E é que hai dúas cancións do músico galego que son agora as máis escoitadas: “Lodo”, do seu disco “Sueños y Pan”, de 2017, elixida para anunciar o Xacobeo 2021; e “Ningún hombre, ningún lugar”, do álbum “Paramales” de 2015, xunto con “La espina de la flor en tu costado”, do seu último traballo “Si mi rayo te alcanzara”, que forman parte da banda sonora da serie do momento “El desorden que dejas”, de Netflix.

Sobre este éxito, o seu último disco lanzado en plena pandemia e sobre a súa traxectoria, charlamos con Xoel López.

Vives en Madrid, que botas máis de menos de Galicia?

A miña familia, a comida - un clásico- e logo non boto de menos tantas cousas porque vou moito. Souben aplacar a miña morriña, cóidoa. Cando teño demasiada gana, escápome. Agora xusto non é un bo momento para escapadas, pero sempre mantiven moita relación coa miña terra. Dende hai 23 anos que me fun, sempre estiven moi ligado a ela. Cando digo que levo aquí vivindo tantos anos, a xente non o cree porque me ven demasiado galego para vivir aquí.

Asinas campaña do Xacobeo 2021 coa canción “Lodo” do teu disco “Sueños y Pan” de 2017. Que significou para ti?

É moi bonito o feito de que collan unha canción túa e a elixan para unha campaña que tamén representa á túa terra. É coma se fose un premio.

E ademais é unha canción que xa estaba feita. É moi curioso, porque realmente adaptouse moi ben á idea e o feito de pensar que ti fixeches unha canción por un motivo, nun momento dado, e que logo se recupera e ten un sentido diferente... De feito, a canción fala do camiño, pero claro, do camiño da vida. Pero como eles o usaron para a campaña do Xacobeo, pareceume moi bonito. E sempre é como unha especie de premio, un agasallo, que unha canción que xa estaba aí, de súpeto teña un lugar privilexiado, destacado e chegue a máis xente aínda.

Tamén firmas a intro da serie do momento “El desorden que dejas” de Netflix co tema “La espina de la flor en tu costado”, do teu último disco “Si mi rayo te alcanzara”. Esperabas o exitazo que tivo?

Cero. De feito, o propio Carlos Montero, que é o director e tamén paisano que vive en Madrid (é outro “madrileiro”, como dicía Nancho Novo, que se consideraba un “madrileiro”), pois Carlos, cando me propuxo facer a cabeceira, xa tiña incluída no guión unha canción miña do disco anterior, “Paramales”, que se chama “Ningún hombre, ningún lugar”, nunha das primeiras escenas da serie.

Pero cando me dixo o de facer a cabeceira, vendeume a serie como unha cousa máis persoal, máis de autor. El viña de facer a serie “Élite”, que tivera un éxito internacional brutal, e dicíame que isto ía ser un pouco máis “baixo perfil”, por dicilo así. E eu creo que ata el mesmo sorprendeuse co éxito que tivo a serie. E eu, por suposto, pensaba que ía ter certa repercusión, pero non tanta como a tivo finalmente.

De feito, as cancións máis escoitadas agora mesmo de todo o meu repertorio son estas dúas: a cabeceira de “La espina de la flor en tu costado” e “Ningún hombre, ningún lugar”, que é unha canción que estaba aí un pouco esquecida.

E como che dicía co caso de “Lodo” no Xacobeo, as cancións son como sementes que están aí e non sabes cando van xerminar, ou a saír unhas flores novas, ou che van a sorprender. É moi bonito, saber que tes ese repertorio, ese cancioneiro, e que estará aí sempre, mesmo cando eu non estea, facendo das súas.

Por certo, viches a serie?

Si, a vin. Gústame ver series en xeral, pero neste caso era case obrigado. Lera o libro para entrar un pouco en materia antes de facer a canción, porque a serie non estaba feita. E a serie gustoume moito, vina este Nadal na Coruña, precisamente, cos meus pais. Fíxeno in situ, na serie sae moito A Coruña, e fíxome moita ilusión.

Ademais, está guay porque respectan todo o tema do acento galego, paréceme que está feita con moito agarimo. É unha serie moi transversal, pode vela alguén de 14 anos e alguén de 50 e pico ou 70, é como moi ampla, moi aberta.

Entrevista a Xoel LópezCóntanos máis cousas deste último disco “Si mi rayo te alcanzara”.

É un disco que estaba pensado para outro contexto, a idea non era que saíse precisamente en plena pandemia. O disco está composto antes e empezamos a gravalo en xaneiro - febreiro e xusto en marzo pillounos o confinamento e tivemos que paralo. Pero iso fixo que logo o retomásemos con máis enerxía, con máis gana.

Logo tivemos a dúbida, certo dilema de se sacalo ou non neste contexto, se tiña sentido; pero antepuxemos o artístico e decidimos que artisticamente tiña que ser así. Eu pensei que non tiña sentido sacalo máis tarde.

