Sabías que contamos con nove entroidos recoñecidos polo seu interese turístico? E non é de estrañar debido á súa singularidade. O "triángulo máxico" de Ourense que forman os entroidos de Xinzo de Limia, Laza e Verín, as Madamas e Galáns de Cobres ou os Xenerais do Ulla protagonizan o Entroido máis tradicional e arraigado. Imos coñecelos un pouco máis.
Imos de Entroido, vés?
Entroido de Laza
Os Peliqueiros andan soltos impoñendo a súa lei nas rúas de Laza o Domingo e Martes de Entroido. Estes dous días grandes da festa veñen precedidos de catro Venres de Folión. A Farrapada, batalla de trapos embarrados, a Xitanada, desfile de parellas en burros, e a baixada da Morena do Luns Borralleiro é digna de ver, pero ten coidado coa choiva de formigas e fariña na praza da Picota. Moi tolo, moi tolo.
Entroido de Verín
En Verín tamén saben como divertirse. Alí mandan os Cigarróns, que fan soar os seus chocallos o Domingo Corredoiro, xusto o anterior ao Domingo de Entroido. Séguenlles o Xoves de Comadres e Compadres e o Luns de Entroido, onde a fariña volve ser a protagonista en auténticas batallas campais. O martes non te podes perder os desfiles de carrozas, comparsas e Cigarróns.
Entroido de Xinzo de Limia
Se es de moita festa, tes para longo. Case un mes de Entroido na localidade ourensana dende o Domingo Fareleiro ata o Domingo de Piñata. As Pantallas toman as rúas de Xinzo golpeando dúas vexigas de vaca e lucindo as impresionantes máscaras na súa cabeza. Podes velos tamén o Martes de Entroido, día principal da festa, acompañando ás carrozas e comparsas por toda a cidade.
Entroido de Maceda
Sen saír de Ourense, na localidade de Maceda, os Felos enchen de cor o Entroido. Só os homes solteiros poden vestir de Felos, coas súas máscaras, impoñendo a súa autoridade. Eles desfilan xunto a carrozas e comparsas o Martes de Entroido.
Entroido de Viana do Bolo
A gastronomía manda neste tradicional entroido ourensán. Non perdas a ocasión de poñer as botas comendo a riquísima androlla afumada, rechea de carnes de porco e envolta nunha tripa. E, de paso, desfruta do desfile de Folións e Boteiros: é espectacular ver as máscaras negras e os traxes de cintas de cores.
Entroido de Vilariño de Conso
En Vilariño de Conso tamén hai boteiros. Eles son os encargados de dirixir o Fulión, é dicir, os grupos que amenizan a festa ao toque de bombos e guadañas. Podes velos desfilando o Domingo Gordo e logo ir comer un delicioso cabrito.
Entroido de Manzaneda
Última parada na provincia de Ourense, que como ves ten uns entroidos impresionantes. En Manzaneda fanse oir con bombos, tambores, chocallos e outros utensilios durante o Martes de Entroido. Nos folións desta localidade non poden faltar as Mázcaras, os personaxes típicos do Entroido, ataviados de grandes gorros e cintas de cores. Típica é a comida popular do martes a base de cocido, que estamos en época.
Entroido de Cobres
Na parroquia pontevedresa de Cobres, en Santo Adrán, vívese un dos entroidos máis ancestrais. Madamas, Galáns e Aldeáns, percorren de sábado a martes as rúas bailando a popular Danza dos Cobres. Estes personaxes representan os diferentes estratos sociais con vistosos traxes que fan deste entroido un espectáculo único. O día grande é o martes, cando teñen lugar antigos xogos populares como a corrida do galo, o galo no río ou o galo na vara.
Entroido de los Xenerais do Ulla
A comarca do Ulla (Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces) vive o Entroido dunha maneira moi especial. Ataviados de traxes militares de época e montados dacabalo, Xenerais e Correos percorren as parroquias representando os atranques, batallas dialécticas en parella que se burlan de diferentes temas de actualidade. Acompáñanos coros, comparsas e parrandas.
E isto é tan só unha mostra de todo o Entroido que temos en Galicia. Se o corpo aguanta, non o perdas. Cal é o teu favorito?
Imaxes de Turismo.gal