Tras a Segunda Guerra Mundial, 7 mozos europeos tiveron unha visión: cambiar o mundo intentado transformar as persoas. Procuraban, nin máis nin menos que atopar un camiño cara á paz, o entendemento e o respecto cultural entre todos os territorios e persoas. Así naceu AIESEC (Assosiation Internationale des Ètudiants en Sciences Èconomiques et Commerciales), unha asociación internacional de estudantes que a día de hoxe promove o intercambio, o voluntariado, as prácticas remuneradas noutros países e, sobre todo, a formación de persoas que sexan cidadáns do mundo, con capacidade de comunicar, de liderar e de tomar decisións.

Falamos con Ana Rubido, Presidenta do Comité de AIESEC en Santiago de Compostela, E contounos todo isto sobre esta organización presente en máis de 120 países do mundo.

 _Hai case 70 anos que naceu AIESEC. En que cambiou basicamente aquela organización de finais dos anos 40 con respecto á que a día de hoxe aglutina máis de 80.000 integrantes?

Cando se creou tras a Segunda Guerra Mundial, comezou como unha idea, una visión que tiveron 7 mozos europeos de cambiar as cousas para que algo tan terrible non volvese suceder. Pouco a pouco, foi collendo forma, expandíndose por outros países e continentes e establecendo una estrutura e un modus operandi; e a día de hoxe é a asociación de estudantes máis grande do mundo e está presente en máis de 120 países.

A visión, o obxectivo polos cales foi creada, seguen sendo os mesmos: lograr un camiño cara á paz, o entendemento e respecto cultural entre todos os territorios e persoas. Sen embargo, a forma de tentar conseguir iso foi mudando ao longo dos anos. Nos oitenta, AIESEC centrábase en realizar congresos e conferencias nos que se trataban temas e problemas mundiais de actualidade e establecíanse accións concretas para melloralos. Actualmente, a organización céntrase en realizar intercambios, proporcionamos as estudantes a oportunidade de desenvolverse a través de experiencias no estranxeiro. Cambiar o mundo cambiando cada unha das persoas que habitan nel.

_Cales son os obxectivos esenciais de AIESEC?

En AIESEC intentamos achegarnos a esa visión establecida en 1948 a través do desenvolvemento do liderado na xuventude. Queremos formar mozos que se coñezan a si mesmos, que descubran as súas paixóns, que as conecten coas súas habilidades e despois  poidan desenvolvelas. Persoas que sexan cidadáns e cidadás globais, que entendan como funciona o mundo e se interesen polas problemáticas actuais. Mozos que sexan quen de comunicar e inspirar a outros para formar máis líderes. E que estean orientados á acción e a lles encontrar solucións ós problemas. Estas catro características desenvolvémolas nos estudantes a través de experiencias internacionais de liderado con AIESEC. Os xoves de hoxe somos os líderes de mañá e só líderes responsables con estas características poden mudar as cousas cando sexa o momento de tomar decisións.

Dende 1948 proporcionamos 500.000 experiencias de este tipo, e o noso obxetivo para 2020 é chegar a 1.000.000.

_Quen forma parte da asociación, como se une a xente?

A asociación está completamente formada por estudantes e mozos de entre 18 e 30 anos. Agrupámonos en comités locais dentro dun mesmo comité nacional e despois está AIESEC Internacional. Por exemplo, no noso caso, AIESEC en España está composto por AIESEC en Santiago, AIESEC en Madrid, AIESEC en Granada... e oito comités locais máis. Cada comité recibe e envía estudantes formando unha red global conectada a través dunha plataforma en internet. Pero todos somos un mesmo AIESEC, en diferentes lugares do mundo pero cunha visión común.

_Todos os que estades na directiva sodes estudantes tamén?

Si, na directiva e en AIESEC Santiago somos todos estudantes ou recén graduados que vimos de ámbitos moi diversos. A maioría somos de sociais, administración de empresas, recursos humanos, dereito... xa que a organización está máis unida ao mundo empresarial. Pero tamén temos xente de ciencias. Por exemplo a vicepresidenta de marketing estuda Química. Son cousas totalmente compatibles.

