Cantas veces te preguntas como fai a xente para publicar historias tan curradas en Instagram? R sae na túa axuda: revelámosche algúns trucos para que aprendas a dominar as historias e te relaciones cos instagrammers.
Como engadir mencións, hashtags, ubicación, música, gifs ou enquisas
Vai á opción crear historia e pulsa sobre a icona de sticker que verás na parte superior da pantalla; aí ábrese un mundo.
Podes seleccionar a túa localización, mencionar a outra conta, poñer un hashtag, facer preguntas ou unha enquisa aos teus seguidores, engadir gifs e música. Cando elixes unha canción, fíxate que podes seleccionar o fragmento que máis che gusta e a forma en que se verá na túa historia: coa letra, a portada do disco... Iso xa ao teu gusto.
E como somos moi molones, en R temos o noso propios GIF que podes engadir ás túas historias:
Como cambiar o deseño das túas historias
Queres poñer máis dunha foto na túa historia? Hai apps que podes descargar no teu móbilR, pero tamén podes facelo directamente dende Instagram.
Pulsa crear historia e selecciona o botón “deseño” e elixe cantas fotos queres engadir. Poden ser imaxes da túa galería ou instantáneas que fagas no momento co teu móbil.
Como publicar historias de máis de 15 segundos
Instagram ten un límite de 15 segundos por historia. Pero se o teu vídeo dura máis, non te preocupes que hai solucións.
Se gravas directamente a historia dende Instagram, a aplicación pártecho en clips de 15 segundos que se mostrarán como un vídeo completo.
Pero se queres subir un vídeo que xa tiñas gardado no teu móbil, vas ter que dividilo ti mesmo en varios clips para despois subilos. Podes facelo con algunha app como Story Cutter (Android) ou Video Splitter (iOS).
Como alongar a vida das túas historias
As historias que publicas desaparecen pasadas 24 horas, pero podes facer que se mostren sempre no teu perfil, só tes que fixalas.
Vai ao teu perfil e debaixo da túa foto verás a opción “historias destacadas”. Pulsa o botón novo (+) e selecciona unha ou varias historias que publicases, pon un título e edita a imaxe de portada. Podes crear tantas coleccións de historias como queiras e os teus seguidores poderán velas sempre que queiran.
Como compartir un vídeo ou foto da túa historia na sección noticias
Se o teu vídeo foi un exitazo e queres compartir ese contido nas noticias do teu perfil, segue estes pasos:
Dende a túa historia, pulsa a opción “máis” que verás na parte inferior dereita, selecciona “compartir como publicación”, recorta e engade filtros e listo.
Como compartir unha publicación como historia
Ao revés do truco anterior, se queres compartir unha noticia túa ou doutra persoa na túa historia. Só tes que lle dar á icona con forma de avión de papel que verás debaixo e despois seleccionar “engadir publicación á túa historia”. Aí xa podes personalizalo con mencións, música, etc. ao teu gusto e enviar.
Como recuperar as túas historias antigas
Instagram permíteche ver o histórico de todas as historias que publicaches e volver compartilas.
Dende o menú superior do teu perfil, vai a “arquivar” e selecciona o botón de calendario para poder ver as túas historias por data de publicación.
Elixe a que queiras recuperar, dálle ao botón inferior de “compartir” e edítaa ao teu gusto. Por defecto aparecerá unha frase “recordos 13 marzo 2021”, pero se te sitúas encima e arrastras cara abaixo á papeleira, podes eliminar ese texto.
Tamén che dá a opción de compartila como publicación dende o menú inferior “máis” ou poñela como “historia destacada” dende o botón “destacar”.
Sabemos que é moita información, así que che aconsellamos que vaias probando aos poucos estes trucos e comeces a aplicalos nas túas historias.
Cóntanos, resultouche útil? queres que compartamos máis trucos para Instagram?