O 17 de maio é unha data marcada no calendario para todos/as os/as galegos/as. É o momento de homenaxear a nosa lingua e a nosa literatura. É o Día das Letras Galegas 2025. E este ano celebrámolo lembrando a poesía popular oral.
Día das Letras Galegas 2025 homenaxeada: A poesía popular oral

Chegamos á 62ª edición do Día das Letras Galegas e o pleno da Real Academia Galega acordou adicarllo a á poesía popular oral, personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; a Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e a Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Este ano a Real Academia Galega volve a elixir unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo no ano 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Neste ano 2025 o que quixo facer a Academia foi recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.
A Real Academia Galega sinala na homenaxeada deste ano que a música foi sempre da man da poesía nas súas primeiras manifestacións. E aínda que, como todos sabemos, houbo unha prohibición de escribir en galego a partir do século XVI (os famosos Séculos Escuros), a poesía popular oral mantívose viva ao longo do tempo, sempre fóra das canles oficiais.
O que destaca desa poesía popular oral que festexamos ese ano é a súa actitude de espontaneidade, tolerancia, desorde e certa despreocupación pola forma. Isto valeulle normalmente unha valoración negativa desde os estratos sociais máis cultos, que sempre avogaban por una cultura baseada no coñecemento clásico e o acatamento ás formas.
Deste xeito, a poesía popular oral fluíu no tempo sempre coma unha corrente alternativa á denominada literatura “culta”, propia das clases subalternas que a compuxeron e a fixeron medrar. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo.
Todos temos nas nosas mentes as foliadas (ou polavilas, ou seráns), as celebracións da fin dos traballos agrícolas, con música e baile, ao xuntarse a xente arredor de cantadoras e pandeireteiras. Pois foi neses contextos onde medrou e se mantivo viva.
A poesía popular oral: pandeireteiras, cantadoras e foliadas

Para homenaxear a poesía popular oral no día das Letras Galegas 2025 a Academia seleccionou a varios personaxes representativos. Enténdese que na listaxe das elixidas non están todas as que son, senón que se buscou unha mostra representativa destas figuras que coidaron, arrequeceron e transmitiron esta tradición centenaria.
Adolfina Casás Rama (1912–2009) e Rosa Casás Rama (1914–2005)
As dúas naceron na Vila da Igrexa, en Cerceda. Son tía e sobriña, cantadoras e pandeireteiras, moi coñecidas na contorna da Coruña e de Culleredo, onde morreron. Sabemos das súas vidas persoais polo labor de Richi Casás, músico e neto de Rosa e sobriño neto de Adolfina.
A habilidade de Adolfina e de Rosa para música facía que fosen requiridas para cantar nos traballos comunais e nas foliadas, pois eran recoñecidas pola xente do lugar. Que pasasen penurias económicas non era impedimento para o seu labor musical. Se non había pandeireta utilizaban pratos, cuncas ou testos de potas, calquera utensilio servía como elemento de percusión.
A investigadora Dorothé Schubarth recolleu o seu canto para o Cancioneiro popular galego (1982) e destacou delas a súa variedade de melodías, a orixinalidade das coplas e a capacidade de improvisación. Máis tarde, a Central Folque editou sobre elas o libro-cedé Fuliada na Vila (2020), de Richi Casás.
Eva Castiñeira (1925-2008)
Naceu no lugar de Agranzón, en Muxía. O seu amor pola música e pola canción venlle de moi pequerrecha. Con tan só oito anos xa cantaba nos bailes e nas romerías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e mais coa súa irmá Engracia.
A principios de 1980 traballaba na casa de Tino Maceiras, un dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e comentoullo a Rodrigo Romaní, tamén membro de Ruada, fundador e integrante de Milladoiro.
En 1981, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada no álbum Recolleita, un traballo etnográfico coordinado por Pablo Quintana. Ese mesmo ano, Milladoiro convidou a Eva Castiñeira a participar nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña. Así converteuse, xunto á súa irmá Engracia, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk.
Outras pezas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón” (orixinalmente "Valse corrido"); “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior (2012), e cantado tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva”, que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.
Manuela Lema (1913-1993), Teresa García Prieto (1914-1979) e Prudencia (1905-1993) e Asunción Garrido Ameixenda (1915-2007): Pandeireteiras de Mens
As Pandeireteiras de Mens, tamén chamadas As Vellas de Mens, foron un grupo de labregas da parroquia malpicá que lles deu o nome: Prudencia Garrido Ameixenda e a súa irmá Asunción, do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens.
Adela Rey e Teresa Lema finaron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente mencionadas na candidatura no Día das Letras Galegas 2025.
Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música formando parte, a partir de 1972, da Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado.
Foron informantes do Cancioneiro popular galego, estudáronse os seus bailes e cantos no libro Debullando folklore de Manuel Cajaraville e puxéronse como exemplo de tocar a pandeireta co puño pechado no libro Os segredos da gaita de Xosé Lois Foxo.
Agora que xa coñeces á autora das Letras Galegas 2025, imos a poñerte a proba. ¿Canto sabes do Día das Letras Galegas? Xoga con nós 😉.
