Estás a lle sacar todo o partido a WhatsApp? Atopa a resposta agora mesmo. Colle o teu móbilR e empeza a poñer en práctica estes 5 trucos para usar o WhatsApp como un auténtico pro. Estes van de ‘cotilleo’:

  • Ver e escribir unha mensaxe sen deixar pegada: evita que vexan se liches unha mensaxe ou estás a escribir nese momento. Activa o modo avión antes de facelo e non deixarás rastro.

    Lembra que tamén podes desactivar o dobre “check” azul: vai aos “axustes”, selecciona "conta" e deseguido, “privacidade”. E aí desmarca a opción “confirmacións de lectura”.

  • Saber quen leu a mensaxe nun grupo: selecciona a mensaxe que escribiches, pulsa nos tres puntos da parte superior e selecciona “info”: verás quen o leu xa e a que hora o fixo.

  • Responder por privado a unha mensaxe grupal: estás nun grupo e queres contestarlle á parte a unha soa persoa. Selecciona a mensaxe e pulsa “responder en privado” no menú de tres puntos superior.

  • Ocultar a túa foto de perfil e estado a uns poucos: configura o teu WhatsApp a proba de ‘cotillas’. Elixe quen queres que vexa a túa foto para evitar que o xefe saiba onde estiveches de vacacións. Vai aos “axustes” de WhatsApp, selecciona “conta” e “privacidade”. Decontado, pulsa en “foto do perfil” e elixe quen ve a túa cara: todos, os meus contactos ou ninguén.

    O mesmo para elixir quen pode ver as túas actualizacións de estado. En “axustes” selecciona “conta” e “privacidade”. Despois, pulsa en “estado” e marca: os meus contactos, os meus contactos, excepto... ou só compartir con...

  • Escoitar mensaxes de audio sen que ninguén máis os oia: se recibiches un audio, pero estás na cola do súper e non queres que o resto o escoite. Fácil, só tes que achegar o teléfono á orella para escoitar en privado o audio, esteas onde esteas.

Coñecías estes trucos de WhatsApp? Cóntanos cales usas ti.