Recibimos moitos impactos publicitarios ao día, pero uns deixan pegada e lémbranse e outros, non; como os pementos de Padrón 😉. E de impactar saben moito na axencia galega Quattro Idcp. A súa é unha “creatividade con sentidiño” e unha boa dose de humor. Así é como conseguen conectar coas persoas e sacarlles un sorriso.

E é o que lles levou a gañar un ano máis o Festival Internacional da Publicidade e o Humor, Smile Festival na categoría de Mellor Eficacia en Peza Gráfica polas súas “Noticias incribles do Combo Infinito”.

Sentámonos a charlar un intre coa axencia e faláronnos sobre a importancia das ideas, do humor e de noticias incribles 😉.

Aquí tes a entrevista completa.

Agencia Quattro idcp

Levades máis de 20 anos ideando campañas dende A Coruña. Como evolucionou a publi e os gustos dos galegos?

Nada cambiou. Hai distintos soportes, novos hábitos de consumo, a segmentación de a quen te dirixes está moitísimo máis afinada, a saturación de mensaxes é brutal, as posibilidades de duración e formato das accións e campañas son infinitas, etc., etc., etc., pero en realidade, todo iso é accesorio, nada diso é importante.

Se tes unha boa IDEA todo isto pasa a un segundo plano ou, dito doutra maneira, por moi boa planificación que fagas, por moito diñeiro que invistas, por moito que afines os soportes, senón tes unha boa idea, non valerá de nada.

O único importante segue sendo CONTAR algo que lles interese ás persoas (e non dicimos clientes intencionadamente) e CONECTAR con eles.

Iso é PUBLICIDADE con maiúsculas e iso seguirá inalterable.

Quizais o maior cambio en Galicia foi o uso do galego. Cando comezou a comunicar R non era común o uso do galego na publicidade, aí é certo que R abriu un camiño.

“Creatividade con sentidiño” resume a vosa maneira de facer as cousas. Que significado esconden esas palabras?

Sempre pensamos que a creatividade, as IDEAS, son a ferramenta imprescindible para conseguir resultados, que é para o que nos contratan. Ser quen de aplicar a dose necesaria de creatividade, facelo con sentidiño, é a nosa maneira de entender o noso traballo.

Por que apostades polo humor nas vosas campañas?

Aínda que en ocasións poida ser considerado un xénero menor, non hai nada máis difícil, e á vez pracenteiro, que lle sacar un sorriso a alguén. De todos os xeitos, depende do cliente, do produto ou da circunstancia. Non só de humor vive o ser humano, pero nós estamos encantados de facer gozar á xente.

Que ten o humor que conecta tan ben co público?

O mundo e a vida xa son suficientemente complicados. O humor é unha válvula de escape. A todos nos gusta rir, fainos esquecer os nosos problemas. Fíxate se é poderoso, que cando lle preguntas a moitas parellas que é o que lles namorou ou lles mantén unidas, a maioría dinche que se fan rir. É pura conexión. É moi poderoso e, ademais, o humor permíteche falar case de todo e saír indemne. É máxico!

A retranca é universal?

A retranca é moi galega, é o tipo de humor dominante na nosa terra. De feito, unha cultura non lle pon nome a algo se non é importante para ela. Pero o humor é universal, sexa cal sexa o tipo. Un finlandés ou un surafricano poden facer uso da retranca, pero é verdade que os galegos convertémosnos en verdadeiros mestres.

Algún referente ou humorista ou que vos inspire na axencia?

O ser humano. O ser humano pode ser marabillosamente gracioso. Ata o máis serio deles!

Cal é o voso proceso creativo en cada campaña?

Tanto se a campaña fai uso do humor, coma se non, o primeiro é buscar conceptos, insights sobre os que construír. E a mellor maneira de atopalos é, como diciamos, observar o ser humano. É unha fonte inesgotable de campañas. Cando sabemos que temos algo bo e hai que baixalo a unha campaña humorística, aí hai que soltarse do todo. Incluídas esas tontadas que pasan de forma fugaz polas nosas cabezas. É a única maneira, darlle liberdade á mente. Logo, coa resaca pasada, xa poñemos orde ao resultado.

Campaña Noticias increíbles del combo infinito

Como se fraguou a idea das “Noticias incribles do Combo Infinito”?

Ríndonos entre nós. Alguén di unha cousa graciosa, e outro a recolle e a amplifica… é un peloteo. Logo é verdade que che veñen referencias que che axudan a enfocar todo iso. Neste caso, acordámonos do xornal humorístico dos 90, “Noticias do Mundo”, e dos seus antecesores nos 80 en Estados Unidos… ou eses tabloides sensacionalistas que os anglosaxóns venden nos supermercados. É un mundo moi rico e interesante.

Non é a primeira vez que recibides un premio no Smile Festival. De feito, atesourades unha chea de galardóns. Como vos fai sentir o recoñecemento ao voso traballo?

Recibir premios sempre mola, porque despois do esforzo e o traballo que hai para sacar unha campaña, que alguén o recoñeza, mola. Todos temos o noso corazonciño.

Pero o que realmente mola é cando a túa filla che pregunta se este anuncio fixéchelo ti, cando che manda un Whatsapp un amigo ou cando o cliente chama todo contento dicíndoche que está a funcionar moi ben.

Cales son os vosos próximos retos?

Sen dúbida, seguir gozando do noso traballo.

Moitas grazas, Quattro Idcp, por este anaco de tempo cheo de creatividade.

E agora cóntanos ti, que che parece a campaña das “Noticias incribles do Combo Infinito”? Lémosche nos comentarios.