9 curiosidades do 17 de maio, Día das Letras Galegas
- O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio en homenaxe á data de publicación do primeiro libro en galego de Rosalía de Castro: Cantares Gallegos (17 de maio de1863).
- Precisamente Rosalía de Castro foi a primeira homenaxeada cen anos máis tarde, en 1963.
- Tras ela, outras cinco mulleres foron recoñecidas na historia: Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018), Xela Arias (2021) e Luísa Villalta (2024).
- Coa elección deste ano van só dous homenaxeados conxuntos na súa historia. O primeiro foi en 1998 e dedicóuselles aos poetas medievais Martín Codax, Xohán de Cangas e Mendinho. O segundo é este ano 2025, á poesía popular oral.
- Xa van 63 anos de celebración.
- Dende 1991, 28 anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festivo oficial en Galicia.
- A sede da RAG atópase na Coruña, na que foi residencia familiar de Emilia Pardo Bazán, e precisamente alí atópase a súa Casa Museo.
- O pleno extraordinario das Letras Galegas, que se celebra sempre o 17 de maio, tivo que trasladarse en 2020 a decembro debido á COVID-19.
- O Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, elixe cada ano por votación popular a Palabra do Ano. No 2024 foi “Cantereira”, no 2023 “Cibercarracho/a”, no 2022 “Comadre”, no 2021 “Tanxugueiras”, no 2020 “Nós” e no 2019 gañou “Sentidiño”.
Autores Letras Galegas: a quen se lle dedica
Para resultar elixido/a, a Real Academia Galega ten en conta dous requisitos:
- Ser autor/a dunha obra relevante en galego.
- Que teñan pasado 10 anos entre a súa morte e a designación para ese día.
Non todos os autores homenaxeados nas Letras Galegas naceron en Galicia. Un par de exemplos son os casos do rei Alfonso X o Sabio, que naceu en Toledo, pero escribía en galego-portugués.
Outro caso moi significativo é o de María Vitoria Moreno, que naceu en Valencia de Alcántara, Cáceres, pero que en 1963 se trasladou a vivir a Pontevedra. Ou frei Martín Sarmiento, que era de Vilafranca do Bierzo.
Día das Letras Galegas homenaxeados
Queres saber a que autores se lles homenaxeou anteriormente o 17 de maio? Aquí che deixamos a relación de todos os escritores homenaxeados nas Letras Galegas por ano:
- 1963: Rosalía de Castro
- 1964: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
- 1965: Eduardo Pondal
- 1966: Francisco Añón
- 1967: Manuel Curros Enríquez
- 1968: Florentino López Cuevillas
- 1969: Antonio Noriega Varela
- 1970: Marcial Valladares Núñez
- 1971: Gonzalo López Abente
- 1972: Valentín Lamas Carvajal
- 1973: Manuel Lago González
- 1974: Xoán Vicente Viqueira
- 1975: Xoán Manuel Pintos Villar
- 1976: Ramón Cabanillas
- 1977: Antón Villar Ponte
- 1978: Antonio López Ferreiro
- 1979: Manuel Antonio
- 1980: Alfonso X el Sabio
- 1981: Vicente Risco
- 1982: Luis Amado Carballo
- 1983: Manuel Leiras Pulpeiro
- 1984: Armando Cotarelo Valledor
- 1985: Antón Losada Diéguez
- 1986: Aquilino Iglesia Alvariño
- 1987: Francisca Herrera Garrido
- 1988: Ramón Otero Pedrayo
- 1989: Celso Emilio Ferreiro
- 1990: Luis Pimentel
- 1991: Álvaro Cunqueiro
- 1992: Fermín Bouza Brey
- 1993: Eduardo Blanco Amor
- 1994: Luis Seoane
- 1995: Rafael Dieste
- 1996: Xesús Ignacio Ferro Couselo
- 1997: Ánxel Fole
- 1998: Xoán de Cangas, Martín Códax y Mendinho
- 1999: Roberto Blanco Torres
- 2000: Manuel Murguía
- 2001: Eladio Rodríguez
- 2002: Fray Martín Sarmiento
- 2003: Antón Avilés de Taramancos
- 2004: Xaquín Lorenzo, Xocas
- 2005: Lorenzo Varela
- 2006: Manuel Lugrís Freire
- 2007: María Mariño
- 2008: Xosé María Álvarez Blázquez
- 2009: Ramón Piñeiro López
- 2010: Uxío Novoneyra
- 2011: Lois Pereiro
- 2012: Valentín Paz Andrade
- 2013: Roberto Vidal Bolaño
- 2014: Xosé María Díaz Castro
- 2015: Xosé Filgueira Valverde
- 2016: Manuel María
- 2017: Carlos Casares
- 2018: María Victoria Moreno Márquez
- 2019: Antón Fraguas
- 2020: Ricardo Carvalho Calero
- 2021: Xela Arias
- 2022: Florencio Delgado Gurriarán
- 2023: Francisco Fernández del Riego
- 2024: Luísa Villalta
- 2025: Poesía Popular Oral
Quen será o próximo ou a próxima homenaxeada? Teremos que esperar un ano para sabelo, pero non para celebrar o Día das Letras Galegas, iso podémolo celebrar todo o ano falando galego e lendo a nosa literatura.
Feliz Día das Letras Galegas 2025 para todos e todas!