_Como se artella a organización en Galicia?.

En Galicia, durante 20 anos funcionou AIESEC na Coruña pero o ano pasado tivo que pechar e en setembro de 2014 abriu AIESEC en Santiago. Actualmente somos o único comité en Galicia e abarcamos todo o mercado galego. Só levamos un ano e estamos empezando, pero a verdade e que as cousas van polo bo camiño.

_Como valorades a resposta dos estudantes galegos a AIESEC ata a data?

A resposta é positiva. Hai moitos estudantes que, coma nós, notaban a falta dunha plataforma como AIESEC que permitise desenvolverse dunha maneira que a universidade non nos permite. Ademais, as ganas de saír ao estranxeiro, viaxar, coñecer e saír da nosa zona de confort é algo que caracteriza á nosa xeración. O problema é que a maioría da xente aquí non coñece a organización, por iso traballamos en dármonos a coñecer para que nun futuro AIESEC sexa unha referencia para todos os galegos nese sentido.

pasaporte _Cales son as principais inquedanzas dos estudantes galegos a día de hoxe?

 A inquedanza dos mozos galegos, e dos españois en xeral, é a incertidume no futuro. Nunha época como esta, o “que pasará” despois da universidade é o que máis nos preocupa. Por iso dende AIESEC buscamos ser unha plataforma que desenvolva profesionalmente aos estudantes e os conecte coas empresas, como unha ponte entre o mundo universitario e laboral.

Segundo unha enquisa que AIESEC realizou a nivel mundial as principais habilidades que os mozos valoran son: a capacidade de xestión e liderado, as linguas estranxeiras, a oratoria, o pensamento crítico enfocado á resolución de problemas e a toma de decisións. Isto non o dicimos nós aquí en Santiago senón máis de 50.000 xoves ao redor do mundo que participaron nesta enquisa realizada por AIESEC coa axuda da ONU e a consultoría líder mundial PWC. (Para saber máis e participar www.youthspeak.aiesec.org)

A nosa universidade non nos axuda a desenvolver esas habilidades por iso, desde AIESEC pretendemos ser a resposta a esa carencia.

_Que é o que máis vos gusta e o que máis vos disgusta do sistema universitario galego?

Actualmente a Universidade está moi enfocada á teoría e pouco á práctica. Numerosos estudos demostran que a mellor forma de aprender é mediante a experiencia, learning by doing. O noso sistema universitario e educativo en xeral premia a memoria, aprendemos as cousas para aprobar un exame e esquecémolas cedo. Como tamén se nos acaba esquecendo que o obxetivo final é aprender e formarse, non as notas finais. Ademais, a maioría das cousas que aprendemos están desconectadas do que necesitaremos no futuro, como unha burbulla totalmente afastada do mundo laboral. Faltan idiomas, experiencia, tecnoloxía e habilidades transversais: falar en público, xestión de equipos, traballo por proxectos, xestión do tempo... Pero o que máis nos disgusta da Universidade é que realmente non nos permite descubrirnos a nós mesmos: “que é o que realmente nos gusta facer, que se nos dá ben, cales son as nosas fortalezas e debilidades?”. Non encontramos as respostas porque non se nos permite experimentar as cousas, só memorizalas. E só encontrando o equilibrio entre o que se nos dá ben, o que nos gusta e o que o mundo demanda, lograremos plena felicidade e desenvolvemento no noso futuro profesional.

 _Podes falarme, en concreto, dalgunha actividade de voluntariado no estranxeiro?

Fáloche de Sara, unha rapaza da miña clase de dereito que se foi a Bolivia 6 semanas este verán. Alí foi recibida no aeroporto por un grupo de bolivianos “aiesecos” que lle buscaron aloxamento, manutención e lle organizaron unha festa de benvida e outras actividades culturais ao longo das 6 semanas. Sara estivo nunha ONG chamada “ Levántate mujer” que traballa no campo da violencia de xénero. Como Sara podo falarche dende Claudia e Valeria na India ensinando inglés ata pequenos en escolas con poucos recursos, Adrián en Brasil, Nuria en Hungría... Os nosos obxectivos son numéricos pero cada número é unha persoa que vive unha experiencia inesquecible. Nós, en Santiago, de momento podemos recordar o nome de todos os que marcharon, pero esperamos que algún día sexan tantos que sexa imposible recordalos a todos.

nena_Que outras cousas promovedes principalmente: intercambio con familias, prácticas, traballo no estranxeiro?

