Apetéceche un baño tranquilo en augas cálidas e en plena natureza? Non perdas o noso percorrido polas mellores termas de Galicia, xa que contamos cun bo número de termas naturais ao aire libre e moitas delas son gratuítas.

As termas son paraísos naturais con augas minerais que brotan das capas subterráneas da Terra e que teñen propiedades medicinais e terapéuticas.

Ademais, adoitan estar situadas en bonitas paraxes, así que representan un planazo para relaxarte coa familia, a parella ou os/as amigos/as, especialmente en épocas de frío.

A gran maioría das termas naturais de Galicia atópanse na provincia de Ourense, convertida nun auténtico paraíso termal.

Nesta zona, o termalismo ten máis de dous mil anos de historia e xa era algo moi popular en pobos como os romanos. Actualmente, Ourense é a segunda rexión de Europa con maior actividade termal.

Así que hoxe repasamos algunhas das termas naturais galegas máis populares e apetecibles.

#1

Termas do Muíño da Veiga

A escasos quilómetros de Ourense, aos pés dun vello muíño de madeira restaurado, atópanse as Termas do Muíño da Veiga.

Trátase dun grande espazo gratuíto de baño ao aire libre formado por cinco piscinas e rodeado dunha ampla zona verde recreativa.

A temperatura das súas augas, que son de mineralización débil e alcalinas, rolda os 40º.

Para achegarte ás Termas do Muíño da Veiga, recomendámosche que uses o Tren das Termas, un pequeno tren de rodas que parte da Praza Maior de Ourense e percorre a marxe dereita do río Miño, achegándote ás catro termas próximas: Chavasqueira, Outariz e Burga de Canedo e a citada Muíño da Veiga.

#2

Termas da Chavasqueira

Entre as termas galegas máis populares atópanse, sen dúbida, as Termas da Chavasqueira.

Divídense en dúas zonas: unha zona de pago, actualmente cerrada tras un incendio, e as Pozas a Chavasqueira, ao aire libre e gratuítas.

As Termas da Chavasqueira abren todos os días, de 10 h a 20 h.

Iso si, recoméndase que os baños en augas quentes non duren máis de 30 minutos.

#3

Termas de Outariz e Termas Burga de Canedo

Se che apetece gozar dun lugar "zen" con maiúsculas, toma nota das Termas de Outariz.

Atópanse na beira do río Miño, en Ourense, e autodefínense como "a estación termo-lúdica de inspiración xaponesa máis innovadora de toda España".

As súas augas de mineralización débil, bicarbonatadas, sódicas, fluoradas, líticas e sulfuradas actúan, entre outros, contra o estrés e as afeccións de pel e melloran a circulación.

As Termas de Outariz contan con dúas zonas diferenciadas: unha área con pozas ao aire libre, de acceso gratuíto, e unha zona de pago na que se ofrecen dous circuítos termais de 90 minutos cada uno: Circuíto Zen e Circuíto Celta.

O Circuíto Zen intégrano seis termas en madeira e pedras ovaladas, seguindo a estética xaponesa, e augas en calma a elevadas temperaturas. É perfecto para a relaxación.

O Circuíto Celta son termas de pedra que lembran a castros e dolmens celtas e contan cun bo número de chorros, burbullas e fervenzas.

Á beira das Termas de Outariz atópanse outras pequenas termas, as Termas Burga de Canedo, nas que conviven un vaso de auga fría e tres dobres de auga quente.

Todo o conxunto da zona termal está perfectamente acondicionado e preparado para recibir aos/as visitantes, cunha ampla zona de aparcamento á que se accede cruzando unha pasarela peonil.


#4

Termas das Burgas

Non podemos marchar de Ourense sen falar das emblemáticas Burgas.

En pleno centro histórico, brotan augas mineromedicinais de mineralización media a máis de 60º e hai unha piscina de case 200 m2 de auga termal ao aire libre.

