Pontevedra trasládase ao medievo en setembro coa súa popular Feira Franca. É unha das festas temáticas máis multitudinarias das Rías Baixas e foi recoñecida como Festa de Interese Turístico. Contámosche todo sobre os seus protagonistas e o programa da Feira Franca de Pontevedra 2024, do 6 ao 7 de setembro.
Os días 6 e 7 de setembro, a cidade do Lérez pon o traxe de época para festexar que séculos atrás, en 1467, recibiu un privilexio real que lle permitía celebrar un mercado libre de impostos durante todo un mes.
Tal honra ben merece ser lembrada e festexada ao grande, e así o fan en Pontevedra veciños/as e miles de visitantes dende hai máis de dúas décadas.
Programa da Feira Franca de Pontevedra 2024
A Feira Franca de Pontevedra 2024 celebra a súa XXIII edición e conta cunha ampla axenda de actividades para todos os públicos que arrinca o venres 6 e ten o seu día grande o sábado 7 de setembro.
Contámosche o programa da Feira Franca de Pontevedra 2024.
Venres, 6 de setembro
- 19:00 h. Pregoeiros a cabalo anunciando o comezo da Feira Franca polo casco histórico.
- 22:00 h. Espectáculo inaugural: "A historia de Xan da Lus" na Ferraría.
Sábado, 7 de setembro
- 11:30 h. Apertura do Mercado Medieval, na avenida de Santa María, e da Mostra de Oficios, na Praza da Ferraría, Pedreira e Praza do Peirao.
- 12:00 h. Recreación do transporte do viño polas rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, Praza da Ferraría e Praza da Peregrina.
- 12:30 h. Cantar de cego e música medieval polas rúas do centro histórico.
- 12:30 h. Obradoiros e demostración de esgrima.
- 13:00 h. Animación de "As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce".
- 13:00 h. Tiro con arco.
- 17:00 h. Obradoiros e demostración de esgrima.
- 17:30 h. Gran torneo medieval na praza de touros. Entrada de balde.
- 18:00 h. Cantar de cego e música medieval polas rúas do centro histórico.
- 18:00 h. Espectáculo "A galiña dos ovos de ouro".
- 18:00 h. Os bufóns e trobadores.
- 18:00 h. Música e bailes medievais na Peregrina.
- 18:30 h. Batucada.
- 18:30 h. Tiro con arco.
- 18:30 h. Animación de "As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce".
- 19:00 h. Animación medieval polo centro histórico.
- 19:30 h. Pasarrúas con bufones medievais.
- 20:00 h. Gran torneo medieval na praza de touros. Entrada de balde.
- 20:00 h. Animación de "As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce".
- 21:00 h. Música medieval e cantares de cego.
- 21:45 h. Pasarrúas dos Errantes polo centro histórico.
- 22:00 h. Pasarrúas A Santa Compaña polo centro histórico.
Axenda e actividades da Feira Franca de Pontevedra 2024
Fonte: Feira Franca Pontevedra
O venres pola tarde, os pregoeiros anuncian dacabalo por todo o centro histórico de Pontevedra o inicio dunha nova edición da Feira Franca.
Tras eles, pasarrúas de malabaristas, bufóns, trobadores... E, a partir dese momento, unha chea de actividades variadas. Espectáculos de cetraría, tiro con arco, torneos de esgrima, exhibicións de música e danza, xustas medievais, mostras dos oficios da época, degustación de alimentos medievais.
Pero hai dúas cousas que acaparan boa parte das miradas: a representación do transporte do viño, aquel que chegaba dende O Ribeiro, en Ourense; e o Torneo Medieval, un espectáculo ideal para gózalo con toda a familia.
As rúas e prazas decoradas con bandeiras e escudos son percorridas tamén por carros, cabalos, condenados á forca e unha infinidade de personaxes que nos trasladan a tempos pasados.
