O entroido máis longo de Galicia, e de Europa, celébrase en Xinzo. No 2024, arranca o día 20 de xaneiro e esténdese durante cinco domingos. Contámosche todo o que necesitas saber sobre o Entroido de Xinzo de Limia.

O de Xinzo é un entroido moi popular que foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional en 2019 e que forma parte do chamado "Triángulo Máxico", xunto cos Entroidos de Verín e de Laza.

Cando se celebra o Entroido de Xinzo de Limia 2024

Toma nota da primeira data que debes apuntar na túa axenda carnavalesca de Xinzo do 2024: sábado 20 de xaneiro.

O Entroido de Xinzo arrinca co tradicional Petardazo a medianoite dende a praza Carlos Casares. O reloxo da praza encárgase de marcar a conta atrás para o arranque da festa.

  • 23:00 horas: A Gramola Tour Trucken na praza Carlos Casares.
  • 00:00 horas: Petardazo Carnaval Xinzo de Limia 2024. E música con Xituma Batuke, Charanga BCB e A Gramola Tour Truck.

A partir de aí, cinco domingos de entroido, cada un co seu propio nome e tradición, nos que a diversión non se detén na localidade ourensá de Xinzo.

Para que vaias preparándote, aquí temos o cartel do Entroido de Xinzo 2024, obra de Roberto Nogueiras.

carnaval xinzo cartel
Fonte: Comisión do Entroido de Xinzo

E aquí podes consultar o Programa completo do Entroido de Xinzo 2024.

Domingo Faraleiro no Entroido de Xinzo de Limia

A fariña é a protagonista dunha xornada que deixa Xinzo tinguido de branco. É un costume que se vincula a ritos purificadores, de fecundidade e de bendición do campo.

Só debes respectar unhas normas básicas: non tirar fariña aos ollos, aos coches ou ás tendas.

En 2024, o Domingo Faraleiro de Xinzo terá lugar o 21 de xaneiro.

Axenda do Domingo Faraleiro

  • 16:30 horas: O carro con fariña sae do Museo Galego do Entroido.
  • 17:00 horas: "Farelada"na Praza Maior de Xinzo.

Colgamento do Meco e Domingo Oleiro en Xinzo

Unha semana despois, o domingo 28 de xaneiro, quenda para o Domingo Oleiro.

Debe o seu nome ao costume de pasar olas de confeti, fariña ou auga entre os asistentes. Ao que se lle rompa a ola, tócalle convidar a unha rolda no bar.

Celébrase na Praza Maior de Xinzo de Limia.

O día anterior (sábado 27), "entre lusco e fusco", ten lugar o "Colgamento do Meco".

O Meco percorrerá a zona vella de Xinzo, dende o Museo Galego do Entroido, acompañado da súa comitiva, da que forman parte, entre outros, o "Touro do Entroido", os "Gordos" ou os "Homes de Palla". As vestimentas deste singular desfile son, principalmente, traxes tradicionais, con especial presenza de zocos de madeira. O Meco vai rodeado de "fachóns".

O seu destino final é a praza Maior, onde será colgado e permanecerá ata o final do Entroido.

O Meco do Entroido de Xinzo está feito de palla a imaxe e semellanza de... Pois depende do ano, aínda que sempre será dalgún personaxe de actualidade.

Axenda do sábado 27 e domingo 28

  • Sábado 27, ás 22:00 horas: Concerto de Tanto Nos Ten.
  • Sábado 27, ás 00:00 horas: Concerto de Fanfarria Taquikardia.
  • Domingo 28, ás 12:30 horas: Oleiro infantil.
  • Domingo 28, ás 17:00 horas: Oleiro.
  • Domingo 28, ás 20:30 horas: Concerto de Lagharteiras e Coro Aimil.

Domingo Corredoiro no Entroido de Xinzo

O día 4 de febreiro, Domingo Corredoiro, é o momento das tradicionais Pantallas, a imaxe máis recoñecida dos Entroidos de Xinzo. Será a partir das 12:00 horas da mañá.

Cos seus bailes, saltos e alegría enchen de ambiente as rúas de Xinzo.

O día anterior, Sábado Corredoiro, é unha xornada de esencia feminina; as mulleres reúnense en celebracións por todo Xinzo e os homes vístense de mulleres.

Fin de semana de Entroido en Xinzo 2024

carnaval xinzo carro
Fonte: Concello Xinzo de Limia

A fin de semana central do Entroido arrinca o venres 9 de febreiro.

É o día dos/as nenos/as, con desfiles, xogos e concursos infantís.

O sábado 10 tocan as chirigotas, con festival de canción de humor incluído.

O Domingo de Entroido celébrase o día 11 de febreiro.

