As Festas de Santa Rita en Vilagarcía de Arousa son un dos eventos máis populares da comarca do Salnés e de Galicia. En 2025 celébranse do 21 ao 25 de maio. Dámosche toda a información sobre o programa festivo, as misas e a procesión, a Feira Celta e os concertos de Santa Rita 2025 en Vilagarcía.
As Festas de Santa Rita celébranse cada ano en Vilagarcía coincidindo co 22 de maio, día de Santa Rita de Casia, patroa dos avogados, dos funcionarios e dos "imposibles".
Unha festividade na honra á santa italiana que conta con máis dun século de historia na localidade, aínda que Santa Rita non é a patroa de Vilagarcía, é Santa Eulalia. Pero iso non impide que as súas festas sexan moi coñecidas e que o seu programa repleto de actividades para todos os gustos e idades atraia a miles de persoas.
Así que, do 21 ao 25 de maio 2025, temos unha cita con Santa Rita en Vilagarcía. Toma nota de todo o que che espera.
Programa Festas Santa Rita de Vilagarcía 2025
Aínda non coñecemos o programa oficial das Festas de Santa Rita de Vilagarcía 2025 e contarémosche todos os detalles en canto se publique. De momento, podemos dicirche que en 2025 haberá boa música e que cada ano, ademais, podes gozar de pasarrúas, tradicionais cerimonias relixiosas e da popular Feira Celta.
Tamén de torneos deportivos, como as regatas correspondentes ao Trofeo Santa Rita Clase Cruceiro, o Torneo Santa Rita Balonmán ou a Copa de España de Tenis de Mesa.
E dunha cita moi especial para os máis novos da casa, o "Festivaliño On The Road", que inclúe actividades infantís e familiares.
Misas e procesión de Santa Rita en Vilagarcía
O día 22 de maio, festividade de Santa Rita, arrinca en Vilagarcía xa dende as 06:00 horas con misas no convento de Vistalegre, templo no que se atopa a imaxe da santa.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, unha concorrida procesión percorre as principais rúas da localidade. Non faltan a Banda de Música de Vilagarcía nin os grupos de gaitas e, por suposto, protagonismo especial para os miles de fieis que levan candeas e flores. Durante toda a xornada, o camiño cara ao convento está repleto de postos de venda de cirios e tamén de doces típicos, como as rosquillas.
Feira Celta nas Festas de Santa Rita de Vilagarcía
Outro dos grandes atractivos das Festas de Santa Rita de Vilagarcía é a Feira Celta.
Celébrase no Parque da Xunqueira e o seu horario habitual é de 11:00 a 14:30 e a partires das 18:00 horas.
A Feira Celta de Vilagarcía de Arousa conta con postos de artesanía e gastronomía e tamén con animación musical e zonas de xogos infantís.
Destacan as vistosas recreacións de Cerimonias de Vodas Celtas. Nelas, un druída casa mediante o rito celta a todas as parellas que queiran participar (previa inscrición).
Verbenas e concertos das Festas de Santa Rita 2025

Os días e as noites énchense de música en Vilagarcía coas Festas de Santa Rita.
Aos pasarrúas e ás actuacións de grupos folclóricos e de gaitas únese en 2025 un gran concerto e varias verbenas coas mellores orquestras de Galicia.
Esta é a axenda musical das Festas de Santa Rita 2025:
• Mércores, 21 de maio: Orquestra Panorama.
• Xoves, 22 de maio: Orquestra Os Satélites.
• Venres, 23 de maio: Orquestra Marbella.
• Sábado, 24 de maio: concerto The Rapants.
O grupo galego The Rapants súmase así á listaxe de grandes concertos de Santa Rita, na que xa figuran nomes como os de Siloé, Revolver, Coque Malla, La La Love You, Sés, Jaime Urrutia ou Novedades Carminha.
Se queres gozar de boa música, cultura, deporte, devoción e mergullarte na tradición celta, achégate ás Festas de Santa Rita de Vilagarcía do 21 ao 25 de maio.
Imaxe cabeceira: Concello de Vilagarcía.