Oficios tradicionais e traxes de época na Feira Franca
Fonte: Feira Franca Pontevedra
A Feira Franca é unha festa na que participa toda a poboación, que se asolaga de mestres/as artesáns/as, tecedores/as de liño, canteiros/as, xograres, trobadores/as, ferreiros/as, palilleiros/as, cesteiros/as, oleiros/as, redeiros/as e carpinteiros/as.
Unha nutrida representación de oficios tradicionais que conviven nas rúas do centro histórico de Pontevedra por uns días con músicos/as, comerciantes, damas e cabaleiros medievais.
Respíranse aires da Idade Media por toda Pontevedra, cos/as veciños/as compostos/as cos seus traxes de época sentándose á mesa para gozar de suculentas lupandas medievais. Mesas que son montadas e decoradas polos propios participantes utilizando só materiais existentes na segunda metade do século XV, seguindo as normas estéticas establecidas pola organización.
Por certo, se queres montar a túa mesa na rúa, cómpre que o solicites na oficina da Feira Franca, situada no edificio do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII.
Gastronomía na Feira Franca
Fonte: Feira Franca Pontevedra
O comercio invade as rúas da cidade cos mercados de alimentación e de artesanía.
A Praza da Ferraría convértese no centro neurálxico da festa, no que se representan os oficios tradicionais; a artesanía apodérase da Avenida e da Praza de Santa María; e os postos de alimentación concéntranse na contorna da Alameda e na Praza de Curros Enríquez.
Noutras prazas, como a Praza da Verdura, podes atopar, por exemplo, torneos de esgrima ou espectáculos de danza.
Todo perfectamente organizado e distribuído en base a catro eixos temáticos: Mercado, Hostelaría, “Xantares” e Ceas.
Protagonistas especiais
En cada edición, a Feira Franca outorga especial protagonismo a un tema; a algún evento, lugar ou persoa que sexan especialmente relevantes para a cidade de Pontevedra.
Así, 2006 foi o ano dos Irmandiños; a agricultura centrou a edición do 2008; as Cantigas de Amor, Escarnio e Maldicir a de 2009; a edición do 2018 fixouse nas lendas; no 2022, os grandes protagonistas foron o río Lérez e a ponte do Burgo. Na última edición, a do 2023, homenaxearonse "Os números".
Recoñecementos moi especiais nunha cita máis que consolidada e cuxo orixe se atopa na historia da cidade de Pontevedra.
Por que celebra Pontevedra unha Feira Franca medieval?
Fonte: Feira Franca Pontevedra
A historia lévanos ao ano 1467, en tempos de Henrique IV. Foi este monarca quen autorizou á cidade a celebrar un mercado libre de impostos durante un mes, quince días antes e quince días despois da celebración de San Bartolomé, o 24 de agosto.
Pontevedra era por aquel entón a vila máis poboada de Galicia e contaba cunha puxante actividade económica, centrada especialmente na pesca e no comercio. Ademais desa herdanza histórica, que se reflexa na feria, do pasado da cidade son destacables tamén pegadas patrimoniais como a Basílica de Santa María, construída no século XVI.
Feira Franca: do medievo á actualidade
No ano 2000, o departamento de Festas do Concello de Pontevedra decidiu rememorar aquel privilexio real e aqueles bos tempos organizando un mercado medieval na Praza da Ferraría.
Queríase, ademais, que os/as veciños/as se implicasen, pois tratábase dunha grande oportunidade para dinamizar o centro histórico, que a maiores era o lugar perfecto para recrear a mellor época da historia pontevedresa.
E así arrinca a historia moderna da Feira Franca de Pontevedra. Unha celebración repleta de historia que agora atrae a milleiros de visitantes e que vive intensamente toda a cidade.
Os días 6 e 7 de setembro, convidámoste a revivir a Pontevedra de 1467 coa Feira Franca, unha das grandes citas do verán en Galicia.
Fonte imaxe cabeceira: Feira Franca Pontevedra