Sabías que a noite do San Xoán coruñés non sempre se celebrou na praia? Botamos a vista atrás para coñecer a historia desta festa chea de maxia.

Tradicións que se manteñen co paso dos anos

A festa de San Xoán foi adaptándose aos cambios sociais e urbanísticos, como nos conta o historiador Xosé Alfeirán. Pero sempre mantivo os seus elementos esenciais, que se remontan moitos séculos atrás:

“Ás 12 da noite, a lumeirada e o salto en número impar do lume con frases propiciatorias para librarnos de todo mal”. Algo que agora se fai de forma máis inconsciente, recoñece Alfeirán: “saben que saltar a lumeirada é un rito máxico, pero non se decatan que hai que saltar un número impar de veces (3, 7, 9) e recitar a fórmula protectora: ‘salto a lumeirada de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can’ (hai outras con pequenas variantes)”.

Hogueras de San Juan

Outra cerimonia que está a rexurdir na actualidade é lavar a cara coas herbas de San Xoán, que “nun cazo de auga son expostas á luz da noite e ao orballo para seren empregadas ao levantarse no lavado da cara, co obxecto de preservase das enfermidades”.

Tradicións que se perderon

O historiador coruñés trae á nosa memoria costumes que quedaron no esquecemento.

“Unha delas era visitar a cabeza de san Xoán Bautista que se conservaba inicialmente na ermida de San Xoán, que estaba na rúa do seu nome, e despois na ermida de San Roque, que estaba nun lado do Campo da Leña; ámbalas dúas ermidas desapareceron e con elas esa tradición”.

Alfeirán fálanos dun San Xoán de finais do século XIX e principios do XX, no que se celebraban verbenas, hoxe desaparecidas, que “organizaban os veciños nas rúas dos barrios, amenizadas por órganos de manivela e charangas”.

E lembra outra tradición que se perdeu co paso dos anos: “O costume de ir ata as alturas de Oza e alí esperar ao amencer para ver bailar o sol sobre o horizonte, comendo os amorodos que se cultivaban na zona e que os seus propietarios vendían aos que ata alí se achegaban”.

Cando as ‘lumeiradas’ baixaron á praia

A día de hoxe non entendemos a festa de San Xoán se non é nas praias, pero non sempre foi así. A historia era diferente ata finais dos 60, como relata Xosé Alfeirán:

Tradicionalmente as lumeiradas na cidade facíanse nas rúas ou nos cruces das rúas, preto das casas e por grupos de veciños. Os rapaces encargábanse de buscar e carretar a leña e tamén colaboraban os maiores, pois aproveitaban a lumeirada para queimar os mobles vellos e así quitar o meigallo da casa. Nas zonas suburbanas facíanse, e aínda se segue a facer, nos descampados”.

Pero o crecemento urbanístico e a colmatización dos espazos, conta o historiador coruñés, empezaron a dificultar esta celebración nas rúas: “debido ao perigo que supuñan as lapas para as casas e o cabreado eléctrico, con intervencións en moitas ocasións dos bombeiros nos barrios pola altura que acaba o fogo”.

Tamén o lembran dende a Asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan de La Coruña, como “nos anos 60, aínda no centro urbano da Coruña, se queimaba un importante número de fogueiras que, aos poucos, foron desaparecendo, chegando a 1970 tan só as que ardían nalgúns barrios da cidade”.

Hoguera de San Juan Riazor

A localización das ‘lumeiradas’ cambiou primeiro á Praza de Portugal, onde tiña lugar unha única e gran fogueira-falla. E máis tarde a celebración trasladouse ás praias, como hoxe a coñecemos. Dende a Asociación explican que era un “espazo que reunía todas as condicións esixidas para albergar aos miles de coruñeses que, ata 1991, abarrotaban Calvo Sotelo e a praza de Portugal”.

Meiga Maior

Os anos 70 trouxeron outra novidade á celebración de San Xoán, a figura da “Meiga Maior”.

A Asociación de Meigas de las Hogueras de San Juan de La Coruña cóntanos como xurdiu: “No mes de xuño de 1970 comezamos as nosas actividades e na noite daquel San Xoán queimamos a nosa primeira Fogueira e proclamamos á I Meiga Maior que xa contou co respaldo de gran cantidade de público”.

“Dado que, por aqueles anos, A Coruña contaba con Raíña das Festas e co fin de afastarnos dos estándares da época, tomamos a decisión de buscar unha figura que encarnase as esencias e tradicións da noite de San Xoán, noite de Meigas por excelencia”.

No recordo da Asociación, destacan actividades como “a cabalgata das Meigas, os pasarúas ou a comitiva do Lume de San Xoán”, entre outras.

Como serán os próximos anos

A pandemia obrigou a adaptar a celebración de San Xoán ás circunstancias actuais. Pero estamos seguros de que volveremos saltar as fogueiras.

Unha idea que comparte o historiador coruñés Xosé Alfeirán: “Eu creo, visto o sucedido no pasado, que as lumeiradas coruñesas de San Xoán seguirán iluminado a faciana de milleiros de persoas nos vindeiros anos”.

E engade: “Se unha festa quere manterse no tempo ten que cambiar, xa que tamén o fan a sociedade, debe adaptarse e renovarse, sen perder os seus elementos esenciais”.

¡Feliz Noite de San Xoán!