O Nautilus é un observatorio submarino no Porto de Vigo. Unha proposta diferente para desfrutar do mar, aprender sobre os seus habitantes e coñecer a contorna portuaria. Contámosche onde está, como funciona, horarios e prezos para a visita, que podes ver e que debes ter en conta antes de achegarte.
Imaxínaste asomar ao fondo da ría de Vigo sen ter que enfundar un traxe de mergullo? Podes facelo no Observatorio Submarino Nautilus.
O Nautilus forma parte do innovador proxecto Living Ports e da iniciativa Peiraos do Solpor, impulsada pola Autoridade Portuaria de Vigo para achegar o porto á cidadanía e fomentar a recuperación ambiental e a divulgación da biodiversidade mariña.
Onde está e como chegar ao Observatorio Nautilus de Vigo

O Observatorio Nautilus atópase en plena fronte marítima de Vigo; en concreto, na dársena da Laxe, no Porto de Vigo, xunto ao edificio Portocultura e moi preto do centro comercial A Laxe e do centro histórico da cidade.
Podes chegar en transporte público urbano, en coche ou dando un paseo a pé.
En autobús urbano
Hai varias liñas de Vitrasa que teñen paradas nas inmediacións do porto:
• Liña C1 (Circular Centro): unha das opcións máis cómodas para moverte polo centro.
• Liña A: conecta a contorna de Areal e o porto co aeroporto de Vigo e a Universidade.
• Liña C3D: comunica a zona de Encarnación con Bouzas e Coia, pasando polo centro.
• Liña 5A: conecta Navia e Travesía de Vigo co centro.
• Liña N4: outra alternativa dende a zona de Navia e Gregorio Espino.
Podes tomar como referencia a parada de Praza da Ribeira do Berbés, situada a uns dous minutos camiñando do aparcamento da Laxe. Tamén podes baixar en Cánovas del Castillo, xunto ao centro comercial.
En coche
Se prefires achegarte en coche, existen varias alternativas de aparcadoiro público nas proximidades:
• Aparcadoiro A Laxe. É o máis próximo. Está integrado no centro comercial A Laxe, en Rúa Cánovas del Castillo, 1. É cuberto e funciona as 24 horas.
• Aparcadoiro Náutico Cíes. En Rúa As Avenidas, 2. Outra alternativa céntrica, xunto á fronte marítima e a pouca distancia do observatorio.
• Aparcadoiro Policarpo Sanz. En pleno centro de Vigo. É outra posibilidade se queres aproveitar a visita para percorrer tamén as rúas comerciais e o Casco Vello.
A pé
Se estás polo Casco Vello vigués, podes chegar ao Observatorio Nautilus camiñando nuns 5-10 minutos, dependendo do punto de partida. Dende a zona da Praza da Constitución ou Porta do Sol, basta con baixar cara ao barrio do Berbés e continuar ata a dársena da Laxe.
Que podes ver no Observatorio Nautilus de Vigo
O Nautilus de Vigo non é un acuario convencional. Aquí non hai grandes tanques con peixes, senón unha instalación flotante que permite contemplar a vida submarina e descubrir a flora e a fauna que forman parte do ecosistema real do porto, dende estrelas de mar a mexillóns, sargos ou robalizas.
E este é, precisamente, o gran atractivo da visita ao Observatorio Nautilus de Vigo: contemplas natureza en directo. Ademais, hai cámaras de gravación submarina activas as 24 horas.
O observatorio ten uns 19 metros de lonxitude e conta cunha estrutura deseñada para favorecer a colonización de especies mariñas. Os seus paneis, realizados con criterios de deseño inclusivo da natureza, recrean hábitats que serven de refuxio e soporte para diferentes organismos. No seu conxunto, son uns 300 metros cadrados de superficie, incluíndo tres pantaláns e dúas ramplas de acceso.
Horarios de visita do Observatorio Nautilus de Vigo

Unha das cousas que convén ter en conta antes de organizar a visita é que o Observatorio Nautilus de Vigo non abre todos os días. Aquí tes os horarios:
• Martes e xoves: de 11:00 a 14:00 h.
• Venres: de 16:00 a 20:00 h.
• Sábados, domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h.
O último pase comeza ás 13:40 h pola mañá e ás 19:40 h pola tarde.
As visitas para o público xeneral non necesitan reserva previa. Pero se queres organizar unha visita para un colexio, asociación ou colectivo, tes que solicitala con polo menos unha semana de antelación, enviando o formulario de solicitude que atoparás na páxina oficial da Autoridade Portuaria de Vigo e as normas asinadas ao correo electrónico nautilus@apvigo.es.
Un detalle importante: as visitas poden cancelarse se hai condicións meteorolóxicas adversas ou alertas da AEMET, así que é recomendable consultar a web oficial antes de desprazarte.
Canto custa visitar o Nautilus de Vigo
A entrada ao Observatorio Nautilus de Vigo é gratuíta.
Ademais, pode acompañarte a túa mascota e é totalmente accesible. E, por se tiñas dúbidas, tampouco necesitas levar ningún equipamento especial para desfrutar da experiencia ;)
Aquí tes un resumo dos datos prácticos que debes coñecer para a túa visita ao Observatorio Nautilus de Vigo:
• Prezo: gratis.
• Duración visita: aproximadamente 30 minutos.
• Tipo de visita: guiada.
• Accesibilidade: instalación accesible.
• Mascotas: admítense animais de compañía (pet friendly).
• Reserva: non é necesaria para as visitas individuais do público xeneral, só se se trata de grupos.
• Información sobre reservas e actualizacións de última hora: Autoridade Portuaria de Vigo.
Atlántida, outro observatorio submarino en Bouzas

Falando de observatorios submarinos, hai outro que tamén debes coñecer. No verán de 2026, o Porto de Vigo estreou Atlántida, un segundo observatorio submarino situado no Paseo dos Peixes, no barrio de Bouzas.
Nautilus permite contemplar a vida mariña da ría a través dun visor situado baixo a auga, con visitas guiadas gratuítas duns 30 minutos.
Atlántida tamén conta cunha zona exterior e pasarelas que se poden percorrer libremente, polo que podes aproveitar para dar un paseo polo litoral de Bouzas e desfrutar das vistas da ría.
Así que aquí tes a nosa proposta: unha pequena ruta que combine a visita a Atlántida e ao Observatorio Submarino Nautilus cun paseo polo porto e o centro histórico de Vigo.
Imaxe cabeceira: Concello de Vigo
