A súa frescura explicando en vídeos curtos os erros do galego que cometemos valeulle a Esther Estévez e ao #DígochoEu dous merecidísimos Premios Mestre Mateo ao mellor programa de televisión e á mellor comunicadora. Galardóns que recoñecen o éxito dun formato que está a viralizar o noso idioma nas redes sociais.
Esther Estévez cóntanos como xurdiu #DígochoEu e por que este espazo da Televisión de Galicia converteuse nun exitazo en moi pouco tempo.
O primeiro de todo, noraboa pola cobertura das Tanxugueiras no Bernidorm Fest. A túa relación co grupo é moi estreita. Cando comezou?Eu coñezo o grupo xa dende hai anos, pero Tanxugueiras e máis eu coñecímonos en persoa en febreiro de 2021. Elas estaban facendo un programa de entrevistas na súa canle de YouTube chamado “Mira unha cousiña” e quixeron entrevistarme. Aproveitamos ese día para gravar tamén un capítulo do #DígochoEu e un TikTok con elas. Conxeniamos moi ben e dende aquela, sempre que voltamos coincidir en persoa, foron moi próximas comigo sempre.
Tras o festival incrementouse a venda de pandeiretas en Galicia. Que supón o fenómeno Tanxugueiras na nosa cultura?O fenómeno Tanxugueiras vai moito máis alá do que están facendo pola música e incluso pola lingua. Todos sabemos que lle están facendo moito ben á nosa cultura, pero eu tamén vexo que están conseguindo chegar a todos os públicos, incluso aos máis novos. Os nenos e nenas están namorados delas e iso significa moito. Dende o DígochoEu sabemos que chegar a conectar con esas idades é difícil e o feito de que elas o conseguiran creo que é o maior logro para Galicia, para a nosa cultura e para a nosa lingua.
Como di a canción “Non hai fronteras”, tiña que vir o Benidorm Fest para lle dar un pulo ao galego?Realmente todos os días se fai música en galego, ademais de series, programas, cine… O delas foi un boom e temos que estar eternamente agradecidos polo seu traballo. Seguro que a partir de agora a cultura galega vai ser vista con outros ollos e en parte é grazas a elas.
Como xurdiu o programa Dígochoeu?@digochoeu Que inxusto, @tanxugueiras 😪 #DígochoEu #galego #TVG #Galicia #BenidormFest #Eurovision ♬ original sound - #DígochoEu
Facer o #DígochoEu foi idea de Carlos Amado, coordinador dos contidos web na TVG. Propúxome facer vídeos breves para as redes explicando erros do galego que todos cometemos. A idea inicial foi esa e pouco a pouco fomos dándolle forma para facelo cada vez máis próximo e divertido.
Esperabades o éxito que acadou en tan pouco tempo?Para nada. Como dixen, foi collendo forma co tempo e non era algo que estivese premeditado, simplemente deixámonos levar e todo foi xurdindo, tanto as ideas como o propio éxito. Ninguén contaba con acadar todo o que acadamos en tan pouco tempo porque tampouco esperabamos estar facendo todo o que estamos facendo arredor do proxecto.
Cal é o segredo?Creo que os 3 membros do equipo (a terceira é Rocío, que é a nosa lingüista) estamos de acordo en que o éxito está en varios factores. Somos un equipo pequeno, os tres témoslle un gran cariño á nosa lingua e polo tanto dámolo todo neste proxecto, e grávase cun móbil, o que fixo que eu me soltara tanto xa dende o principio, tendo en conta que eu acababa de saír da facultade e non tiña apenas experiencia.
Pois poderíase dicir que si. Cando un vídeo noso se viraliza en TikTok non só chega aos galegos e galegas, senon que nos fala xente dende todas as partes do mundo. Na maioría das veces é con mensaxes de cariño e admiración pola nosa lingua, e iso énchenos de enerxía para seguir creando.
Como axudan as redes sociais a achegar o galego?Hoxe calquera cousa pódese viralizar, non importa a lingua na que fagas o vídeo, o que importa é a mensaxe. Se é un contido creativo que lle poida interesar á xente vaise viralizar e iso é o que teñen que ter en conta os creadores de contido en Galicia. As redes tamén están para nós e para a nosa lingua como para calquera outra.
Participades en todo o que é tendencia, recentemente xogando ao Wordle. Por que é tan importante sumarse á conversa?Un dos nosos obxectivos é chegar á xente nova, polo tanto queremos estar onde estea a xuventude. No seu momento unímonos a TikTok e a Twitch, e intentamos unirnos tamén a todas as tendencias do momento nas redes. É importante ter tan en conta ao público novo porque é a forma de transmitirlle o noso amor pola lingua.
Que será o próximo de Dígochoeu?@digochoeu Xogamos ao #wordle en #galego no #ApuntamentoLusófono e non foi mal a cousa #DígochoEu ♬ original sound - #DígochoEu
Non sabemos que será o próximo, pero temos claro que queremos seguir na liña de innovar e adaptarnos ás novas formas de comunicar e de centrarnos sobre todo na xuventude, aínda que o DígochoEu é para todo aquel que queira sumarse.
E para rematar, cal é a túa palabra favorita en galego?Non teño unha palabra favorita en concreto. Gústame o galego porque me sinto cómoda falándoo. Pero se teño que destacar algunha palabra direi que me fixo moita graza coñecer a palabra lambecricas.
Moitas grazas, Esther, por esta entrevista e parabéns a todo o equipo do #DígochoEu polos Mestre Mateo e polo traballazo de divulgación que facedes do galego.
E ti xa sabes, todos os días aprenderás algo novo da nosa lingua en #DígochoEu.