Ana Fernández Vilas compaxina o seu labor investigador e o seu traballo como docente no Mestrado InterUniversitario de Ciberseguridade UVIGO-UDC, coa dirección da Cátedra R en Ciberseguridade. E reservou un oco para charlar connosco.

Hai poucos meses celebrouse a segunda edición de CyberSec@GAL, centrada na ciberseguridade no teletraballo. Que retos puxo sobre a mesa esta nova realidade que chegou tan rápido?

Os retos son multilaterais e de alto impacto porque non só unha importante masa dos traballadores se incorporou ao teletraballo, senón que se acelerou a dixitalización en todos os sectores, por suposto o sector retail, pero tamén asistimos aos primeiros pasos de dixitalización do sector sanitario, o que considero un enorme logro.

Entrevistamos a Ana Fernández Vilas, directora de la Cátedra R en CiberseguridadOímosche falar da ‘sanidade dixital’. Que é exactamente e que podemos facer cada un de forma particular?

Nunha sociedade con alto nivel de dixitalización, temos que garantir a boa saúde da nosa sociedade dixital, isto é a seguridade de información, sistemas e servizos, tanto no que se refire á confidencialidade e integridade da información como á dispoñibilidade da mesma.

O símil: reclamar a prevención de incidentes que lle afecten á nosa sociedade dixital co establecemento dos protocolos e medidas de control necesarios; detallar o diagnóstico fronte calquera situación que afecte ao seu correcto funcionamento; e a intervención para garantir a súa continuidade.

A edición deste ano desenvolveuse integramente online. E é que agora as relacións son cada vez máis dixitais. Estamos preparados para a vida online? Vainos afectar dalgunha maneira a medio prazo?

Creo que estamos preparados para incorporar actividades online na nosa vida, que non é nin dixital nin online. Ou iso espero.

A crise sanitaria púxonos diante outra realidade, a educación online. Ti como tiveches que adaptar a túa actividade docente dentro do Máster InterUniversitario de Ciberseguridade UVIGO-UDC

A docencia online supuxo un esforzo importante de adaptación tanto dos docentes como dos alumnos. No contexto da alerta sanitaria, o modelo online satisfixo con folgura as necesidades de formación e considero que os alumnos puideron alcanzar as competencias nos distintos cursos.

Aínda sendo así, as carencias dun modelo integramente online fixéronse palpables nalgúns contextos, por exemplo, prácticas de laboratorio, prácticas en empresas, competencias de traballo colaborativo e, moi especialmente, na interacción alumno-profesor e alumno-alumno, que se viu resentida.

Tanto alumnos como profesores melloramos nas nosas competencias e disposición para docencia online e isto pode ser un elemento facilitador para a docencia presencial que, a día de hoxe, considero insustituíble.

Cátedra R en CiberseguridadAdemais do Máster, dirixes a Cátedra R en Ciberseguridade e realizas un importante labor de investigación. Muller, en postos de dirección e no ámbito das enxeñerías. Hai brecha de xénero?

Si, non descubro nada novo, hai brecha de xénero nas enxeñerías en particular, pero na investigación científica e tecnolóxica en xeral.

Son optimista, non podemos cambialo todo en dous días, pero é importante que o problema se perciba, e estase facendo porque aquí mesmo estamos a falar diso. Percíbese, ademais, porque ten impacto económico, e danse pasos, seguro que máis amodo do que todos desexariamos.

Pero, na miña opinión, a miúdo non hai outra forma. As accións de impulso externo teñen que propiciar un cambo interno como sociedade; non son socióloga, pero entendo que isto require o seu tempo. Sen dúbida, canto máis esforzo poñamos niso antes taparemos esa fenda.

Todos facemos propósitos de ano. Que obxectivos te marcas este 2021?

Creo que o ano 2021 será un ano de adaptación. Unha vez superado o susto de 2020, seguiremos aplicando plans de continxencia na nosa vida persoal, no traballo, na sociedade en xeral. Pero, este ano, de forma máis consciente e informada.

Teño obxectivos para 2021, e teño plans para alcanzalos, pero, sobre todo, a experiencia de 2020 deume ferramentas para matizar obxectivos e adaptar plans nun ano de incerteza.

Moitas grazas, Ana. Seguiremos moi de preto eses proxectos.