Nos últimos anos a comida xaponesa aterrou no noso país para quedar. Tivo moi boa acollida entre os nosos padais e moitos profesionais especializáronse nesta cociña e abriron restaurantes específicos.

En Galicia hai destacados restaurantes de comida xaponesa que contan con expertos cociñeiros que se formaron no país nipón. Un deles é Fernando Sousa (Pedro II, Estado do Piauí, Brasil, 1980) propietario do restaurante Hiroki en Vigo e hoxe cóntanos as reviravoltas gastronómicas dos seus pratos.

Dende hai uns anos a esta parte a comida xaponesa está a ter unha boa acollida nos padais galego, cal crees que pode ser a causa?

Seguramente é por ser, en primeiro lugar, unha comida exquisita e logo é moi saúdable, elegante e que "está de moda".

“… é unha comida exquisita e logo é moi saúdable, elegante e está "de moda"”

Crees que a gastronomía xaponesa está “de moda” ou veu para quedar?

Esta é a primeira impresión que causa pero en realidade non é certo.

Traballo con sushi dende hai case 20 anos e sei que a xente que o proba acaba elixindo o sushi como uns dos seus pratos preferidos.

Somos os galegos conservadores á hora para comer?

Os cliente do sushi non, pero en xeral si.

Cal é o perfil habitual dos vosos clientes?

Segundo os datos da nosa páxina de Facebook son principalmente mulleres e novas. Nós tamén notamos iso nos nosos restaurantes en Vigo e Pontevedra.

O padal que proba a comida xaponesa adoita repetir?

Eu diría que un 95% si. En canto ao resto, creo que un 4% próbano en sitios sen calidade e ao 1% non lle gusta.

Cal é a base da comida xaponesa?

Principalmente o arroz: eles teñen o seu prato estrela a base de arroz, a súa bebida estrela tamén é a base de arroz (que é o saque), tamén teñen sobremesas elaboradas a partir do arroz e elaboran pasta de arroz. Ademais os froitos do mar tamén teñen un peso moi grande na “dieta nipoa”.

“O arroz é o seu prato estrela: a bebida (o saque), as sobremesas e a pasta elabóranse a partir de arroz...”

Teñen algo en común a gastronomía galega e xaponesa?

Dende o meu punto de vista non, aínda que nas dúas gastronomías consómense moitos froitos do mar pero a elaboración é diferente.

Como podemos saber se estamos a comer un bo produto e ben elaborado?

Para o entendidos só polo aspecto pódese valorar un bo sushi.

O brillo do gran de arroz, a frescura do peixe, a limpeza e a presentación tamén son importantes, pero saber algo algo sobre o chef tamén o é. É conveniente saber onde e con quen aprendeu a elaborar esta cociña, cantos anos ten de experiencia, xa que fan falta varios anos para ser un bo cociñeiro de sushi.

Os máis veteranos elaborando sushi no meu restaurante coidamos que o que menos experiencia ten nunca quede só durante a súa elaboración, por iso insisto que é tan importante coñecer “quen” vai preparar a túa comida.

Existe o rumor de que degustar comida xaponesa non é para todos os petos. É iso certo?

É unha comida como calquera outra, hai para todos os petos.

En Vigo hai moitas opcións xa que ten a sorte de ter bos restaurantes de sushi, de feito foi a única cidade en ter dous representantes no campionato nacional realizado en Madrid o ano pasado. Entón pódese optar por máis calidade, máis cantidade ou un intermedio.

“Vigo ten moi bos restaurantes de sushi

E para rematar, poderíasnos dar unha receita fácil para facer na casa?

Trátase dunha receita dun entrante lixeiro e rico, “sashimi tamplado”.

Ingredientes:

  • 50 gr de filete de peixe (de carne tenra) atún, salmón, dourada, ollomol, palometa vermella, etc conxelado máis de 24 horas
  • 1 dente allo relado moi fino
  • 1 cullerada dun bo aceite
  • 2 culleradas de soia
  • 1 cullerada de zume de lima

Preparación:

Nunha tixola moi quente poñemos o peixe, o allo e o aceite á vez. Deixamos que apenas collan por todos os lados e sacámolo.

Cortámolo en cubos ou tiritas e poñémolo nun prato fondo ou nunha cunca, mesturamos o zume coa salsa de soia e bañamos todo o peixe.

Podemos acompañar o prato cunha ensalada.

Ata a próxima!