Os pais ven a luz no Nadal e non falamos da estrela da árbore 😉. Con tantos plans para facer con nenos en Galicia durante estas datas, o parque pasa a un segundo plano. Menos randeeira e máis luces, mercados ambulantes e beléns. É que ver nacementos é un plan perfecto para gozar do Nadal. Que beléns visitar en Galicia?

Dende aquí propoñémosche ir a Valga e a Begonte para coñecer os beléns artesanais máis bonitos de Galicia, que son, ademais, de Interese Turístico.

E non é de estrañar, porque estes beléns reproducen como ningún a esencia dunha aldea galega. A ver en cantos nacementos podes ver ti escenas como a matanza do porco ou a figuras ilustres como Rosalía de Castro.

Qué belenes visitar en Galicia: Belén Artesanal en Movemento de Valga

Belén Artesanal en Movemento de Valga

Por que é un dos mellores beléns para visitar en Galicia?

Polas súas dimensións: con algo máis de 3.000 pezas, unhas 300 en movemento, distribuídas en 250 metros cadrados, fan deste nacemento o belén artesanal en movemento máis grande de Galicia. Complétano varias bombas de auga, preto de 8.000 lámpadas e uns 30.000 metros de cables.

Pola súa orixinalidade: vai máis aló da típica escena coa mula e o boi, que tamén. Este belén sitúase nunha aldea galega de Valga, por iso non falta a matanza do porco ou unha muller muxindo a unha vaca. Estampas rurais que se mesturan con escenas locais do municipio e personaxes ilustres como La Bella Otero ou Rosalía de Castro. Pero tamén imaxes e acontecementos da actualidade.

Polo seu traballo artesanal: todo é feito a man pola Asociación Cultural de Amigos do Belén de Valga. Unha trintena de persoas póñense a traballar xa dende setembro na montaxe, cada ano distinto, e nas novas figuras que elaboran en papel, escaiola, madeira, tea... Figuras movidas por motores usados de limpaparabrisas ou cepillos de dentes eléctricos.

Por todo isto, ademais dos efectos de son e luz, tronos ou neve, máis de 40.000 persoas visitan cada ano o belén tradicional da localidade pontevedresa de Valga, un dos máis espectaculares de Galicia.

Horario para visitar o Belén Artesanal en Movemento de Valga

O belén de Valga pódese ver en tempada do Nadal dende o primeiro domingo de decembro ata o segundo domingo de xaneiro.

  • Luns a venres: de 17:30 a 20:30 h.
  • Sábados: de 17:00 a 20:30 h.
  • Domingos e festivos: de 12:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:30 h.

Pero tamén pode visitarse durante todo o ano. Só hai que reservar visita chamando por teléfono. Igual que se vas en grupo.

A entrada é libre e gratuíta.

Qué belenes visitar en Galicia: Belén Electrónico de Begonte

Belén Electrónico de Begonte

Por que é un dos beléns de Nadal que debes visitar en Galicia?

Polo seu carácter tradicional galego: non podía ser doutra maneira, estando na lucense Terra Chá. Aquí as figuras representan os oficios de carpinteiros, labradores, pescadores ou gandeiros.

Polas súas pezas artesanais e mecanismos electrónicos: neste belén, as máis de 150 figuras están animadas electronicamente para dar tal sensación de movemento que parece que teñen vida por si mesmas. Son os propios veciños quen as elaboran con pezas artesanais, que cambian cada ano, e que se distribúen nunha superficie de 150 metros cadrados.

Polo seu Museo do Belén: nunha sala contigua ao Belén electrónico consérvanse todas as pezas que se foron renovando cos anos. Aquí pode verse a máquina que controlaba o movemento nos primeiros anos, casas e figuras antigas que son memoria desta tradición belenística en Begonte.

Polos seus 50 anos de historia: en decembro de 1972, José Domínguez Guizán e José Rodríguez Varela deron vida ao Belén Electrónico de Begonte. Viaxaron á Coruña para ver un belén que se movía electricamente e decidiron facer o mesmo para colocar á localidade no mapa. E vaia se o conseguiron. O propio Varela estivo á fronte da montaxe ata o seu falecemento en 2010 e foi testemuña de como foi crecendo o belén dende aquela primeira pequena instalación de 1972.

E porque o podes ver virtualmente:

Horario de visita do Belén Electrónico de Begonte

Inaugúrase no Centro Cultural José Domínguez Guizán de Begonte o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro.

  • Do 5 ao 23 de decembro e do 7 ao 29 de xaneiro abre os sábados, domingos e festivos.
  • Do 24 de decembro ao 6 de xaneiro abre todos os días.

E o seu horario é de 11:00 a 13:00 h. e de 15:00 a 19:00 h.

O acceso é libre e recoméndase reservar a entrada gratuíta aquí.

No caso de que visites o belén en grupos, debes chamar previamente por teléfono.

Agora xa sabes que dous beléns visitar en Galicia no Nadal. Un plan con nenos que seguro non só deixará pampo aos máis peques da casa.

Volveredes “encheitos de paz e ben”, como dicía o poeta Fiz Vergara Vilariño:

“A Begonte este ano iremos

pra visita-lo Belén;

de Begonte voltaremos

encheitos de paz e ben”.