Seica é o momento de vos contar as nosas sensacións, dende dentro, sobre unha etapa diferente que decontado principiamos con novos compañeir@s de viaxe. O certo é que seguimos adiante nesta “xa-non-tan-curta” andaina de R; onde vai aquel 2000 no que comezamos na procura de mellorar un pouco Galicia -dentro das nosas posibilidades- desenvolvendo novas infraestruturas e tentando xerar máis competencia para que sempre houbese, polo menos, a posibilidade de elixir...
Pero queremos facelo -imposible doutra maneira- contando convosco. De feito, R nunca tería chegado ata aquí sen a aposta que fixestes por nós, algúns mesmo hai máis dunha década, cando aínda ata pagabamos en pesetas. Todos os que dun ou doutro xeito tivemos a sorte de participar neste proxecto, que xa é tamén voso, estámosvos eternamente agradecidos. Por iso, que menos que contarvos de primeira man como estamos a afrontar este novo capítulo da historia de R.
Nos últimos meses si é certo que andivemos un pouco menos centrados; e pedímosvos desculpas de antemán se cometimos máis erros dos habituais ou estivemos algo parados. Os cambios sempre asustan e atenazan, coma mínimo, nos primeiros intres. Pero cremos que esa primeira fase xa está a pasar.
O tema é que imos traballar, de agora en adiante, con colegas do norte (coma nós), comprometidos coa súa terra (coma nós), e que forman o equipo dunha marca vinculada á súa xente dende o ano 2000 (coma nós tamén). Temos moito en común con Euskaltel; dende logo que nos unen moitas máis cousas das que nos separan ao operador éuscaro de cable, que vén de apostar ao 100 por cento polo noso proxecto e modelo de negocio, que é xemelgo do seu. É unha maridaxe case... natural e vainos permitir facer máis cousas e máis rápido. Seguiremos a ser, claramente, un David fronte a Goliat, pero abofé que é xusto ese espírito o que nos diferenciou antes e nos diferencia agora.
Para nós todo isto é un reto que intentaremos superar con nota, coidándovos moito e mantendo, ou mellor aínda, superando o nivel de calidade de servizo e de proximidade que sempre foi a razón de existir de R. E de verdade, cremos que iso non vai cambiar, como tampouco a marca ou a posibilidade de facer moitas cousas dende Galicia e para ela. Porque seguiremos aquí, ao voso carón. Ao mellor temos que repartirnos algo máis para sermos máis eficaces e que vós o notedes a mellor; pero a idea é crecer xuntos, en Euskadi e en Galicia.
Asemade, nada do que xa se fixo nin do que imos facer sería posible sen un verdadeiro e sentido espírito de equipo, tanto en Euskaltel coma en R, ese que do mesmo xeito se transmite nas empresas e nos profesionais que traballan connosco dende sempre. Se non é así é que estamos a facer algo mal e cómpre cambialo. Non deixedes de nolo dicir.
Intentaremos facer as cousas coa mesma humildade e honestidade de sempre, sen esquecer a ambición por mellorar e por ter os nosos clientes ben satisfeitos co servizo e a atención que lles damos. Non perderemos o tempo noutra cousa, podedes estar seguros.
E para rematar, vaia por diante unha vez máis o noso agradecemento por todo o que xa nos levades dado, pola vosa confianza en nós e por estar aí tantas veces, nos bos e nos malos momentos. En suma, grazas a todos, de corazón, por ser como sodes e por apoiarnos. Convosco comezamos, arestora, esta nova etapa.
Tedes o fío de comunicación aberto. Aquí seguimos