O entroido galego é un dos máis ricos en personaxes e tradicións. Desta volta, queremos repasar con vós os personaxes do entroido en Galicia máis destacados. Porque alguén sabe a diferenza entre peliqueiros e cigarróns, unha pantalla ou un felo? Pois a partir de agora, si.

Peliqueiros (Laza)

Peliqueiros (Laza)Comezamos por Laza onde os peliqueiros son os principais protagonistas o domingo e martes de Entroido. Estes personaxes levan unha máscara cuberta pola parte posterior cunha pelica e un traxe composto por chaqueta, pantalón, zamarra e chocas, ademais doutros accesorios.

Os peliqueiros corren dun lado a outro da vila impoñendo a súa autoridade. A súa orixe non está clara, o que si se coñece é que o seu nome vén da pelica que levan detrás da careta.

Cigarróns (Verín)

Cigarróns (Verín)

En Verín os cigarróns xa empezan a percorrer as rúas o domingo antes do Entroido. Destacan por levar unha máscara feita con madeira e pintada na que resaltan as cellas, as meixelas, o bigote e o máis importante un descarado sorriso.

Prendido á máscara levan unha mitra na que aparece representado un animal ou algún motivo vexetal e pola parte posterior tamén vai tapada cunha pelica. O seu traxe está composto por unha camisa branca con gravata vermella, unha chaqueta curta con galóns e cubrindo os ombreiros charretas de militar con flocos.

Na cintura levan unha faixa e por riba un cinto de coiro do que penduran por atrás seis grandes chocas. Segunda a lenda, esta figura era un cobrador de impostos dos Condes de Monterrei e doutros señores da provincia, aínda que non hai nada demostrado xa que moitos investigadores remontan a súa orixe ao nacemento do ser humano.

Diferenzas entre cigarróns e peliqueiros

Moita xente pregúntase se son iguais, así que imos tentar contarche cales poden ser as diferenzas entre peliqueiros e cigarróns.

Asumindo que o peliqueiro é de Laza e o cigarrón é de Verín, as diferenzas non se notan moi a primeira vista. Algúns expertos aseguran que o que os diferenza é que o cigarrón non leva a “pelica” detrás da máscara, que é un anaco de pel que dá nome ao personaxe do Entroido de Laza.

Pero moitos veciños da zona aínda a día de hoxe din que as diferenzas son mínimas, que os traxes son os mesmos e o que máis os distingue é a súa forma de actuar, sobre todo pola orografía da zona. É dicir, polas zonas onde camiñan, a súa forma de saltar e bailar é diferente.

Moitos comentan que non é o mesmo ver un peliqueiro en acción que ver un cigarrón. O movemento, o son dos chocos... Todo cambia para os seus veciños e veciñas, pero para os que non somos da zona pode pasar desapercibido.

Pantallas (Xinzo de Limia)

Pantallas (Xinzo de Limia)En Xinzo os protagonistas son as pantallas que aparecen polas rúas o domingo previo ao Entroido, o denominado “Domingo Corredoiro”, golpeando dúas vexigas de vaca. A súa máscara ou pantalla contén a imaxe da cara do demo con cornos e decorada con motivos astrais.

O seu traxe está composto por camisa e calzóns longos brancos, capa vermella ou negra, pañoleta, polainas negras, zapatos negros e faixa vermella da que colgan as chocas.

Boteiros (Vilariño de Conso)

Boteiros (Vilariño de Conso)O boteiro é o rei do Entroido en Vilariño de Conso. É o líder do chamado fulión, que é un grupo de persoas que fan a banda sonora da festa, tocando todo tipo de utensilios metálicos como arados e gadañas, sempre acompañados de bombos.

A vestimenta de boteiro máis tradicional consiste nun cinto do que deben colgar 13 campaíñas para marcar o ritmo do paso. Tamén levarán calzóns de cores e botas negras de coiro.

En cada unha das parroquias de Vilariño de Conso existe un fulión, que conta á súa vez con varios boteiros, cada un coa súa máscara distintiva e diferente, segundo o lugar do concello ao que pertenza. Toda esta festa fai que o de Vilariño de Conso sexa considerado o Entroido en estado puro.

O día grande das festas de Vilariño de Conso é o chamado “Domingo Gordo”, que é o Domingo de Entroido. É o día elixido para celebrar o desfile dos fulións e ademais sempre cadra coa Festa do Cabrito, para acompañar con boa comida toda a celebración.

    Mázcara (Manzaneda)

    Mázcara (Manzaneda)Os protagonistas do Entroido en Manzaneda son a mázcara, o folión e o touro. A mázcara ten a cara descuberta e colócase na cabeza o chamado pucho (un tocado enorme). É o bailarín do folión e parte esencial da festa.

