Susana Ladra é enxeñeira informática, investigadora, directora do Campus Innova da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, entre outros moitos proxectos nos que participa activamente. E un deles é a visibilización da muller na tecnoloxía.

As súas palabras resúltannos inspiradoras neste Día Internacional da Muller.

Por que decidiches ser enxeñeira informática?

Dende sempre me encantaron as matemáticas e quería dedicarme a iso. Con 16 anos aprendín a programar no colexio e gustoume moito. Encantábame resolver problemas e retos. Iso motivoume a cambiar a orientación, cara ao que eu vía como unhas matemáticas máis aplicadas. Entrei na carreira sen saber exactamente de que ía, sobre todo a parte máis inxenieril, e encantoume.

Onde queres chegar? Que pegada queres deixar nas futuras xeracións?

A miña investigación pretende avanzar nas formas en que se representan os datos, para que sexan máis eficientes, que se necesiten menos recursos computacionais e, por tanto, facer unha informática máis accesible para todos, especialmente para aqueles que non dispoñen de grandes infraestruturas informáticas.

Agora tamén estou a investigar representacións da información máis verdes, que non consuman tanta enerxía. Espero que a pegada ecolóxica que deixemos a esas futuras xeracións sexa a menor posible.

Susana Ladra, referencia de la mujer en la tecnologíaDirixes o Campus Innova da UDC e es vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia. Custouche chegar a postos de dirección por ser muller?

Teño a sorte de estar rodeada, tanto na UDC como no CPEIG, de persoas que valoran ás mulleres pola súa valía, e que fai posible alcanzar estes postos de responsabilidade que ás veces os temos tan pechados.

Resúltache fácil conciliar vida persoal e laboral?

É complicado con dous nenos pequenos, e máis nos tempos que corren. Hai datos de como impactou a pandemia nas mulleres investigadoras con fillos, e son arrepiantes.

Algunha referencia, alguén que che inspirara na túa carreira?

Moita xente, dende a miña familia, profesores e profesoras do colexio, da universidade, colegas de traballo agora… Non podería nomear a ninguén porque sería inxusto. Inspirámonos de todos os que nos rodean.

A quen dedicarías este 8M, Día Internacional da Muller?

Creo que cada vez o 8M é máis universal, así que llo dedicaría a todas as mulleres que tentan conseguir un mundo cada día máis xusto e igualitario, e por suposto a todos os homes que tamén o tentan. Porque isto é cousa de todos.

As aulas de enxeñerías están máis baleiras de mulleres, que mensaxe lanzarías ás futuras estudantes?

Explicaríalles en que consiste a nosa profesión, porque hai moito descoñecemento en xeral na sociedade sobre o que facemos e o seu impacto no día a día das persoas. No apaixonante que é, e as diferentes cousas ás que se poden dedicar. E que, se queren, poden.

“Hai moito descoñecemento en xeral na sociedade sobre o que facemos e o seu impacto no día a día das persoas”

Que ‘topicazo’ te cansas de escoitar?

Que os informáticos somos raros, frikis, con pouca vida social. E a televisión, os anuncios, etc. non axudan, xa que seguen fomentando eses tópicos tan afastados á realidade.

Coordinas o programa STEMbach na UDC, que traballa para fomentar as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas), particularmente femininas. Que resultados está a dar?

A verdade é que é moi estimulante ver como estudantes de bacharelato se animan a lle dedicar horas fóra da súa xornada escolar a iniciarse na investigación, e o interese que poñen. Gústame moito que se estableceu unha ponte entre secundaria e universidade, xa que nos enriquece a todos. E esperamos que se esperten moitas vocacións científicas e tecnolóxicas!

Necesítanse máis referencias de mulleres científicas, investigadoras e enxeñeiras?

Dende logo, non só para que tanto mozos como mozas vexan que existen, e que, se eles e elas queren, tamén poden; senón para que coñezan o seu traballo e a ciencia se converta nunha realidade máis en cada fogar, e se valore como se debe.

Hai uns meses fuches galardoada co IV Premio Ada Byron Joven da Universidade de Deusto. Recoñecementos como este son necesarios para poñer en valor o papel da muller no mundo da tecnoloxía?

Oxalá chegue o día en que non sexa necesario visibilizar o papel da muller na tecnoloxía, pero a día de hoxe, por desgraza, é moi necesario.

Moitas grazas, Susana e parabéns por ese merecido recoñecemento 😊.