Non fai falta saír de Galicia para desconectar uns días. Os nosos bosques esconden un tesouro para relaxarte no medio da natureza: as cabaniñas do bosque. E se che dicimos que por cada dez árbores debe de haber unha casiña, igual non esaxeramos 😉.

E motivos non faltan: espertar vendo carballos centenarios, almorzar tranquilamente na túa propia terraza, dar un baño nun jacuzzi ao aire libre, pasear polo bosque e acender a cheminea ao chegar. Como che soa?

Cabaniñas do Bosque en Outes

No interior da ría de Muros e Noia atópanse as tres leiras que forman parte do conxunto de Cabaniñas do Bosque.

As Cabanas ‘Os Apriscos’ distribúense nunha leira dunha hectárea con tres cabaniñas; en Os Mourelos está a ’Cabana de Carlos’; oito casiñas entre árbores nas ‘Cabanas do Barranco’; catro en Broña, a pé de praia; seis cabanas accesibles nas ‘Cabanas sen Barreiras’; outras catro na ‘Cabana de Carmen’; e nove cabanas nas árbores e cinco pallais en ‘Cabanas de Albeida’, con vistas ao río Tambre e aos montes do Barbanza.

Cabaniñas do Bosque

Sen saír de Outes, e a tan só 500 metro da praia, prepárate para durmir en Glasscube Experience. Cubos de cristal con diferentes temáticas, terraza e jacuzzi privado.

Glasscube Experience

Carnota, Fisterra e Lires

Preto de Outes, en Carnota, propóñenche aloxarte nunha das súas seis cabaniñas á vez que desfrutas da paixón polas aves. Ademais, dende os Nidos de Carnota podes facer a ruta dos Faros, subir ao Monte Pindo ou gozar das súas praias.

Nidos de Carnota

Seguimos subindo pola Costa da Morte ata chegar ás Cabañas Fisterra. Almorza con vistas á praia, desfruta do jacuzzi e pide extras como unha masaxe ou unha mariscada na cabana.

Pola zona tes máis opcións de aloxamento natural: as Cabañas de Lires, dende as que contemplar impresionantes postas de sol fronte ao Monte Neme.

Comarca de Bergantiños

En Malpica, na zona de Barizo, sorprenderache ver cinco cabanas de cores. Son as Cabanas de Vendaval e con esa decoración lembran a tradición mariñeira de pintar as casas cos restos de esmalte dos barcos. Contan con terraza para ver o atardecer e vistas ao mar e ao porto de Barizo.

Cabanas de Vendaval

Sen saír da comarca, imos a Laxe. Rodeado de montañas e en contraste co mar, atópase A Torre de Laxe. Catro cabanas en altura estilo loft equipadas con jacuzzi, terraza e cheminea.

A Torre de Laxe

E se prefires estar a pé da praia de Laxe, encantaranche as Cabanas Narea. Esperta escoitando o mar nunha das súas catro cabanas e reláxate na súa terraza cunhas vistas espectaculares.

Rianxo

Se che tira máis a zona das Rías Baixas, en Rianxo atópase a Aldea Os Muiños. Podes durmir no medio do bosque no Refuxio e o Niño, cabaniñas realizadas con contedores marítimos reciclados con acabado exterior en madeira.

Aldea Os Muiños

Tui

En Aloia Nature propóñenche durmir en pleno parque natural do Monte Aloia. Xa podes facer unha idea da cantidade de actividades ao aire libre que desfrutar pola zona. O mellor de todo é a panorámica do río Miño.

Estes aloxamentos forestais ofrecen tres cabanas elevadas con jacuzzi para relaxarte no medio do bosque e tres cabanas estudo de madeira tipo apartamento con máis capacidade.

Aloia Nature

Arredores de Santiago de Compostela

Imos ao interior para deternos na zona de Compostela, concretamente en Boqueixón. Dende Enoturismo María Manuela propóñenche aloxarte en seis acolledoras cabanas con cheminea, terraza e jacuzzi exterior, bautizadas con nomes de árbores que se atopan na carballeira que as contempla.

Enoturismo María Manuela

Non moi lonxe, en O Pino, atópase Vila sen Vento. As súas cabanas entre as árbores escóndense entre altos abetos que podes contemplar mentres te dás un baño no jacuzzi da terraza.

Provincia de Lugo

Preto da cidade de Lugo, en O Veral, escóndense tres cabanas mergulladas no bosque autóctono de Ribeira, na beira do río Mera. As Cabanas das Chousas son ideais para durmir entre as árbores con todas as comodidades e facer sendeirismo pola Ruta das Chousas, de gran valor ecolóxico-etnográfico.

Cabanas das Chousas

Moi próximo a Viveiro, na parroquia de Galdo, o Alojamiento Experiencia Mi Tesoro, permíteche durmir nun dos seus tres apartamentos hobbit. Semienterradas no alto dos outeiros, sentirás como en 'El señor de los Anillos' e poderás facer rutas de a cabalo pola zona.

Alojamiento Experiencia Mi Tesoro

Experiencia burbullas

E se durmir nunha cabana no bosque é toda unha experiencia, facelo nunha burbulla sorprenderate. No municipio de Oleiros, na Coruña, e en Sanxenxo, Albarari, proponche gozar da noite observando as estrelas con todas as comodidades.

Albarari

O concepto tamén o probaron en Remanso de Trasfontao, en Silleda. A súa ‘Burbulla Carballo’ permitirache pasar unha noite inesquecible baixo as estrelas.

Glamping

E se xa apuntaches á moda do glamping, o camping con glamour, dámosche algunhas referencias para pasar estes días de descanso.

No Camping & Glamping Muiñeira de San Vicente do Mar no Grove teñen ‘Tendas Glamping’ e ‘Lodge EcoPod’ para desfrutar da natureza e a liberdade a pé de praia.

Camping & Glamping Muiñeira

Podes durmir en tendas de madeira e lona no medio no Camping Bayona, no Camping Isla de Ons e no Camping A Lagoa, en Valdoviño; ou elixir entre cabanas, tendas elevadas ou caravanas no Camping Santa Tecla.

Despois de ver estas cabaniñas, está claro que Galicia é o mellor destino para estas vacacións.

Xa pensaches na túa próxima escapada? Cóntanos nos comentarios.