O 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora. Cremos que non lles damos as grazas o suficiente por todo o que fan e aínda queda moito camiño por percorrer para que se lles recoñezan todos os seus dereitos. Así que dende aquí, queremos facer a nosa particular homenaxe a todas as nosas mulleres galegas, que tanto fan e que tan duro traballan día a día

Para poder achegarnos mellor a esta realidade, falamos coa directora da Oficina de Igualdade da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal), Ana Jesús López Díaz. Comezamos falando con ela do esforzo que realizaron as mulleres galegas durante o éxodo da emigración en Galicia. López Díaz afirma que neses contextos o papel das mulleres era fundamental para o mantemento da familia, da casa e da sociedade en xeral. “Con grande esforzo e un elevado custo persoal, eran as “viúvas de vivos” das que falaba Rosalía”, explica.

Pero López Díaz, quen ademais é doutora en Física e profesora da Escola Politécnica Superior da UDC, tamén recorda que foron moitas as mulleres galegas que emigraron e contribuíron a mellorar economicamente o país facendo un traballo “produtivo” en América ou Europa. Moitas destas mulleres deixaron os seus fillos ao coidado dos avós ou doutros parentes, “co desgarro persoal que iso supón… igual que está a ocorrer hoxe en día con moitas mulleres inmigrantes que chegan ao noso país”. Nese sentido, conclúe que “hai que recoñecer ás mulleres da emigración (ás que saíron e ás que quedaron) o duplo papel que xogaron no avance do noso país”.

A situación da muller non foi nada fácil. De feito, á hora de falar da evolución do papel da muller en Galicia ao longo dos anos, a profesora e investigadora confírmanos que as mulleres galegas, igual que as do resto do país, saíron do ámbito familiar, da casa e do agro para traballar fóra da casa o que supuxo unha dupla xornada laboral porque non deixaron de facer os outros traballos.

Tiveron, pois, que asumir un traballo non remunerado, “fundamental para que a sociedade funcione”, pero onde o esforzo da muller “non se ten en conta nin se nos valora. Os homes non asumiron esa corresponsabilidade coas mulleres, non asumiron a corresponsabilidade do traballo dos coidados”. Tanto é así que Ana Jesús López afirma que “aínda queda moito polo que loitar, e penso que a corresponsabilidade é, ou debería ser, nestes momentos, un dos obxectivos na nosa loita pola igualdade”.

Para ela, acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres significa un reparto igualitario dos traballos de coidados da casa, da familia entre ambos sexos. Así acabaríase, entre outras cousas, a discriminación salarial que padecen as mulleres e non sería preciso formularse a decisión entre o progreso profesional e a familia como agora lle ocorre a moitas das mulleres.

López Díaz, explícanos que non se entende unha sociedade na que se exclúa a metade das persoas de calquera actividade. Os datos corroboran esta afirmación, xa que a maioría dos estudantes nas universidades son mulleres e tamén son mulleres as que acadan mellores cualificacións. Pero a pesar destes datos hai ámbitos nos que as mulleres están infrarrepresentadas, como pode ser o mundo das enxeñarías ou da innovación tecnolóxica. “Isto ocorre porque aínda prevalecen moitos estereotipos acerca dos traballos ou estudos que son propios de mulleres e propios de homes. Hai que loitar contra isto desde a escola, desde a familia, desde os medios de comunicación”, afirma a directora da Oficina de Igualdade da UDC.

Outro problema importante que salienta Ana son as dificultades que as mulleres atopan para acadar os postos de máis responsabilidade en empresas e organismo de calquera ámbito. “Isto non pode ser, non se pode excluír as persoas mellor formadas polo feito de seren mulleres, é un desperdicio de talentos que non nos podemos permitir.

As mulleres temos que estar nos postos de decisión nas empresas, nas universidades, nas escolas, nos talleres”, sentencia a investigadora. Destaca que “a nosa voz e o noso traballo tense que oír. O noso país non pode avanzar, se en ámbitos estratéxicos non se conta coas persoas máis formadas, que en moitísimos casos resulta que somos as mulleres”.

muller_traballadora

A muller demostra de sobra non só a súa preparación, senón tamén a súa capacidade de traballo e esixencia. Hoxe en día pode formarse e tratar de facerse oír, pero houbo momentos nos que o seu traballo se limitaba ao sector primario, en tarefas tan duras como o campo ou o mar. É o caso de Brígida Rey Rey, mariscadora da Confraría de Cambados que leva máis de 35 anos mariscando na praia do Sarrido na desembocadura do Río Umia. Anteriormente traballaba nunha conserveira da comarca do Salnés pero tivo que cambiar de traballo ao ter aos seus fillos por cuestións de horarios. A profesión de mariscadora permitiulle ter un horario máis flexible xa que depende das mareas e do prezo do marisco en cada época.

Segundo nos comenta, ata no seu sector as cousas están a cambiar. De feito, hai 30 anos as mariscadoras eran todas mulleres pero hoxe en día xa hai homes. Na actualidade ten 10 compañeiros que teñen o seu mesmo salario. Estas incorporacións foron consecuencia da crise económica que vén sufrindo o país nos últimos anos e que ao non atopar traballo do deles fixeron cursiños para poder traballar apañando marisco.

Dende o punto de vista de Brígida Rey, o papel da muller en Galicia non está valorado como debería ser, porque “xa se sabe que todos os traballos requiren o seu esforzo, pero ademais de execer a súa profesión fóra da casa, a muller ten que traballar no fogar nas tarefas cotiás e tamén no campo se quere cultivar algúns alimentos”. A pesar deste esforzo, o seu traballo non se ve recompensado aínda que recoñece que na actualidade o papel das mulleres na sociedade galega está moito máis valorado que na época da súa nai ou avoa. Non obstante, cre que aínda queda moito por facer, empezando por unha igualdade de soldos entre mulleres e homes que desempeñan o mesmo traballo.

No caso de Chus Formoso Trillo, que traballa dende hai sete anos da galletería das Maruxas de Nata de Monterroso, no seu oficio tamén predominan as mulleres. Segundo a súa opinión o motivo é porque son máis delicadas e coidadosas para exercer este oficio, aínda que seguro que hai excepcións .

Como nos casos anteriores, tamén cre que o papel da muller está a cambiar. Agora mesmo, “hai moita emprendedora que ademais de atender as tarefas do seu fogar está comezando a montar pequenos negocios que axudan á economía familiar”. Pero aínda así o papel da muller non está recoñecido como debería. Está claro que aínda queda moito por facer, pero grazas a mulleres coma elas, comprometidas e loitadoras, xa hai camiño andado.