Podes desfrutar desta piscina termal con augas a unha temperatura de entre 38 e 40º C durante todo el ano e darte un baño ao aire libre en pleno centro histórico de Ourense. O mellor é que é gratis. O peor, que a piscina está temporalmente pechada, así que che recomendamos que revises condicións, horarios e requisitos de acceso en cada época. O lugar conta, ademais, con sauna húmida e con armarios e vestiarios, co que a experiencia é perfecta.

Onde si podes achegarte, e gratuitamente, é ás dúas fontes das Burgas. Á beira da piscina termal está a "Burga de Arriba", do século XVII, e no nivel inferior atópase a "Burga de Abaixo", de estilo neoclásico e co "Fervedoiro", un estanque con auga a burbullar e en ebulición.

#5

Termas de Prexigueiro

As Termas de Prexigueiro están situadas na localidade ourensá de Ribadavia.

Estas termas son de pagamento. A entrada xeral costa uns 6 euros, aínda que hai descontos para nenos/as e xubilados/as.

Na súa faceta estética, recrean un circuíto xaponés integrado por cinco pozas de auga quente, dúas de auga fría e un espá.

Pero non esquecen o seu toque galego e, estando en Ribadavia, terra de viño, dispoñen de fantásticos tratamentos de beleza e viñoterapia nos que utilizan uvas de tipo treixadura e mencía.

#6

Termas Salvaterra de Miño

En Salvaterra de Miño están as termas ao aire libre máis grandes de Galicia.

Contan con tres termas de auga quente e unha de auga fría.

O acceso é de pago. Debes abonar 4 euros para gozar das súas augas mineiro-medicinais sulfuradas recomendadas para procesos respiratorios e dermatolóxicos.

#7

Termas de Bande

Atópanse na área de influencia do encoro das Conchas, na localidade ourensá de Bande, así que están mergulladas boa parte do ano, excepto cando baixa o caudal do río Limia.

As Termas de Bande, de carácter gratuíto, contan con pozas, bañeiras, piscinas e mesmo unha lagoa natural con auga quente perfecto para combater males reumáticos ou enfermidades relacionadas coa pel.

Nesta zona, xa os romanos gozaban do manancial de augas termais e construíron un impoñente campamento romano, Aquis Querquennis.

#8

Termas do río Caldo

En Lobios, na comarca da Baixa Limia ourensá, están as Termas do río Caldo.

Un río que debe o seu nome, precisamente, á alta temperatura habitual das súas augas, que oscilan entre 55 e 77 graos.

Aproveitando un pequeno manancial de auga termal, habilitouse unha piscina, de acceso gratuíto, na que podes gozar das propiedades curativas e relaxantes das súas augas.

Na mesma zona hai área recreativa e unha praia fluvial.

#9

Termas de Barbantes en Cenlle

O val do Miño é un auténtico paraíso para o termalismo.

Aí atópanse tamén as Termas de Barbantes ou Cenlle, tres pozas termais ao aire libre ás que podes acceder de maneira gratuíta.

Abertas ao público dende o ano 2013, contan, ademais, cunha zona axardinada de lecer, merendeiros, restauración e aparcamento cunha área reservada para caravanas.

As augas das Termas de Barbantes son tépedas, teñen mineralización moi débil e resultan especialmente beneficiosas para casos de artrite ou reuma.

Máis termas naturais en Galicia

Hai máis termas naturais interesantes en Galicia, aínda que son menos coñecidas, como as Termas de Caldas de Brués, situadas na marxe do río Viñao, ao seu paso por Boborás, para as que hai previsto un completo plan de rehabilitación; ou as Termas de Quintas, no Carballiño, xunto ao río Barbantiño, integradas por dúas pequenas piscinas de lousa e pedra.

Todas elas converten a Galicia nun referente do termalismo e ofrécennos unha fantástica opción de lecer que combina saúde e entretemento. Goza das mellores termas en Galicia.

Fonte imaxe cabeceira: Turismo de Ourense.