    O folión é un grupo de embaixadores musicais do Entroido que se envían reciprocamente entre unhas parroquias e outras. Cada folión ten un líder que lle di ao grupo a onde van, onde paran e onde bailan. E tamén levan unha ou varias mázcaras.

    Estes grupos tamén levan o chamado touro, representado por un home disfrazado de touro, que carga contra as persoas ao seu paso. Nas paradas recítanse os versos alusivos á familia respectiva e responden invitando a bebidas e doces.

      Felos (Maceda)

      Felos (Maceda)En Maceda destacan os felos, que se remontan ás festas pagás da Protohistoria ou ás festas hedonistas da antiga Roma. Pero non hai nada seguro segundo as investigacións.

      O seu nome é sinónimo de máscara que neste caso representa unha cara con xesto autoritario e sorriso socarrón, e na parte de arriba leva a ilustración dun animal ou dunha ave rapaz representativa da serra de San Mamede. O seu traxe é semellante ao dos peliqueiros de Laza e aos cigarróns de Verín. Ao longo dos días de Entroido os felos percorren as aldeas da serra e as rúas do centro da vila.

      Madamas e Galáns (Cobres-Vilaboa)

      Madamas y Galáns (Cobres-Vilaboa)O tradicional “Antroido dos Cobres”, segundo escritos da época, remóntase a principios do século XVIII e debe a súa vixencia actual á tradición oral. É un dos máis elegantes de toda Galicia.

      Os traxes, a música e os bailes fan que o seu paralelismo co mundo cortesán sexa moi destacado. O día grande é o martes, onde bailan pola mañá e fan xogos populares pola tarde.

      Os personaxes centrais do entroido de Cobres (parroquia do concello de Vilaboa) son as madamas e os galáns. Os seus traxes están cheos de abelorios e son moi caros, xa que representan o rango social máis alto.

      Outros personaxes deste entroido, representantes doutras clases máis baixas, son os de branco, as aldeás, os coidadores do galo, as choronas ou o predicador.

      Vellarrón (Riós)

      Vellarrón (Riós)É unha antiga máscara do Entroido de Castrelo de Cima, no concello ourensán de Riós, que agora mesmo se está a recuperar. Levan unha máscara de cartón duro e un traxe con lazos de cores e calzón tamén colorido.

      O Vellarrón sae en grupo a pedir cartos ou comida para despois facer un festín. Mentres camiña, toca as campás que leva na cintura e esgrime un pau, que usa para azoutar a quen atopa polas rúas.

      Antigamente, os Vellarróns ían acompañados doutros personaxes como a Madama, unha muller ataviada con roupa elegante, e o Farrangón, un home vestido con roupa vella e co rostro tapado, que se encargaba de recoller os aguinaldos que lles entregaba a vecindade.

      Follateiras e Follateiros (Lobios)

      Follateiras e follateiros Lobios
      Imaxe: Facebook Follateiros

      A tradición oral e a memoria da veciñanza de Lobios fixeron que unha nova figura do Entroido ourensán recuperase o seu esplendor. Son os follateiros e follateiras.

      Desde Lobios explican que antigamente non só había un traxe representativo do Entroido, senón que en cada localidade tiñan a súa propia figura diferenciada. E grazas á tradición oral recuperaron o follateiro, que se caracterizaba por vestirse con farrapos e cubrirse o corpo coa follaxe do millo.

      Todo o traxe do follateiro e da follateira faise con partes do millo. É dicir, coa follaxe desta planta.

      Volantes (Chantada)

      Volantes Chantada
      Imaxe: Turismo Chantada

      A Ribeira Sacra conta con outro dos personaxes máis rechamantes e, sobre todo, coloridos do Entroido galego: os volantes.

      Estes personaxes levan na cabeza enormes sombreiros cheos de cintas que lle cobren todo o corpo e que varían nunha ampla gama de cores. Tamén é habitual que se poñan flores ou mesmo bonecos vellos no sombreiro.

      Os volantes sempre van acompañados dun grupo de gaitas e coa súa música bailan facendo soar as súas chocas e movendo as cintas que saen das súas cabezas cun ritmo case hipnótico para quen os mira.

      Xenerais do Ulla (comarca do Ulla)

      Xenerais do Ulla
      Imaxe: Turismo Rías Baixas

      A comarca do Ulla (formada polos concellos de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces) teñen uns personaxes moi especiais no seu Entroido: os Xenerais do Ulla.

      Ataviados con traxes militares de época e montados a cabalo, os Xenerais e os seus Correos percorren as parroquias representando os “atranques”, que son unha clase de batallas dialécticas en parella nas que se burlan de diferentes temas de actualidade. Acompáñanos no seu percorrido diferentes coros, comparsas e parrandas.

      Merdeiros (Vigo)

      Personajes Carnaval Galicia: merdeiros en Vigo
      Imaxe: Wikimedia

      O personaxe máis mítico e peculiar do Entroido vigués foi recuperado a principios do século XXI. O Merdeiro era a síntese do carácter popular das Rías Baixas que desapareceu durante os anos 20 do século pasado por mor das ordenanzas municipais.