E tamén antepuxemos o feito de pensar que a xente que o estaba esperando, pois o merecía. É dicir, xa o ano é bastante duro, como para que aínda encima o artista do que esperas disco, non o saque. Parecíanos demasiado castigo. Non se pode celebrar todo da mesma maneira, non é ao 100%, está todo un pouco limitado; pero co que hai, imos celebrar no posible. E esa foi un pouco a filosofía para sacar o álbum neste contexto tan difícil, tan especial, tan raro.

“Xa o ano é bastante duro, como para que aínda encima o artista do que esperas disco, non o saque”

Música e audiovisual tocados en 2020, que podemos facer para salvar a cultura?

Cústame falar en termos xerais de que hai que facer. A miña proposta persoal é seguir traballando duro, non parar, seguir co que hai.

É verdade que ás veces as ferramentas non son dabondo, hai moita xente que está na súa casa e non fixo nada; pero dentro das posibilidades, é o momento de adaptarse ou morrer.

Realmente eu tiven que adaptar os formatos, eu estou a traballar o triplo e gañando a terceira parte. Iso é moi ingrato. Hai que xente que non lle dá nin para manter un proxecto, que iso é a parte máis triste. Cónstame que hai proxectos que caen e aí non sabes como vai ser o futuro. De feito, dáme moito medo pensar como será a volta á normalidade, como quedará danada a infraestrutura da música, que xa é un gremio especialmente delicado e difícil.

Pero vaia, eu son de veña, hai que ir con todo, con todo, con todo e toca facer triplo esforzo. É máis ingrato que nunca porque é o esforzo con menos volta da historia da nosa vida, pero é o que hai. Aí sae un pouco cara a fóra o espírito de supervivencia de cada un e as posibilidades que un teña, porque algúns nin sequera a teñen.

Entrevista a Xoel LópezVeste no Monte do Gozo dando un dos memorables concertos do Xacobeo?

Non hai nada sobre a mesa aínda. Estou un pouco, como din no fútbol, que agora entendo, cando aos futbolistas e adestradores pregúntanlles polo partido seguinte e sempre din “agora estamos centrados no partido que vén”. Está a pasarme un pouco o mesmo, cústame pensar máis aló do partido do domingo.

Eu agora teño un concerto en Zaragoza, veño de facer dous ou tres concertos este mes; despois de tres meses e pico sen tocar, estamos a retomar. E estou a pensar no seguinte concerto e pouco máis, porque me custa proxectar. Sempre que proxectas nestas circunstancias, hai moitas posibilidades de que caia o castelo que, se cadra resultou que era de area. Eu vou aí con pés de chumbo, partido a partido. Pero, obviamente, encantaríame pensar que si, que iso sucederá; pero non o quero proxectar demasiado na miña cabeza.

E se puideses compartir escenario, con quen sería?

Con toda a miña banda. Non puiden retomar aínda a idea orixinal, que era tocar 8 no escenario para presentar este disco. E gustaríame realmente facelo, oxalá sexa no Monte do Gozo, e poder estar os 8 tocando, que sería o máis harmónico coa idea do disco orixinal.

Entrevista a Xoel LópezEn maio saía á venda o libro “Conversaciones con Xoel López”, no que repasas con Manolo Tarancón as túas dúas décadas de carreira musical. Que balance fas destes 20 anos?

En realidade, son máis porque levo dende os 15 anos compoñendo e facendo proxectos, pero os que se viron mellor, digamos, son eses 20, dende que empecei co proxecto Deluxe ata o de agora.

Fago un balance positivo, creo que hai moitísimo traballo detrás, non se pode ver ou imaxinar. Non sei se llo recomendaría ao meu fillo, é dicir, debes telo moi claro e ter moita gana e moita ilusión. E como é o meu caso, tiña que ser, non podía ser doutra maneira.

Pero non sei se moita xente estaría disposta a pasar por todo o que pasei para estar aquí. É un traballo especialmente difícil, un pouco ingrato ás veces, pero tamén con momentos de moitísima ilusión e beleza, que tamén para min son os que lle dan sentido a todo.

Pero, sobre todo, permitiume viaxar moito, coñecer a moita xente e tamén dar renda solta ao emocional, que é polo que eu empecei a facer cancións. É dicir, necesitaba contar cousas, ordenar a miña cabeza, contalas aos demais, comunicarme, estar un pouco menos só quizais e a música permítechelo. É unha canle ideal para dar renda a todo o emocional que, ás veces, na sociedade no día a día parece que está máis reprimido, que non hai espazo para certas cousas. Fago un balance moi positivo, volvería facelo, volvería equivocarme.

“Fago un balance moi positivo, volvería facelo, volvería equivocarme”

E que lle pides a 2021?

Un pouco de 2019, que foi cando eu fixen o disco e estábamo pasando moi ben e a verdade é que foi un corte total. Sendo ambiciosos, a ver se podemos mesmo superar con fartura o que deixamos atrás.

Moitas grazas, Xoel, por compartir este momento connosco. Esperamos verte moi pronto sobre o escenario.

Moita sorte!!

Fotografías de Mónica Figueras.