R e a AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) colaboran no desenvolvemento do programa startups R_DICo Challenge  polo que o operador galego se converte en aceleradora de contidos dixitais. A idea é rendibilizar a medio prazo esas solucións que xurdan da aceleradora e axudalas a atopar unha saída áxil e eficaz no mercado, mesmo con R como primeiro cliente.

A aposta de R consiste en abrirse ao ecosistema de emprendedores, empresas e outras entidades da contorna dos contidos dixitais para colaborar con eles no desenvolvemento de proxectos innovadores que poidan, por unha banda, solucionar os retos de innovación da compañía e, polo outro, enriquecer o tecido empresarial galego dos contidos dixitais.

Práctico e directo

O de DiCo Challenge é un enfoque práctico e directo. Trátase, en esencia, de colaborar para resolver problemas relevantes e específicos, e de que os proxectos participantes atopen un lugar no mercado. É por iso que a fase de aceleración ten unha duración de tan só catro meses e que se utiliza unha metodoloxía de apoio aos proxectos de emprendemento centrada en facer un uso eficiente dos recursos e obter unha validación temperá co mercado.

Os obxectivos esenciais do programa son a xeración de emprego, o fomento do emprendemento e o empurre á innovación tecnolóxica a través do apoio a emprendedores e empresas novas ou consolidadas, relacionadas co ámbito dos contidos dixitais, de dentro ou mesmo de fóra da comunidade e do Estado, se é o caso.

Retos e selección dos proxectos

O programa comezará co lanzamento de 5 retos tecnolóxicos, un deles patrocinado pola Televisión de Galicia, que nos próximos días se poderán consultar na web da aceleradora (www.startupsR.com). Un comité de avaliación seleccionará, nunha primeira fase, 20 candidatos do total de participantes que se presenten, e nunha segunda fase elixiranse os 5 proxectos definitivos.

Alfredo Ramos, director xeral de R salientou que a idea é “canalizar o talento e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e servizos”.

Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo o acento na importancia desta “iniciativa do programa DiCo Mindset da Xunta, coa que se procura primeiramente xerar emprego no sector, animar a emprededores e potenciar a innovación tecnolóxica en Galicia para fornecer un mercado en alza e competir a todos os niveis dentro e fóra da comunidade”.

Mentor, instalacións e axudas

Entre as temáticas de retos e proxectos haberanos tan variados coma o gaming, publicidade e marketing, novos contidos e experiencias, formación innovadora, realidade virtual e aumentada, modelos de negocio, Internet das Cousas (IoT) e Intelixencia Artificial (IA), contidos sociais, apps Android, seguridade e propiedade, contidos enriquecidos, distribución, audiovisual…

Os seleccionados recibirán sesións formativas durante varios meses e terán, ademais, á súa disposición, cadanseu mentor e a axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento dos proxectos. Ao tempo, os 5 retos seleccionados no programa startups R_DiCo Challenge, que poderán utilizar o espazo startups R habilitado na Cidade da Cultura, traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores de R e beneficiaranse do uso das instalacións e a visibilidade derivada de camiñar a carón do operador galego durante este tempo. Ao final, e tras a mutua aprendizaxe, os elixidos terán en R un potencial primeiro cliente e un trampolín para outras saídas comerciais ao mercado.

Presentación de startups R DiCo Challenge

Toda a información e a convotaria estará dipoñible a próxima semana en startupsr.com/dico-challenge

Axenda Dixital 2020

Ao remate desta primeira edición do programa, no mes de xuño-xullo de 2019 desenvolverase unha xornada-demo para analizar o resultado destes meses de traballo e a materialización dos proxectos.

O programa startups R_DiCo Challenge enmárcase de xeito global nos compromisos adquiridos pola AMTEGA na contorna da Axenda Dixital 2020 para desenvolver proxectos tractores que fomenten a modernización e a innovación tecnolóxica (acordos Dico Mindset). Esta colaboración entre a administración autonómica e máis o operador galego forma parte, así mesmo, do protocolo asinado en 2013 entre a Xunta e máis R para potenciar o desenvolvemento dixital da comunidade.

En suma, innovación aberta e colaborativa en Galicia entre os sectores público e privado con emprendedores e empresas, para lle dar saída ao talento innovador de cara á plena dixitalización e desenvolvemento da sociedade galega.