Ándache na cabeza aprender a falar chino mandarín? Cada vez son máis as persoas interesadas neste idioma, abandeirado por un dos países de maior influxo económico, empresarial e social do mundo.

Aínda así, a prioiri a súa aprendizaxe semella complicada e difícil. Ou polo menos ata a chegada de 8Belts, un revolucionario método deseñado por un galego que promete ensinar a falar chinés en oito meses.

Nacido en Fisterra (A Coruña), Anxo Pérez é un deses prodixiosos talentos para os que non parece haber fronteiras. Cunha sólida formación universitaria e nada menos que nove idiomas no seu currículo, posúe unha bagaxe profesional desas que quita o impo. Pese á súa mocidade, xa traballou no Senado de EEUU e na ONU en Suíza, foi intérprete do FBI e mesmo tradutor simultáneo de Barack Obama.

O xerme de 8Belts xurdiu nunha das súas primeiras visitas á China. “A medida que ían pasando os días decateime de que volvería a España sen cumprir o meu obxectivo: defenderme en chinés mandarín”, recorda. Foi entón cando decidiu deseñar o seu propio método de aprendizaxe, unha versión máis rudimentaria que a actual, que empezaron a probar os seus amigos. “Foron eles os primeiros que experimentaron os resultados e os que me animaron a comercializalo”.

8Belts non é un método milagre; detrás da súa efectividade hai máis de 30.000 horas de traballo e seis anos de investigación. “Neste tempo estudamos o idioma e melloramos os procesos de aprendizaxe cunha rigorosa xerarquización das palabras por grupos e a creación dun mapeo do idioma, tendo en conta que só o 20% se emprega o 80% de veces nun diálogo ”, explica Anxo.

Así, a través dunha plataforma de internet e con media hora de dedicación ao día, os alumnos poden adquirir en oito meses a competencia suficiente para falar chinés. Profesionais que xa están traballando con este país asiático, desempregados que queren mellorar o seu currículo, nenos animados polos seus pais… O perfil dos alumnos, entre os que hai tamén unha morea de galegos, é moi variado. Ata personaxes tan mediáticos coma Fernando Romay, Juanma López Iturriaga ou o embaixador de España na China forman parte da iniciativa.

o risco encerra tesouros e o fracaso, leccións

Este é un dos consellos que acostuma dar Anxo aos novos emprendedores. “Os tempos complexos coma os actuais son propicios para emprender”, asegura. Aínda así, coida que o importante non é o momento, “senón ter claro e ben definido o teu proxecto e o teu modelo de negocio e dispoñer dun produto ou servizo innovador que satisfaga unha parte importante da demanda”, explica.

Dende logo, a xulgar polo seu meteórico ascenso e polo incremento ano a ano do número de alumnos, 8Belts reúne todos estes condicionantes. O próximo paso? “Levar 8Belts a Hispanoamérica”, anuncia.

Mentres, o fisterrán está rematando de escribir o seu libro, que sairá á venda o vindeiro mes de maio: Los 88 peldaños del éxito (Planeta). Sen dúbida, parece que el xa os escalou todos.

http://8belts.com