      O Merdeiro saía durante o Entroido para molestar á xente, fregando indistintamente ás súas vítimas con restos de peixe podre. O motivo da creación desta figura foi a rivalidade entre mariñeiros e campesiños. Hoxe en día, os Merdeiros suavizaron a súa forma de molestar aos veciños e, cando marchan, amosan o debido respecto sen perder a diversión.

      A vestimenta dos Merdeiro é unha imitación dos "escabicheiros", xentes do rural que antigamente recollían os restos de peixe e baleiraban os pozos negros da cidade para abonar os seus campos. Na actualidade recuperouse esaxerando os elementos do traxe e as ferramentas máis significativas: o sombreiro, os símbolos labregos (allos colgados, verduras, cenorias, cebolas, etc.) e a lanterna.

      Oso (Salcedo - Pobra do Brollón e Sande – Cartelle)

      Personajes Carnaval Galicia: oso de Salcedo
      Imaxe: Turismo Deputación de Lugo

      A figura do oso está moi presente no Entroido galego. Por exemplo, as aldeas de Salcedo e Cartelle.

      Na tarde do luns de Entroido en Salcedo, aldea do concello da Pobra do Brollón, un personaxe vestido con peles de año, campás e máscara de oso percorre as súas pequenas e ateigadas rúas.

      O famoso Oso de Salcedo percorre a aldea axudado polos seus criados mentres persegue a multitude, inmobiliza aos rezagados e manchaos de cinza.

      Na parroquia de Sande, no concello de Cartelle, a Asociación Cultural Entroido As Bonitas recuperou a saída e captura do Oso para o seu Entroido. Despois da sesión vermú e da comida do sábado de Entroido, o Oso aparece "a unha hora incerta", simbolizando que o inverno vai quedando atrás e a primavera se achega.

      Neste ritual, o Oso aparece cunha actitude feroz e ataca á xente ata que é “capturado” con vistas a participar no desfile do martes de Entroido xunto ás Bonitas, as Autardas e a Vaca, entre outros personaxes típicos da zona.

      A pesar da súa orixe incerta, esta tradición do Entroido galego parece estar relacionada coa fin da hibernación e coa chegada da primavera.

      Vixigueiros, Bonitos e Carolos (Samede - Paderne)

      Personajes Carnaval Galicia: Vixigueiros
      Imaxe: Wikimedia

      O Entroido en Samede, no concello de Paderne, é moi rico en personaxes e historia. Celebran catro días de festa onde a variedade dos seus eventos festivos o enchen de singularidade.

      Todos os seus personaxes intentan atraer a atención da xente facendo bromas, meténdose con xente que non está disfrazada e contando chistes.

      Os Vixigueiros vístense con traxes feitos con roupa vella que se atopa nas casas. Non hai ningunha norma que diga como teñen que vestirse. O que si deben ter son "chocas" ou vexigas inchadas. Hoxe en día, algúns Vixigueiros levan máscaras feitas con vimbios.

      Os Bonitos son personaxes que bailan a chamada muiñeira cruzada. Todos levan un sombreiro de palla decorado con plumas, lazos e flores. Todo o mundo quere ter o sombreiro máis grande e bonito, e hai unha famosa competición entre os Bonitos para ver quen ten o sombreiro máis espectacular.

      Outro dos personaxes que aparecen no Entroido de Samede son os Carolos, homes e mulleres que van completamente vestidos de branco e co rostro cuberto ou tapado, que tamén bailan a muiñeira cruzada. Os Carolos, se levan sombreiro, adoitan facelo sen plumas. Tamén están adornados con colares feitos de grans de millo.

      Madamas de Matamá (Matamá - Laza)

      Personajes Carnaval Galicia: madamas de Matamá
      Imaxe: Antroido de Matamá

      Na aldea de Matamá, no concello ourensán de Laza, recuperouse hai anos unha arraigada tradición dun personaxe moi especial do Entroido: as Madamas.

      Son mulleres ou homes que se colan disfrazados, vestidas de pés a cabeza con vellos edredóns (con estampados florais, de cores e tamén lisos). Durante o Entroido de Matamá saen a pasear polas rúas, sempre guiadas por un home que se encarga de que ninguén "se meta con elas e intenten destapalas".

      O obxectivo é que ninguén saiba quen son as mulleres debaixo das mantas das Madamas, polo que está permitido poñer roupa extra debaixo da manta para parecer máis gorda, ou cambiar a forma de andar. É dicir, hai que disimular.

      As Madamas móvense bailando e entran nas casas de Matamá e non teñen día nin horario fixo de saída. Poden aparecer nas casas da zona calquera día a partir do día de Reis. Iso si, sempre saen pola noite.

      Imaxes: Turismo de Galicia