Touriñán fíxonos rir a gargallada limpa a semana pasada nos monólogos R que aínda podes volver ver no rebobina da túa televisión R. E como é tan xeneroso, tamén nos levou de viaxe a un lugar moi especial para el: a Costa da Morte.
Durmir nunha cabana e pasear pola praia
Para pasar unha noite ou unha fin de semana, o actor galego queda coas cabanas do bosque: “Os Nidos de Carnota” ou o “Glass Cube” en Outes. Sobre todo, pola zona na que se atopan: “levántaste pola mañá e, se queres, dás un paseo ou, ao que lle guste andar na bici, pois rutas en bici. Pódense facer rutas tamén, para os máis deportistas, ata o Pindo se queren sufrir, sufrir; ou, senon, pasear, porque hai mil rutas”.
El recoméndanos percorrer a praia de Lira: “É a máis grande. Non quero dar datos falsos pero vou a dicir ‘do mundo’. Bueno, do mundo non é, pero será de España ou, non sei, unha das máis grandes. Ten moitos quilómetros de longo. E é unha gran zona para pasear”.
Outra opción é a praia de Ancoradoiro, antes de entrar en Muros, para abrir apetito antes de tomar o vermú.
Máis de vermú que de mercado
E é que Touriñán non é de ir ao mercado ou á lonxa, aínda que si lle gusta ir ver como poxan en Muros ou Noia. Pero onde estea un plan de vermú cuns bos berberechos en Esteiro, que se quite o demais. E se é con amigos ou familia, mellor: “Son de estar acompañado sempre. Todas estas cousas que se desfrutan na vida hai que compartilas porque se desfrutan o dobre”. Di que si!
Homenaxe gastronómico en Casa da Crega
Para comer gústalle achegarse a Caldebarcos, en Carnota. Alí atópase Casa da Crega, “xente fabulosa” que prepara unha caldeirada de raia moi recomendable.
Dende esta mesma terraza, podes dar un paseo ata calquera dos chiringuitos que hai a pé de praia en Caldebarcos. Parada para tomar un xeado e darse un chapuzón para espabilar, porque “a auga alí normalmente quente non está. A quen tiña que acender o quentador, esquecéuselle”.
Tamén podes seguir directamente para o Ézaro: “Facer unha paradiña alí, no Pindo, que ten unha das praias máis bonitas de toda esa zona. Coidado cos escarapotes e coas fanecas bravas, que pican os pés, pero a auga é preciosa. Mellor vela dende fóra: entrar tamén é complicado; pero para refrescarse, para ir espabiando para a cea”.
Anoitecer no Ézaro
Para finalizar o día, a Touriñán conquístalle a zona de Ézaro. Proponnos dar un paseo ata a fervenza e terminar nunha das terrazas que dan á praia, para cear picando algo e tomarse un "combinado": “Para min, como me gusta a tranquilidade, son lugares perfectos para tomar unha copa tranquilo”.
Non só en Ézaro, tamén en Lira, en Louro, en Lariño, en Carnota, en Caldebarcos ou no Pindo.
A verdade é que nos parece un ‘planazo’!
Por certo, que Touriñán anda metido nisto das viaxes. Acaba de estrear o novo programa “Rutas bizarras” en la2. Xunto coa tamén actriz Marta Hazas percorre a nosa xeografía na procura dos lugares máis curiosos, os que non adoitan aparecer nas rutas turísticas, os máis peculiares e extravagantes. Non o perdas!
Moitas grazas, Touri, por ensinarnos a Costa da Morte.
Imaxes de Turismo de Galicia.