.
O xuízo á Maruxaina
En todo caso, a súa figura asóciase principalmente con traxedias marítimas e naufraxios dende hai décadas. Feitos que levan a que a Maruxaina sexa capturada e xulgada polos seus supostos mal faceres, eixo central dunha longa tradición que a día de hoxe continúa na festa da Maruxaina.
Por certo, aínda que teña o seu día grande, A Maruxaina está presente en San Cibrao todos os días do ano a través do Monumento á Maruxaina, unha soberbia escultura en bronce que podes ver na praia do Torno.
Así que este ano, será o día 8 de agosto cando A Maruxaina sexa de novo xulgada en San Cibrao nunha xornada repleta de festa e tradición.
Fonte imaxe de cabeceira: Concello de Cervo