Aquí en Santiago promovemos concretamente prácticas remuneradas en empresas líderes para enxeñeiros informáticos, voluntariados con ONGs en proxectos sociais, prácticas remuneradas para dar clases de linguas en colexios, institutos ou universidades, prácticas non remuneradas en start ups e empresas que están empezando para os máis emprendedores, e por último a oportunidade de ser membro da asociación ou desenvolver roles de responsabilidade dentro dela.

Agora en Santiago tamén estamos empezando a facer á inversa, buscar empresas galegas ás que lles interese recibir un estranxeiro para lle dar un valor engadido á pequena empresa galega e axudar a expandir o mercado.

_Que é o máis demandado?

O máis demandado e tamén o noso foco en España é o programa de prácticas en empresas. Eliximos centrarnos nisto porque, como xa dixen, AIESEC busca crear un impacto positivo na sociedade, e o principal problema da sociedade do noso país é o paro xuvenil. Buscamos facer fronte a este problema e ao mesmo tempo trátase do máis demandado e o que mellor funciona. Galicia, España, está chea de talento novo, de estudantes moi ben preparados, pero o que falta son oportunidades. Nós conectamos estes mozos con centos de oportunidades no estranxeiro.

_ O financiamento das viaxes e da estadía corre a conta dos estudantes, non si? Os estudantes teñen que pagar unha taxa á asociación, que é a nosa maneira de financiamento para manter a organización, os proxectos e toda a plataforma web mundial a través da cal se conectan todos os perfís dos estudantes e as oportunidades nas empresas. Ao mesmo tempo teñen que pagar o transporte. As oportunidades de voluntariado normalmente ofrecen aloxamento e manutención cuberta durante a estadía, polo tanto ese gasto non corre a cargo do participante. As prácticas remuneradas ofrecen una remuneración mínima que lle permita á persoa manterse na cidade de destino.

 _Tamén promovedes accións sen saír de España?

Dentro de España facemos conferencias para os membros de AIESEC onde nos reunimos todos para seguir traballando nunha mesma dirección e establecer o camiño e o lugar que queremos que AIESEC encontre no noso país. Todo en inglés, por suposto. Ao mesmo tempo, unha vez ao ano realízase a nivel nacional un evento con empresas e emprendedores onde se pon en común o que demandan as empresas e o que buscan os mozos: este ano temos o YouthSpeak Forum que terá lugar en Barcelona o 27 de novembro.

_Que fixestes este verán en Galicia?

Un macro proxecto de voluntariado para intentar enviar a maior cantidade posible de xente, pois é a época na que os estudantes universitarios poden escapar un par de meses. O proxecto chámase Global Citizen (cidadán global) e con el buscamos crear o máximo impacto posible durante o verán e converter os estudantes galegos en cidadáns globais, permitíndolles saír da súa zona de confort ao tempo que disfrutaban dunha grande experiencia.

 _Que proxectos tedes de cara ao curso 2015-16 nas universidades galegas?

Temos un proxecto en empresas, outro en ONGs, outro en start ups e outro para formar parte de AIESEC como membro. Tentaremos chegar aos máximo número posible de estudantes galegos e a todas as universidades.

Se queredes saber máis sobre AIESEC non deixedes de consultar a súa páxina www.aiesec.org.es ou o seu facebook  http://bit.ly/Facebook_AIESEC_SCQ. E seica vos animedes tamén a participar na enquisa internacional en www.youthspeak.aiesec.org.Por certo, sabede que están en proceso de selección de novos membros e buscan estudantes que compartan todos este valores dos que nos falaba Ana, que queiran, en suma, desenvolverse a si mesmos ao tempo que axudan os demais. Fantástico.