Nenos/as e adultos/as disfrazados e gozando do ambientazo enchen as rúas da localidade.

Tamén hai desfiles, concertos, verbenas e charangas amenizando unha fin de semana moi completa na que resulta imposible aburrirse.

Axenda do venres, sábado e domingo de Entroido

  • Venres 9, ás 12:30 horas: Gran Desfile Infantil.
  • Venres 9, a partir das 21:00 horas: Charangas.
  • Sábado 10, a partir das 12:00 horas: Charangas.
  • Sábado 10, ás 18:00 horas: Concierto Agrupación Musical da Limia.
  • Sábado 10, ás 21:30 horas: Verbena coa orquestra La Travesía.
  • Domingo 11, ás 11:30 horas: Concerto Agrupación Musical da Limia.
  • Domingo 11, a partir das 12:00 horas: Charangas.

Martes de Entroido en Xinzo: o desfile

O Martes de Entroido (día 13 de febreiro) ten lugar un multitudinario e animado desfile.

Os participantes van disfrazados e acompañados de carrozas e comparsas.

Axenda do martes de Entroido

  • Martes 13, a partir das 12:00 horas: Charangas.
  • Martes 13, ás 17:00 horas: Gran Desfile do Entroido de Xinzo.

Enterro da Sardiña no Entroido de Xinzo

O mércores, día 14 de febreiro, celébrase o popular Enterro da Sardiña tras a procesión e lectura do seu testamento, como manda a tradición.

Bispos, viúvas, sancristáns e demais personaxes carnavalescos integran o singular funeral, que inclúe a lectura de coplas satíricas.

Axenda do mércores 14

  • 20:00 horas: Procesión da Sardiña. Acompaña a comitiva a Agrupación Musical da Limia.
  • 21:00 horas: Lectura do testamento da Sardiña.

Domingo de Piñata en Xinzo de Limia

O último domingo de celebración de entroido en Xinzo é o Domingo de Piñata, o día 18 de febreiro.

Para que os máis pequenos tamén se despidan ao grande do Entroido de Xinzo, colócanse piñatas repletas de doces e lambetadas.

Axenda do Domingo de Piñata

Domingo 18, a partir das 12:00 horas: Charangas.

Domingo 18, ás 17:30 horas: Actividades infantís.

Domingo 18, ás 19:00 horas: Verbena coa orquestra Solara.

Acábase a festa e é hora de aparcar, ata o ano seguinte, a transgresión e a xolda que caracteriza a este entroido de gran tradición e historia.

Historia do Entroido de Xinzo de Limia

carnaval xinzo pantalla
Fonte: Concello Xinzo de Limia

Non se sabe cando naceu exactamente o Entroido de Xinzo, pero si é seguro que o fixo fai centos de anos.

O Entroido de Xinzo é unha festa de orixe ancestral.

As teorías máis populares apuntan a que a súa orixe estaría en ritos agrícolas e gandeiros da época prerromana ou en tradicións celtas, pola súa mestura de simbolismo relixioso, xudicial e social.

O Entroido de Xinzo é unha festa popular para a que a localidade se prepara durante todo o ano. E moitos deses esforzos dedícanse ao vestiario, un dos seus elementos máis típicos e coñecidos.

Pantallas do Entroido de Xinzo

A Pantalla é o disfrace típico do Entroido de Xinzo.

Como visten as Pantallas? Calzóns brancos longos, camisa branca, capa vermella (ou negra) con multitude de cintas de cores, faixa á cintura, pano no pescozo, luvas brancas, polainas negras con cintas vermellas e zapatos negros.

Non pode faltar o cinto de cascabeis, utilizado para emitir o son característico do Entroido de Xinzo.

Como toque final, a careta de Pantalla, unha máscara rural feita con cartón duro, papeis de xornal e feltro de sombreiro clásico. A base de cola, fariña e auga tépeda moldéase unha cara que lembra á dun demo encarnado amable, ao que lle sae un corno da parte traseira da cabeza que debuxa símbolos animais ou astrais.

Todo o disfrace está elaborado de forma artesanal.

E un imprescindible: dúas vexigas de vaca que, secas e infladas, son os utensilios utilizados para "incordiar" a todos aqueles con quenes se cruzan as Pantallas. As súas vítimas favoritas: persoas sen disfrace. Perseguiranas para que se unan á festa. E, se as cazan, tocaralles pagar unha rolda nalgún bar próximo.

Non hai mellores gardiás e recrutadoras de festeiros/as para o Entroido de Xinzo que as Pantallas :)

Así que non te resistas e goza dun dos entroidos máis populares de Galicia.

Fonte imaxe cabeceira: Cultura de Galicia.