Había moitas ganas de entroido, de ‘troula’ e de ‘festa’. E por fin volveu. En R imos percorrer as principais cidades para contarche que se coce este ano na festa máis esperada. Ve desempoando os disfraces e as perrucas.

Homenaxe aos Maracos e desfile na Coruña

Carnaval A Coruña

Os Maracos pasaron 40 anos percorrendo as rúas coruñesas cada Entroido. Este ano o Concello réndelles homenaxe cunha exposición retrospectiva en María Pita ata o 6 de marzo. Estamos seguros de que che traerá moitos recordos de noites inesquecibles do Entroido.

E como se vai a celebrar este ano? Empeza a festa co Xoves de comadres, en homenaxea a María Casares. Dende as 20:00 h. na Praza das Cigarreiras ata o Teatro Colón.

O venres 25 é o momento da Entronización do Momo no Cantón, ás 20:30 h., e o sábado 26, o desfile dende San Andrés ata María Pita, a partir das 17:30 h. Pola noite, concerto de Broken Peach.

Porque a música é outra das protagonistas do Entroido. Moi esperada a actuación de Varry Brava, tras o seu paso polo Benidorm Fest, o luns 28 ás 21:00 h. na praza de María Pita.

O martes festivo chega a festa máis esperada, os Choqueiros da rúa da Torre, dende as 19:00 h.

E o triste adeus terá lugar o mércores 2 co Enterro da sardiña e a desentronización do deus Momo.

Aquí tes a axenda completa do Entroido coruñés.

Desfile do Meco, música, ‘atranques’ e pasarrúas en Santiago

Carnaval Santiago

Sen o tradicional desfile do martes de Entroido, pero con moitas actividades volve a festa a Santiago.

A subida do Meco ao Pazo de Bendaña o sábado 26, ás 20:00 h., marca o disparo de saída do Entroido.

O domingo haberá animación nas rúas con comparsas dende as 10:30 h. E un momento moi especial para o 'Desfile dos xenerais da Ulla' a partir das 17:30 h. na parroquia do Eixo.

Outro dos momentos máis esperados será a Queima do Meco o mércores 2 de marzo, ás 21:00 h. na Praza Roxa.

Podes ver aquí todas as actividades do Entroido de Santiago.

A entronización do Meco dálle a benvida ao Entroido en Vigo

Carnaval Vigo

A iluminación da cidade olívica non ten fronteiras, que dirían as Tanxugueiras, pero olliño co Entroido.

A entronización do Meco o venres 25 de febreiro, ás 20:00 h., marca o inicio das festas.

O prato forte chega o sábado co desfile de comparsas e carrozas a partir das 18:00 h. Únete ao percorrido dende As Travesas ata a rúa Venezuela. E de noite, concerto de Cherry Sweet en Policarpo Sanz.

Xornada familiar para o domingo, con actuacións no toldo da Praza do Rei, e para o luns 28. Ese mesmo día elixiranse os mellores disfraces do Entroido dende as 17:30 h.

A queima do Meco levarase a cabo o martes 1, mentres que o enterro será o mércores 2 en Policarpo Sanz.

Consulta a axenda completa para non perder detalle.

En Pontevedra, volve Ravachol

Carnaval Pontevedra

Despois dun ano sen Ravachol, os pontevedreses e pontevedresas poderán velalo de novo, antes da súa queima, dende o 28 de febreiro ao sábado 5 de marzo na praza do Concello.

Este ano non haberá desfile, pero as rúas encheranse de charangas e pasarrúas.

Urco, o rei do entroido, chegará o venres 25 á Praza da Ferraría, onde se lerá o pregón a partir das 21:00 h.

A xornada do sábado 26 estará marcada pola representación dos entroidos tradicionais dende as 17:30 h. E o luns 28, pola presentación de Ravachol e a recreación da botica de don Perfecto Feijóo na Praza da Peregrina dende as 19:30 h., que se repetirá o 2 e o 5 de marzo.

O entroido infantil terá o seu punto álxido o venres 4 de marzo na Praza de España dende as 18:00 h. E o peche das festas chegará o sábado 5 coa queima de Ravachol ás 20:00 h.

Aquí tes o programa completo do Entroido de Pontevedra.

A animación toma as rúas en Ourense

Carnaval Ourense

Máis aló da tradición do “triángulo máxico” do entroido ourensano, a festa vívese intensamente na cidade.

E este ano aínda máis, despois do parón da pandemia.

As charangas empezarán a animar as rúas o Xoves de comadres a partir da medianoite para lle dar a benvida ao Entroido.

Por diante, concertos, orquestras, baile e festas infantís sucederanse en distintos puntos da cidade. E, como non, a gran cita do desfile de comparsas e carrozas o domingo 27, dende As Lagoas ata a rúa Progreso, a partir das 17:00 h.

Ourense despedirá o seu entroido o mércores 2 co Enterro da sardiña, a partir das 20:00 h., que percorrerá as rúas ata rematar coa tradicional queima na Praza Maior.

Consulta a lista completa de actividades do Entroido en Ourense.

Música e moito baile para animar o Entroido de Lugo

Carnaval Lugo

O músico David Taboada será o encargado, o venres 25, de ler o pregón, que lle dá a benvida ao Entroido. É que precisamente a música será unha das protagonistas das festas deste ano.

Pero non será o único. Non faltarán os clásicos concursos infantil de disfraces do sábado 26 e o de adultos o martes 1 na Praza Maior. Nin o Enterro da sardiña o venres 4 de marzo, que despedirá un entroido moi especial que se vivirá por fin na rúa.

Aquí podes ver a axenda do Entroido de Lugo.

Como ves, a espera pagou a pena. Volve o Entroido a Galicia.

Gózao con ‘sentidiño’ e cóntanos, que é o que máis botabas de menos?